A folga enrédaselle ao Sergas: persoal médico négase a facer 'peonadas'

Intervención cirúrxica nun hospital do Sergas CC-BY-SA Xunta

O sindicato O'Mega non cede na súa batalla contra o Sergas, mantén o paro indefinido que provocou a suspensión de máis de 26.000 consultas na atención primaria a pasada semana e agora anuncia a negativa de numerosos médicos a facer peonadas nos hospitais en resposta á "negativa da Xunta a negociar o fin da folga". 

Persoal médico empezou a pasada semana a negarse a realizar 'peonadas', actividade voluntaria fóra do seu horario para reducir listas de espera, sobre todo en cirurxía

Estas actividades extraordinarias voluntarias —de autoconcertación ou actividade deslizada— son as que realizan numerosos médicos do Sergas para reducir as listas de espera, especialmente en cirurxía, polas tardes e fóra do seu horario habitual ordinario. 

Desde a pasada semana, segundo indica O'Mega, moitos facultativos estanse negando a levar a cabo estas peonadas "como medida de protesta ante a negativa da Consellería de Sanidade a negociar unhas condicións laborais dignas que permitan desconvocar a folga indefinida" que se leva a cabo en atención primaria e a que comezará o vindeiro luns en todos os niveis asistenciais "en demanda de melloras laborais tamén ao persoal facultativo de hospitais". 

Concentración de persoal médico no centro de saúde de Matogrande, na Coruña CC-BY-SA O'Mega

A protesta, segundo indica a entidade, comezou a semana pasada no servizo de anestesia de Pontevedra, ao que se uniu logo a do Salnés, os servizos de anestesia e cirurxía de Vigo e os de neurocirurxía e cirurxía vascular de Santiago, á espera de que tomen agora a mesma decisión os servizos de anestesia en Ferrol, Compostela e Burela. 

Médicos de Pontevedra, Vigo, Ferrol, Burela ou Santiago realizan a "protesta" pola "negativa do Sergas a negociar unhas condicións laborais dignas que permitan desconvocar a folga indefinida"

A decisión de negarse a realizar as peonadas chegou logo de que o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, manifestase recentemente que eran estas actividades extraordinarias as que permitían ao Sergas recuperar a actividade perdida durante a folga. "Isto desencadeou o malestar dos facultativos, que non queren converterse nun parche ás suspensións derivadas do dereito á folga", explica O'Mega. 

A través dun escrito, numerosos facultativos dirixíronse á Consellería e á súa respectiva xerencia da área sanitaria para "comunicar formalmente" a súa "decisión de censar a partir do 16 de marzo (algúns xa a cesaron) a realización da actividade voluntaria de autoconcertación e da actividade deslizada". Fano, din, "no actual contexto de mobilizacións convocadas polo colectivo médico en defensa dunhas condicións laborais dignas e acordes coa responsabilidade inherente á nosa profesión, e en consonancia cos motivos que fundamentan as folgas autonómicas e nacionais". 

A decisión, din, "foi adoptada tras unha deliberación conxunta e conta co apoio maioritario entre o persoal facultativo, representando unha postura colectiva, firme, solidaria, coordinada e reflexionada que se sustenta nas reivindicacións amplamente compartidas polo colectivo médico". 

"Manter as 'peonadas' non pode seguir sendo a solución nin un parche ás suspensións derivadas do dereito á folga"

Os médicos mobilizados indican que manter as peonadas "non pode seguir sendo a solución nin un parche ás suspensións derivadas do dereito á folga". 

Ademais, no escrito os médicos solicitan "a apertura inmediata de vías de negociación real e efectiva que permitan abordar de xeito estrutural as reivindicacións de cada área de saúde e a nivel autonómico", pero tamén reivindican a "defensa dun Estatuto Marco propio para médicos e facultativos que evite perpetuar as condicións de especial penosidade do noso colectivo". 

Consulta de atención primaria nun centro sanitario galego © Xunta

O'Mega di apoiar esta protesta, pide á Consellería "abandonar a prepotencia e abrir unha negociación seria e respectuosa" para "evitar máis prexuízos ás persoas usuarias da sanidade pública galega". "As principais prexudicadas xunto aos médicos pola situación actual". 

CIG-Saúde convoca tamén folga na atención primaria o vindeiro xoves 12

O sindicato médico engade, ademais, que o paro na atención primaria conta este luns cun seguimento de case o 70% que o Sergas rebaixa a menos do 4%. "Suporá a cancelación de milleiros de consultas", lebra O'Mega, que ten convocada este martes en Vigo unha manifestación, ademais de concentracións este luns en varios centros de saúde. 

Por outra banda, CIG-Saúde chamou a secundar a folga convocada para este xoves na atención primaria para "denunciar a situación límite que atravesa este nivel asistencial do sistema sanitario público galego". Segundo explica a central nacionalista, a "falta de respostas e de medidas efectivas por parte da administración sanitaria" levouna a impulsar este paro que se une ao indefinido vixente convocado por O'Mega. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.