"O xornalismo en galego tamén é esencial para a supervivencia da lingua"

Unha información recente de Praza.gal nun teléfono móbil CC-BY-NC-SA Praza.gal

A Asociación de Medios en Galego celebra a xornada cun concerto, unha web para recompilar medidas a prol do idioma e unha guía didáctica para o ensino secundario editada en colaboración coa Deputación da Coruña

Este 7 de febreiro celébrase o Día dos Medios en Galego. É a oitava edición da conmemoración organizada pola Asociación de Medios en Galego cadrando co aniversario da considerada como primeira publicación periódica monolingüe no noso idioma, O Tío Marcos d'A Portela, en 1876.

Un concerto de Leria e A Banda da Loba no Playa Club da Coruña (21h30) é o acto central dunha xornada na que a Amega lanza tamén a iniciativa medidas.gal, coa que procura recolleitar achegas cidadás para unha listaxe de accións "concretas para potenciar o uso e prestixio do galego en todos os ámbitos". Asemade, en colaboración coa Deputación da Coruña, este 7 de febreiro ve a luz a guía didáctica Coñecendo a historia dos medios en galego, un "recurso educativo que busca achegar ao alumnado do ensino secundario a realidade do xornalismo na nosa lingua".

Páxinas da guía didáctica sobre os medios en galego editada pola Amega en colaboración coa Deputación da Coruña CC-BY-NC-SA Praza.gal

Cadrando con esta xornada o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) pon o foco na relevancia que a existencia e fortaleza de medios editados en galego ten para o idioma. E faino nun contexto de "preocupación polos datos recentes do uso do galego", os cales levan a Xunta de Goberno da entidade profesional a reclamar "medidas valentes de normalización para garantir que os medios cumpran co papel que lles corresponde no mantemento da lingua, así como unha aposta polo xornalismo de proximidade".

[FAITE SOCIA, FAITE SOCIO DE PRAZA.GAL]

O Colexio de Xornalistas advirte de que "para que os medios de comunicación galegos se parezan máis lingüisticamente á sociedade que queren reflectir son necesarias políticas valentes" tamén en axudas e publicidade "para potenciar que o xornalismo en galego sexa unha realidade e non só unha anécdota"

Eses datos do Instituto Galego de Estatística, subliña a entidade profesional, non só evidencian que o galego "xa non é a lingua predominante en Galicia" e que "o seu coñecemento e comprensión está claramente a recuar". Tamén acreditan que "o 55,38% da poboación só le prensa en castelán, o 43,74% só escoita a radio en castelán e o 34,41% só ve a televisión en castelán". "Se sumamos os datos daquelas persoas que din consumir os medios máis en castelán que en galego, as porcentaxes soben até o 95,46%, 84,87% e 81,42%, respectivamente", enfatizan.

A xuízo do Colexio, "para que os medios de comunicación galegos se parezan máis lingüisticamente á sociedade que queren reflectir son necesarias políticas valentes que regulen dunha maneira efectiva as axudas e mesmo a concesión de publicidade institucional". Trátase de que estas políticas sirvan "para potenciar que o xornalismo en galego sexa unha realidade e non só unha anécdota".

"Cómpre lembrar -advirte o CPXG- que o desenvolvemento da información en galego está tamén ligado á información de proximidade". Este é un xornalismo "esencial" actualmente en perigo "ante os recortes e as distintas crises no sector da comunicación". 

"A identificación que boa parte da sociedade galega fai da lingua coa súa contorna máis próxima facilita que a información local sexa non só un espazo máis propicio senón até favorecedor para o uso do galego". É por iso que "potenciar os medios locais, as delegacións e o emprego de xornalistas nas cidades e vilas é tamén unha maneira de loitar polo mantemento da lingua e por uns medios que representen mellor á sociedade galega", conclúen.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.