O galardón cambia de denominación e xa non leva o nome de José Couso, atendendo a unha petición da súa familia, que criticou o feito de "carecer de voz e voto" na organización
Catro candidaturas concorren ao XXI Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, convocado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Trátase da plataforma cívica Acción contra el odio, a xornalista afgá Khadija Amin, o xornal israelí Haaretz e o Sindicato de Xornalistas Palestinos optan ao galardón anteriormente coñecido como Premio José Couso, que recoñece aquelas persoas ou organizacións que destaquen pola defensa da liberdade de prensa ou sexan perseguidas polo exercicio do xornalismo e por protexer o dereito a informar e a recibir información.
Ábrese agora o prazo para elixir a candidatura gañadora, para o que poderán votar todos os colexiados e colexiadas do CPXG ata as 14 horas do xoves 10 de abril. O galardón entregarase ao redor do 3 de maio, coincidindo coa celebración do Día Mundial da Liberdade de Prensa.

Ábrese agora o prazo para elixir a candidatura gañadora, para o que poderán votar todos os colexiados e colexiadas do CPXG. O galardón entregarase ao redor do 3 de maio, coincidindo coa celebración do Día Mundial da Liberdade de Prensa
Entre as catro candidaturas finalistas, propostas polas colexiadas e colexiados do CPXG ou por entidades e persoas relacionadas coa comunicación, destaca a presenza de dúas entidades que viven de forma directa o conflito palestino: o xornal israelí Haaretz e o Sindicato de Xornalistas Palestinos.
Cómpre destacar que esta é a primeira vez que o galardón, creado en 2005 para lembrar o camarógrafo ferrolán José Couso, asasinado polo exército estadounidense en 2003 durante a invasión de Iraq, non leva o seu nome e pasa a chamarse Premio Xornalistas. O cambio atende a unha petición expresa da familia Couso Permuy, que criticou o feito de "carecer de voz e voto" na organización do galardón que levaba o nome do seu parente.
As finalistas
Acción contra el odio é unha plataforma cívica creada en 2024 para defender unha esfera pública libre de mentiras, difamacións e ameazas. Os obxectivos do proxecto son detectar ataques contra o dereito á información, reportar a difusión de mentiras e a desinformación e promover campañas de apoio a xornalistas que poidan ser procesados por publicar investigacións ou noticias veraces.
Khadija Amin é unha xornalista afgá refuxiada en España desde agosto de 2021, cando os talibáns asaltaron o poder en Afganistán. Antes diso, Amin era a cara visible dos informativos matinais da televisión pública afgá, onde traballaba como presentadora e reporteira. O mesmo día que os talibáns entraron en Kabul, Amin saíu por última vez na pantalla e foi expulsada.
Haaretz é un dos xornais máis antigos e máis influentes de Israel. Malia ás críticas e nun contexto propicio á polarización, "soubo manterse firme na defensa dos dereitos humanos, da liberdade de expresión e da integridade do xornalismo, converténdose con iso nun referente a nivel mundial tanto na cobertura do conflito palestino-israelí como na exposición de inxustizas e corrupción", destaca o Colexio.
Fundado en 1979, o Sindicato de Xornalistas Palestinos é a organización que representa os e as profesionais da información dese país, tanto se traballan dentro como na diáspora. Nun contexto de violencia extrema, represión e censura, especialmente preocupante desde outubro do 2023, o sindicato constitúe un bastión na loita pola liberdade de información e a protección dos profesionais da comunicación en Palestina.
As gañadoras e gañadores das edicións anteriores foron Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi (2024), Marcos Méndez (2023), Érika Reija (2022), Manuel Rico (2021), Lorenzo Milá (2020), Defende a Galega (2019), Julia Otero (2018), Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), José Vidal-Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).