A folga médica indefinida convocada polo sindicato O'Mega na atención primaria continuará logo de que a Consellería de Sanidade e a organización non chegasen a un acordo este xoves e despois de que, nos tres primeiros días de paro, se suspendesen case 17.000 consultas en Galicia.
O reinicio das conversas na mañá deste xoves para intentar deter a folga non deron resultado, logo de que o pasado venres se rompesen as negociacións e O'Mega rexeitase a desconvocatoria cautelar do paro, tal e como lle pedía a Xunta.
Agora, o sindicato médico acusa nun comunicado de "altiveza, prepotencia e falta de propostas" aos representantes da Consellería de Sanidade que se reuniron coa organización. "A súa actitude hostil converteu o que debería ter sido unha mesa de negociación na que o diálogo permitise desbloquear o conflito que sofre a cidadanía nun exercicio de soberbia institucional que non fixo máis que empeorar a situación de partida", di a entidade.
O'Mega carga contra os negociadores do Sergas pola súa "altiveza e prepotencia" e acúsaos dunha "actitude hostil" e de "soberbia institucional"
O'Mega non aforra cualificativos e destaca o "ton brusco" da secretaria xeral da Consellería, Natalia Lobato, á que acusan de advertirlles que aínda que o Sergas ten un problema, o sindicato "teno peor". Segundo a organización, o Sergas deixou claro que "non negociaría nada fóra dos grupos de traballo pactados con terceiros", en referencia aos acordos coa maioría dos sindicatos e ás negociacións na mesa sectorial representativa da profesión sanitaria.
O'Mega pide a intervención de Rueda
O presidente de O'Mega, Manuel Rodríguez, apelou ao diálogo antes de solicitar ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que "tome medidas para evitar este tipo de condutas" por parte dos representantes de Sanidade.
O'Mega advirte que a folga "continuará ata que a Xunta decida sentar a negociar cunha actitude construtiva e deixe de lado as ameazas" e anuncia que "intensificará" o calendario de mobilizacións "para que os responsables do Goberno galego cambien de postura".
Por outra banda, o Sergas cifrou o seguimento da folga en arredor do 5% en Galicia mentres O'Mega volveu elevarlo ao 70%. Ademais, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia validou de maneira cautelar os servizos mínimos decretados pola xunta para este paro indefinido, sinalando que os tempos de espera que sofren os pacientes xa son altos e poderían aumentar se se suspendeses estes servizos mínimos.