Os traballos de mellora de Adif na liña Vigo Guixar-Redondela-Guillarei obrigan a Renfe a facer por estrada parte dos recorridos a partir do 7 de abril
Hai catro meses Praza.gal avanzou que diversas obras pendentes de Adif como a adaptación do túnel vello do Padornelo para a alta velocidade coa Meseta ou renovacións en liñas convencionais ían supoñer cortes ou restricións na circulación ferroviaria en toda Galicia durante este ano aínda pendentes de concretarse. Este mércores Renfe informou dunha das máis significativas, que comezará o 7 de abril e vén derivada da renovación das liñas entre Vigo-Guixar e Redondela e entre esa localidade e Guillarei (Tui), que terá efectos nas conexións ferroviarias de Vigo co Porto, Ourense e en menor medida con Santiago.
Por unha banda, a renovación da liña entre Redondela e Guillarei fará que "durante un prazo aproximado dun ano" todos os trens entre Vigo e Porto comecen o seu recorrido en Valença e os trens Rexionais e Intercity entre Vigo e Ourense ou Ponferrada comecen en Guillarei. Renfe habilitará transportes alternativos por estrada entre a estación de Vigo-Guixar e as de Valença e Guillarei.
Os trens entre Vigo e Santiago ou A Coruña sairán todos de Vigo-Urzáiz durante un mes
Por outra banda, a renovación entre Vigo-Guixar e Redondela afectará menos tempo, un mes, aos trens con Santiago ou A Coruña, que sairán todos de Vigo-Urzáiz. Renfe sinala que debido ao novo itinerario, realizarán paradas na estación de alta velocidade de Redondela en lugar de nas estacións de Redondela convencional e Redondela Picota.
Renfe engade que "estas adaptacións poden supoñer leves diferenzas nos horarios de saída, chegada e paradas intermedias, polo que a compañía recomenda consultar os horarios con antelación e, ademais, activa os cambios e anulacións sen custe para todos os trens afectados".