O XXI Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa recoñece o Sindicato de Xornalistas Palestinos

XXI Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa CC-BY-SA CPXG - Montaxe: Praza.gal

 

O Sindicato de Xornalistas Palestinos gaña o XXI Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa que convoca o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG). A organización que representa os e as profesionais da información en Palestina estará representada polo seu presidente, Nasser Abu Baker, no acto de entrega do galardón que terá lugar o vindeiro sábado, 10 de maio, ás 12:30 horas nun acto no Centro Galego de Arte Contemporánea en Santiago de Compostela. 

O CPXG aproveitou o anuncio da resolución desta vixésimo primeira edición dos premios para "denunciar a situación dramática que están a vivir as e os xornalistas palestinos a causa da invasión do exército de Israel, onde a poboación está sendo asasinada, confinada e obrigada a emigrar e onde non se respectan as mínimas condicións humanitarias, tampouco no ámbito informativo". A plataforma cívica Acción contra el odio, a xornalista afgá Khadija Amin e o xornal israelí Haaretz tamén optaban ao premio

Imaxe de arquivo dunha manifestación en apoio a Palestina en Compostela CC-BY-SA Praza Pública

A organización que representa os e as profesionais da información en Palestina estará representada polo seu presidente, Nasser Abu Baker, no acto de entrega o 10 de maio en Santiago

O último informe de Reporteiros sen Fronteiras recolle case 150 xornalistas mortos en territorio palestino. Se "Gaza é hoxe o lugar máis perigoso do mundo, tamén para o xornalismo", a preocupación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia esténdese tamén "a outros territorios onde informar cada vez é máis complicado: Ucraína, Afganistán, México ou Paquistán", sen esquecer "os máis de medio milleiro de xornalistas que están nos cárceres de todo o planeta por facer o seu traballo" ou "as dificultades que o xornalismo suma en contornas máis próximas".

O premio, convocado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa colaboración da Deputación da Coruña, a través da área de Dereitos Civís, non ten dotación económica e consistirá cada ano nunha imaxe dun ou dunha fotoxornalista galega, que nesta edición será da autoría de Óscar Corral, recente Premio Ortega y Gasset á mellor fotografía.

A todas e todos os xornalistas palestinos

O Sindicato de Xornalistas Palestinos (PJS, polas súas siglas en inglés) é unha organización profesional non gobernamental que representa a totalidade dos xornalistas palestinos. A súa sede principal está en Ramala, aínda que conta con sucursais noutras gobernacións. 

Herdeiro do primeiro sindicato, nacido en 1924 e desaparecido coa Nakba, fundouse en 1979 baixo o nome de Liga de Xornalistas Árabes en Xerusalén, debido á prohibición israelí de utilizar referencias explícitas a Palestina. Co retorno da Autoridade Nacional Palestina en 1994, consolidouse como o marco sindical de referencia para os xornalistas palestinos dentro e fóra do país.

O PJS enfronta retos constantes debido á ocupación israelí e á censura da información en Palestina. Dende o 7 de outubro de 2023, os xornalistas palestinos foron obxecto dunha campaña sistemática de persecución por parte do exército israelí, con 210 xornalistas palestinos asasinados a 28 de abril deste ano, segundo datos do propio sindicato

© CPXG

Co retorno da Autoridade Nacional Palestina en 1994, o Sindicato de Xornalistas Palestinos consolidouse como o marco sindical de referencia para os xornalistas dentro e fóra do país

Ademais, hai centos de xornalistas palestinos arrestados, numerosas vivendas de profesionais da comunicación destruídas e oficinas de medios bombardeadas. O bloqueo de correspondentes estranxeiros en Gaza e a censura contra o contido propalestino nas redes sociais forman parte tamén dunha estratexia de control informativo.

A pesar da represión, o PJS segue loitando pola liberdade informativa, garantindo que as violacións dos dereitos humanos en Palestina sexan documentadas e difundidas a nivel mundial. O seu traballo é fundamental para a preservación da memoria histórica e a denuncia das inxustizas que se están a cometer en Oriente Próximo, e ten sido recoñecido con galardóns como o Premio Mundial de Liberdade de Prensa Guillermo Cano outorgado en 2024 pola ONU e a UNESCO aos xornalistas de Gaza.

O premio da profesión xornalística galega

O Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia recoñece o labor dos e das xornalistas que co seu traballo defenden o dereito a informar e a ser informados. O certame premia unha persoa ou organización que destaque pola defensa da liberdade de prensa ou que estea perseguida polo exercicio do xornalismo e por protexer o dereito a informar e a recibir información. Neste galardón, os e as colexiadas propoñen e logo votan para elixir a persoa ou institución gañadora.

Son xa vinte e unha as edicións nas que o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia convoca este premio. A súa nova denominación, Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, recolle o legado do Premio José Couso organizado ata o ano pasado polo Colexio de Xornalistas e o Club de Prensa de Ferrol.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.