Con Lavacolla pechado ata o 27 de maio, agora a construción da intermodal da Coruña cortará o tráfico ferroviario varias semanas, o que Vigo-Guixar xa está a vivir por un ano cos trens con Ourense ou Porto
O pasado xoves o aeroporto de Lavacolla, en Santiago, pechou por completo durante un mes, ata o 27 de maio, por obras de renovación da pista de aterraxe. Unha actuación que levou ás aeroliñas a recolocar os seus voos en Alvedro e Peinador. Durante este tempo os aeroportos de Alvedro e Peinador, na Coruña e Vigo, terán moitos máis movementos do habitual, ao contrario do que sucederá coas súas estacións de tren, onde outras obras de mellora tamén están e van seguir provocando peches e desvíos en autobús.
En Vigo as obras de mellora da liña ferroviaria convencional a Redondela e Tui teñen pechada a estación de Guixar desde o 7 de abril e obrigarán a facer por estrada durante un ano ata Guillarei ou Valença as viaxes a Ourense ou Porto. E agora na Coruña as obras de construción da nova estación intermodal provocarán novos desvíos similares durante varias semanas, como xa vén sucedendo en distintas fases nos últimos meses.
O peche ao tráfico ferroviario da estación da Coruña será total do 26 de xuño ao 10 de xullo, e parcial nunha fase previa, do 5 ao 25 de xuño
Segundo informa Renfe, o peche ao tráfico ferroviario da estación será total do 26 de xuño ao 10 de xullo, e parcial nunha fase previa, do 5 ao 25 de xuño. Nesa primeira fase os viaxeiros serán transportados por estrada ata Santiago ou Betanzos para os trens Rexionais a Vigo ou os de Media Distancia a Lugo ou Ferrol. Na segunda fase, de peche total, eses desvíos por estrada ata Santiago ou Betanzos serán para todo tipo de trens, Rexionais, Media Distancia, Avant e Alta Velocidade.
Renfe lembra que os transbordos por estrada "poden levar consigo un aumento nos tempos de viaxe, así como cambios nos horarios de saída/chegada, adaptándoos tamén ás paradas intermedias" polo que recomenda "consultar os horarios con antelación ademais de activar os cambios e anulacións sen custe para todos aqueles viaxeiros que prefiran modificar a súa viaxe".