Mary Bruce, correspondente xefa de ABC News na Casa Branca, foi atacada por Trump; a organización Periodistas y Comunicadores Independientes de Nicaragua creouse como resposta aos ataques do goberno dese país contra as e os informadores; e José Precedo, xornalista galego de elDiario.es, defendeu o dereito ao segredo xornalístico ante o Tribunal Supremo
O Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa (denominación que substitúe o anterior Premio José Couso), convocado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, deu a coñecer as candidaturas finalistas na súa vixésimo segunda edición. Optan ao galardón a estadounidense Mary Bruce, correspondente xefa de ABC News na Casa Branca atacada por Trump; a organización Periodistas y Comunicadores Independientes de Nicaragua (PCIN); e o xornalista galego de elDiario.es José Precedo, que defendeu o dereito ao segredo xornalístico ante o Tribunal Supremo no caso que afectou ao Fiscal Xeral Álvaro García Ortiz.
As candidatas e candidatos foron propostos polas colexiadas e colexiados do CPXG ou por entidades relacionadas coa comunicación como recoñecemento ao seu papel na defensa da liberdade de prensa. Como recollen as bases do premio, unha comisión específica encargouse de escoller as candidaturas finalistas entre todas as propostas.
Ábrese agora o prazo para elixir a candidatura gañadora, para o que poderán votar todos os colexiados e colexiadas do CPXG ata as 14 horas do martes 7 de abril
Ábrese agora o prazo para elixir a candidatura gañadora, para o que poderán votar todos os colexiados e colexiadas do CPXG ata as 14 horas do martes 7 de abril.
O gañador do ano pasado do Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa foi o Sindicato de Xornalistas Palestinos. As gañadoras e gañadores das edicións anteriores foron Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi (2024), Marcos Méndez (2023), Érika Reija (2022), Manuel Rico (2021), Lorenzo Milá (2020), Defende a Galega (2019), Julia Otero (2018), Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), José Vidal-Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).
As candidaturas finalistas
Mary Bruce é unha xornalista con máis de 20 anos de traxectoria profesional rigorosa. En novembro de 2025, tras unha reunión na Casa Branca entre o presidente Donald Trump e o príncipe herdeiro saudita Mohammed bin Salman, Bruce preguntou ao presidente polo conflito de intereses que poderían supor os negocios da súa familia en Arabia Saudita e pola publicación dos arquivos Epstein, e a bin Salman sobre o seu papel no asasinato do xornalista Jamal Khashoggi en 2018. En resposta, Trump atacou verbalmente a xornalista e a súa cadea.
Periodistas y Comunicadores Independientes de Nicaragua (PCIN) créase en decembro de 2018 como resposta aos ataques do goberno dese país contra as e os xornalistas, que o sitúan actualmente nun dos últimos postos da clasificación mundial da liberdade de prensa de Reporteiros Sen Fronteiras. A súa candidatura representa unha homenaxe as comunicadoras e comunicadores nicaraguanos que seguen a informar desde o país ou o exilio.
José Precedo é un dos nomes principais do xornalismo político e de investigación en España, onde se distinguiu sempre polo seu traballo vencellado ao servizo público, á proximidade e á responsabilidade social. O pasado novembro, cando declarou no Tribunal Supremo no cadro do proceso ao Fiscal Xeneral do Estado, defendeu dunha maneira firme e contundente alicerces do oficio como a confidencialidade das fontes e a lexitimidade do traballo informativo, erixíndose así nun estandarte da independencia do xornalismo fronte a calquera tentativa de instrumentalización xudicial.