Sanidade procura que máis poboación acceda a operarse na privada

Área cirúrxica dun hospital do Sergas e un dos ADX para 2026 CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza.gal

A través dos Acordos de Xestión (ADX) o Servizo Galego de Saúde formula cada ano dende hai media década os obxectivos anuais das sete áreas sanitarias en diversas materias de organización interna e atención á poboación. Son presentados como pactos asinados polas xerencias de cada área cos máximos responsables de Sanidade cuxo grao de cumprimento, non obstante, a Consellería vén evitando revelar a posteriori.

Todas as áreas sanitarias asumen a obriga de "diminuír a porcentaxe de pacientes en espera non estrutural en rexeite a centro concertado" nos seus acordos de xestión para 2026

Varios deses obxectivos están ligados ás listas de espera para consultas, probas e operacións. No que atinxe ás cirurxías, os ADX para 2026 trazan un panorama no que na maioría de áreas sanitarias a demora media vaise manter ou aumentar. Pero tamén un escenario no que todas elas asumen a obriga de reducir o número de pacientes que rexeitan que a operación pola que esperan sexa realizada nun hospital privado sufragado con cartos públicos -concertado- e non directamente nun centro do propio Sergas.

Acto de sinatura dos acordos de xestión do Sergas para 2026, o pasado 4 de febreiro CC-BY-SA Xoán Crespo / Xunta

Esta derivación á privada como vía para reducir demoras ou cumprir obxectivos de espera media leva máis dunha década asentada na lexislación sanitaria galega -dende a controvertida reforma do Goberno de Feijóo en 2013-. E os ADX fixan abertamente para todas as áreas sanitarias dende 2025 abertamente o obxectivo de "diminuír a porcentaxe de pacientes en espera non estrutural en rexeite a centro concertado".

As persoas que se negan á derivación a un hospital concertado son incluídas na chamada lista "non estrutural", cuxas cifras non son públicas

Segundo a normativa estatal en materia de listas de espera e a galega que a adapta ao Sergas, os pacientes "en espera non estrutural" son "aqueles que nun momento dado están pendentes de seren atendidos" pero "a súa espera non é atribuíble á organización dos recursos dispoñibles". Están clasificados en dous grandes grupos. O primeiro son doentes "transitoriamente non programables" por "motivos clínicos" -unha causa médica "desaconsella temporalmente" a operación- ou por "vontade do paciente" -por exemplo, unha razón laboral-.

O segundo grupo de persoas en espera "non estrutural" son as que agardan "tras a negación da derivación a un centro concertado ou a outro centro do Servizo Galego de Saúde", segundo explica o propio Sergas. É este colectivo, concretamente o de pacientes que queren atención na pública e non na privada, o que as áreas sanitarias se comprometen a reducir nun contexto no que, non obstante, non son públicos nin o número total de persoas en lista "non estrutural" nin a súa demora media.

Só Vigo e Santiago poñen números ao compromiso

Nos ADX de 2025, os primeiros con este indicador específico, as sete áreas sanitarias puxeron números á "porcentaxe de pacientes en situación de espera non estrutural" que aspiraban a ter en "situación de rexeite á proposta de intervención nun centro concertado" con "máis de 365 días de espera". Os obxectivos, como amosa a táboa que acompaña esta información, oscilaban entre igual ou menos dun 2% na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés e un máximo dun 30% na de Lugo.

Para 2026 os ADX reformulan lixeiramente o obxectivo e a maioría das áreas sanitairas evitan os números alén dun compromiso xenérico de reducir a cifra de doentes que non queren ir operarse á privada. O indicador é agora o a porcentaxe de pacientes "no rexistro de espera cirúrxico en situación de rexeite á proposta de intervención nun centro concertado" sobre "o total de pacientes no rexistro de espera cirúrxico", sen o matiz de levaren máis dun ano esperando. 

Obxectivos de redución de pacientes que rexeitan operacións na privada en 2025 e 2026 para as áreas da Coruña e Vigo CC-BY-SA Praza.gal

Neste caso, só as áreas de Santiago e Vigo asinan un obxectivo concreto: a compostelá igual ou menos dun 14% e a viguesa, "reducir un 25% os peches do anterior". Nas cinco áreas restantes o pactado é que en 2026 haxa, como máximo, tanta porcentaxe de pacientes que rexeitan ir á privada como en 2025.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.