Máis de 35.000 consultas suspendidas e máis hospitais sen 'peonadas' pola folga médica

Protesta médica convocada por O'Mega en Vigo CC-BY-SA O'Mega

Con máis de 35.000 consultas suspendidas desde que comezara a folga indefinida na atención primaria e con cada vez máis persoal médico negándose a facer peonadas reclamando á Xunta que "negocie" para poñer fin ao paro, a situación da sanidade pública continúa a empeorar en Galicia. 

Persoal de xinecoloxía e de cirurxía vascular e pediátrica do CHUS únese á negativa a facer 'peonadas' de profesionais do Salnés, Pontevedra e Vigo

A batalla aberta entre o Sergas e o sindicato médico O'Mega —convocante da actual folga en centros de saúde e nos PAC e de anteriores polo Estatuto Marco— non cesa. Logo de que o pasado luns a organización anunciase que a maioría de cirurxiáns e anestesistas dos hospitais de Vigo e Pontevedra decidiran deixar de realizar estas peonadas mentres se mantivese o paro, desta vez son "a maior parte" dos facultativos dos servizos de xinecoloxía, cirurxía vascular e cirurxía pediátrica do CHUS de Santiago os que están a comunicar mediante escritos ás respectivas xerencias que non levarán a cabo estes labores voluntarios fóra do seu horario. 

Escritos presentados por persoal médico advertindo da súa negativa a realizar 'peonadas' CC-BY-SA O'Mega

Estas actividades extraordinarias voluntarias —de autoconcertación ou actividade deslizada— son as que realizan numerosos médicos do Sergas para reducir as listas de espera, especialmente en cirurxía, polas tardes e fóra do seu horario habitual ordinario. "As consecuencias son gravísimas", deslizan fontes sindicais ao advertir do impacto que esta protesta está a ter no Sergas e á que se unirá persoal de cirurxía doutros moitos hospitais galegos nas próximas horas. 

O persoal mobilizado pide "condicións laborais dignas" e advirte de que seguirá sen facer 'peonadas' mentres non se desconvoque a folga

A decisión de negarse a realizar as peonadas chegou logo de que o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, manifestase recentemente que eran estas actividades extraordinarias as que permitían ao Sergas recuperar a actividade perdida durante a folga. "Isto desencadeou o malestar dos facultativos, que non queren converterse nun parche ás suspensións derivadas do dereito á folga", explica O'Mega. 

O persoal que se une agora á protesta di que o fai "no actual contexto de mobilizacións convocadas polo colectivo médico en defensa dunhas condicións laborais dignas e acordes coa responsabilidade inherente á nosa profesión, e en consonancia cos motivos que fundamentan as folgas autonómicas e nacionais". 

"Non somos un parche"

Segundo O'Mega, o último en unirse foi persoal do CHUS, cun seguimento desta medida de protesta do 100% en cirurxía pediátrica e do 90% en cirurxía vascular e xinecoloxía e obstetricia. Os profesionais explican nos seus escritos ás xerencias que "non desexan ser utilizados como parche para solucionar as suspensións de actos clínicos derivados destas folgas" e instan a Consellería de Sanidade a "negociar para permitir a súa desconvocatoria". Antes deles decidira rexeitar as peonadas persoal servizo de anestesia de Pontevedra, ao que se uniu logo persoal do Salnés, dos servizos de anestesia e cirurxía de Vigo e dos de neurocirurxía e cirurxía vascular de Santiago

Protesta de persoal médico no centro integral de saúde Taboada Leal de Vigo CC-BY-SA O'Mega

O Sergas reúnese co persoal mobilizado e O'Mega acúsao dun "intento pueril de dividir o colectivo": "Non terá éxito porque cada vez son máis médicos os que se unen"

Precisamente, a Consellería está a citar algúns destes especialistas que se negan a facer peonadas para intentar convencelos de desistir da protesta, aínda que sen éxito. Segundo O'Mega, as reunións son "un intento pueril de dividir o colectivo que dificilmente terá éxito porque cada día son máis os servizos de distintos hospitais que optan por deixar de facer estas actividades extraordinarias ata que a Xunta negocie cos seus representantes o final destas folgas". 

Ao tempo, continúa a folga convocada por O'Mega na atención primaria e que, segundo o Sergas, tivo un seguimento na quenda de mañá deste mércores inferior ao 4%, unha porcentaxe que o sindicato adoita situar no 70%. Nas sete primeiras xornadas de folga, segundo Sanidade, suspendéronse 34.942 consultas en Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.