A desinformación convértese nunha arma de guerra con Gaza illada e case sempre esquecida

Un barrio de Gaza, destruído polos bombardeos de Israel dos últimos días CC-BY-SA Al Araby

“Unha das actividades humanas máis antigas é a guerra. E unha das máis antigas e frecuentes é a mentira”. Arrinca así o prólogo que asina Daniel Gascón para a reedición, a cargo de Athenaica, de Falsedad en tiempos de guerra, o libro que o político e escritor británico Arthur Ponsonby publicou en 1928 tras a súa experiencia como soldado na Primeira Guerra Mundial. A súa recuperación antóllase máis oportuna que nunca ante o novo estalido do que é o conflito por antonomasia.

Israel prohibiu dende o primeiro día do ataque o acceso da prensa internacional á Franxa, un baleiro que propicia o caos e os bulos que aproveitan ambos os bandos no conflito

A barbarie perpetrada polas milicias de Hamas na madrugada do 7 de outubro e a atroz vinganza exercida a continuación polo exército de Benjamin Netanyahu deixou xa máis de 1.400 mortos e reféns israelís e máis de 2.600 e incontables feridos en hospitais que mudan en depósitos de cadáveres nese cárcere ao descuberto que é Gaza.

A este lado do mundo hai tamén unha vítima que nos interpela a todos: a verdade. Sen excepción, todos somos partícipes e tamén damnificados da súa fraxilidade. Por que? Sen informadores internacionais, alleos ao conflito, que poidan contar o que está a ocorrer, en Gaza só queda o abnegado exercicio xornalístico de colegas sobre o terreo que se enfrontan, en breve e ante a falta de subministración eléctrica, ao fundido a negro máis absoluto. Eles, de sobrevivir ao éxodo dun millón de persoas tratando de fuxir sen saber como nin onde, permanecerán ás escuras e con eles os ollos para o resto do mundo.

Máis alá, en solo israelí, atópanse todos eses xornalistas, correspondentes e freelances, asentados na zona, en Tel Aviv, en Xerusalén ou en países da contorna con vocación sempre de contextualizar un conflito enquistado durante décadas, dos que, polo menos no caso español, apenas se lembran os directores de medios cando non resoan as bombas.

Un neno palestino, ferido polos bombardeos israelís, é trasladado ao hospital © Palestinian News & Information Agency (Wafa)

“Polo que estamos a ver ata agora o perfil do informador do conflito neste momento é máis experto que o que foi a Ucraína, que necesitaba pouco máis que unha viaxe a Varsovia en avión e logo un tren ata a fronteira. No caso de Ucraína, contabilizamos máis de 100 reporteiros desprazados e deles, o 70 ou o 80% eran colaboradores á peza e en moitos casos sen preparación previa”, explica a Infolibre Edith Rodríguez Cachera, vicepresidenta de Reporteiros sen Fronteiras España sobre o perigo e complexidade deste conflito.

Sen informadores internacionais, alleos ao conflito, que poidan contar o que está a ocorrer, en Gaza só queda o abnegado exercicio xornalístico de colegas sobre o terreo que se enfrontan, en breve e ante a falta de subministración eléctrica, ao fundido a negro máis absoluto

No caso dos medios públicos españois, como RTVE ou a Axencia EFE, cuxa aposta no terreo é continuada, a cobertura habitual viuse agora reforzada con outros equipos de reporteiros desde distintos puntos de Israel, con Usoa Zubiria, Óscar Mijallo, Miguel de la Fuente, Hugo Úbeda ou Fran Sevilla, entre quen hoxe serven de canle informativa para a audiencia en España.

“Ata onde sabemos, desde Israel non están a deixar entrar en Gaza, tampouco desde Exipto, polo que o que podemos coñecer é dende o outro lado do enreixado. O que sabemos do que está a ocorrer en Gaza é por xornalistas palestinos, blogueiros e cidadáns que están in situ e narran a través das redes o que están a vivir pero este buraco contribúe a unha intoxicación atroz”, insiste Rodríguez Cachera.

No momento da publicación desta reportaxe, o Comité para a Protección dos Xornalistas (CPJ, polas súas siglas en inglés) denunciou a morte de cando menos doce xornalistas, dous máis desaparecidos e oito feridos, así como a destrución dos medios locais en Gaza.

Cada país, xa escribiu Ponsoby hai un século nas súas páxinas, emprega a propaganda “con bastante deliberación para enganar ao seu propio pobo, atraer aos neutrais e confundir ao inimigo”

E neste escenario, ese baleiro énchese cun maremagnum de desinformación, medio noticias, imaxes descontextualizadas e material reciclado de meses, anos anteriores, doutras guerras e ataques, que viaxa de teléfono en teléfono, dun pseudoportal de noticias a outro, que propicia o caos máis absoluto.

Pero mesmo no caos hai dinámicas que responden a unha lóxica: Hamas, que controla politicamente a Franxa, utiliza os bulos para insuflar moral á súa tropa, mermada, para facer valer o éxito inicial dunha operación que logrou burlar os servizos de seguridade do ata agora imbatible Mossad que pillou a todos por sorpresa; e o Goberno de Netanyahu utiliza o caos para vender ao mundo que a súa resposta é, ao seu xuízo, proporcional á barbarie sufrida.

Cada país, xa escribiu Ponsoby hai un século nas súas páxinas, emprega a propaganda “con bastante deliberación para enganar ao seu propio pobo, atraer aos neutrais e confundir ao inimigo”.

A 'Palestine Tower', en Gaza, destruída por Israel nos últimos días CC-BY-SA Palestinian News & Information Agency (Wafa)

"Ningún tipo de liña vermella"

Mikel Ayestaran: “As imaxes que saíron deses kibutz polas milicias de Hamás cambiaron o chip de anteriores ofensivas; aquí non vai haber ningún tipo de liña vermella. A ofensiva de 2014 foron 48 días seguidos con 2.500 civís mortos en Gaza”

As fendas a estes dous relatos enfrontados atópanse en todas esas mensaxes dos informadores internacionais con bagaxe no conflito, capaces de facer un exercicio de comparación desta ofensiva respecto de episodios anteriores. É o caso de Mikel Ayestaran, radicado na zona desde 2015, fundador da revista 5W e colaborador habitual, entre outros medios, do grupo Vocento e a EiTB.

Nunha conversa a noite do pasado mércores desde Be'eri, unha pequena aldea ao sur de Israel, nun Twitch aberto con Agus Morais, director de 5W, Ayestaran valora que “as imaxes que saíron deses kibutz polas milicias de Hamás cambiaron o chip de anteriores ofensivas; aquí non vai haber ningún tipo de liña vermella. A ofensiva de 2014 foron 48 días seguidos con 2.500 civís mortos en Gaza”.


A situación agora é radicalmente peor e inabarcable.

Ao testemuño dos informadores nacionais e internacionais que realizan o seu traballo coas condicións que impón Israel, súmase a voz de todos os profesionais de ONGs e axencias de axuda humanitaria, coma a de Raquel Martí, directora executiva do comité español de apoio á UNRWA (Axencia de Nacións Unidas para a poboación refuxiada de Palestina en Oriente Próximo) cuxa visión do escenario aterra. “Nunca, en todos os meus anos traballando vivín unha situación tan atroz. Estamos ante unha situación que supera todos os cualificativos. Vai significar un antes e despois na vida de Gaza”.

“Cando se declara a guerra, a verdade é a primeira vítima”

Raquel Martí, directora do comité español de apoio á UNRWA: “Nunca, en todos os meus anos traballando vivín unha situación tan atroz. Estamos ante unha situación que supera todos os cualificativos. Vai significar un antes e despois na vida de Gaza”.

Os exércitos de desinformadores non naceron onte. Nun exercicio de lucidez adiantada ao seu tempo, Ponsoby deixou escrito hai case cen anos en Falsedad en tiempos de guerra un aserto que se desempoa estes días: “Cando se declara a guerra, a verdade é a primeira vítima”.

Como ex combatente na Gran Guerra, o autor deste libro, que chegará ás librarías en novembro, radiografía desde dentro como opera a propaganda. Nun das pasaxes relata o caso dun bebé amputado: "O bebé belga cuxas mans cortaran os alemáns non só percorreu as cidades e as vilas de Gran Bretaña, senón que pasou por Europa occidental e América, e chegou mesmo ao afastado oeste. Ninguén parou a preguntarse canto tempo viviría un bebé se se lle cortaban as mans a menos que tivese a asistencia cirúrxica experta que lle conectase as arterias (a resposta era: moi poucos minutos). Todo o mundo quería crer a historia e moitos chegaron a dicir que viran o bebé. A mentira acatouse de maneira tan universal coma o paso das tropas rusas por Gran Bretaña”.

Aquel bebé sen mans, escribiu Ponsoby, nunca existiu. Non ese polo menos. Existiron innumerables episodios que dan fe da vileza e a crueldade do ser humano nesa primeira guerra global pero, no seu esforzo por documentar, por testemuñar o que foi real da propaganda, non atopou probas da existencia daquela criatura desgraciada.

Menores palestinos en Gaza, feridos polos bombardeos israelís CC-BY-SA Palestinian News & Information Agency (Wafa)

Os 40 bebés decapitados

Nos primeiros días deste novo estalido do conflito palestino-israelí, o relato de corenta bebés decapitados a mans dos terroristas de Hamas obriga a revisar a mensaxe que latexa nestas páxinas.

Nun exercicio de lucidez adiantada ao seu tempo, Ponsoby deixou escrito hai case cen anos en Falsedad en tiempos de guerra un aserto que se desempoa estes días: “Cando se declara a guerra, a verdade é a primeira vítima”

Estes días, os verificadores que traballan en rede en todo o mundo e os observadores internacionais e independentes non puideron confirmar o masacre de 40 bebés decapitados no kibbutz de Kfar Aza cuxa existencia puxo en circulación durante unha retransmisión en directo a reporteira Nicole Zedeck para a cadea privada de televisión israelí i24News. Aquilo fíxose viral ao instante en todo o planeta e aínda continúa sendo un macabro hit en redes estes días.

En España, Isabel Díaz Ayuso axitou a cocteleira populista para meter nunha mesma mensaxe na rede antes chamada Twitter a Pedro Sánchez, os seus socios e os 40 bebés; logo Joe Biden que, como presidente da nación máis poderosa do mundo é atendido como fonte autorizada, falou durante unha reunión en Washington ante a comunidade xudía que vira fotos de milicianos de Hamas decapitando nenos. Porén, horas despois a Casa Branca correu a desmentilo e baseou as palabras do mandatario demócrata na información ofrecida por fontes do Executivo israelí. Por último, nas últimas horas o goberno de Israel difundiu as imaxes duns nenos calcinados e un pequeno corpo ensanguentado.

“Empezaron a chegarnos as noticias dos 40 bebés decapitados. O que fago habitualmente é o de sempre: conto o que vexo e baséome en fontes fiables, como é o servizo médico que vai xunto ao exército israelí. O que fixo Hamas a este lado é tan brutal -queimouse a xente, violouse, meteuse a familias en cuartos de seguridade e lanzáronse granadas- que perfectamente pode ser posible. Foi unha animalada, podes crelo. Por iso funcionou”, relata Ayestaran sobre este episodio na charla aberta para a comunidade de 5W.

Os verificadores que traballan en rede en todo o mundo e os observadores internacionais e independentes non puideron confirmar o masacre de 40 bebés decapitados no kibbutz de Kfar Aza cuxa existencia puxo en circulación durante unha retransmisión en directo a reporteira Nicole Zedeck para a cadea privada de televisión israelí i24News

A barbarie, o horror, as imaxes abominables, o horrible, o sadismo máis salvaxe perpetrado contra nenos, anciáns, mulleres e mozos israelís nos territorios ocupados xa ocorría antes, durante e despois de que 40 bebés decapitados parecesen ser o nivel dende onde medir a atrocidade dos terroristas de Hamas e con el dimensionar, segundo o goberno de Israel, o castigo que merece o pobo palestino no seu conxunto.

A estas alturas, xa coñecemos a que altura se puxo ese limiar: onde a poboación civil sofre os bombardeos indiscriminados das forzas israelís e o corte de subministracións vitais e parece abocada á súa extinción. Pero foi o episodio dos 40 bebés decapitados, seica, o que mellor ilustra como opera a desinformación, a confusión, o oportunismo político nestes momentos.

Na guerra, prosegue Gascón no prólogo do libro, “as opinións mornas, as dúbidas, a petición de rigor xornalístico ou unha leve sospeita da información oficial convértense nunha forma de traizón. (?) Quen dubide do absoluto pode ser sinalado como traidor”.

Manuel Torres Soriano: "Aos cidadáns, o único que nos queda é unha actitude de absoluto escepticismo e tomar con cautela todo, porque non sabemos se o que nos chega é verdade ou unha versión interesada da mesma”

Para Manuel Torres Soriano, catedrático de Ciencia Política da Universidade Pablo de Olavide e coordinador do libro #Desinformación. Poder y manipulación en la era digital (Comares, 2019), en entrevista en Despierta Andalucía (Canal Sur TV) “a guerra sempre foi un territorio absolutamente hostil para que a información flúa e para tentar contrastar o que está a ocorrer e neste caso é especialmente difícil. Chegaranos o relato de Hamás e a información que traslade o Ministerio de Defensa israelí; o resto é terreo abonado aos bulos, ao material reciclado que circula como novo e á desinformación. Aos cidadáns, o único que nos queda é unha actitude de absoluto escepticismo e tomar con cautela todo, porque non sabemos se o que nos chega é verdade ou unha versión interesada da mesma”.

A desinformación é unha ferramenta máis da guerra e Elon Musk é o soldado que a porta ante o pasmo da comunidade internacional que só agora parece caer na conta do potencial que ten esa X branca sobre fondo negro. 48 horas despois do primeiro ataque de Hamas, Thierry Breton, comisario europeo de Mercado Interior e Servizos, esixiu a Musk tomar accións “rápidas, precisas e completas” para cumprir coas esixencias de moderación de contido porque X está a utilizarse “para difundir contido ilegal e desinformación”.

Habitantes de Gaza inspeccionan os restos dunha vivenda destruída por Israel CC-BY-SA Palestinian News & Information Agency (Wafa)

De feito, o ataque de Hamas e a súa dimensión será abordada no pleno do Parlamento Europeo da próxima semana en Estrasburgo nun debate específico con representantes do Consello e da Comisión de Von der Leyen cuxo apoio á estratexia de defensa de Israel, escenificado en Tel Aviv xunto a Roberta Metsola, presidenta do Europarlamento, abriu fisuras no seo do seu colexio de comisarios. Josep Borrell, Alto Representante da Política Exterior da UE, advertiu que non se pode cortar a auga e todos os servizos á poboación gazatí. Desde antigo, a política oficial da Unión Europea é, como escribe Idafe Martín, un delicado xogo de equilibrios que se mantén sen apenas cambios desde hai décadas.

As mensaxes das autoridades internacionais, as contrarréplicas, o goteo de imaxes de corpos eviscerados non cesa. Vivimos na selva informativa, é certo, pero hai lianas onde agarrarse.

 

Os centros de fact checking

Unha deles é o traballo teimudo que fan os centros de verificación e fact checking. En España, a organización Maldita, con 45 persoas no equipo, 25 de redacción e 10 anos de traxectoria, leva desde o mesmo día 7 combatendo bulos para toda a comunidade castelanfalante.

Un dos primeiros en circular, explica Clara Jiménez, fundadora e CEO de Maldita, foi o dos nenos en gaiolas como supostos reféns das milicias de Hamas. Situamos: difúndese un vídeo dun grupo de menores metidos dentro dunha gaiola supostamente secuestrados por Hamás. O vídeo foi publicado días antes do ataque terrorista por un usuario que publicou posteriormente outro TikTok dos nenos na que aclarou que os nenos son os seus familiares e non "sionistas". Como esta, xa contabilizan preto de 40 noticias falsas desmontadas desde o inicio do conflito.

Logo están os verificadores que máis que desmontar a súa función é separar o gran da palla para que poida ser visto por todos como unha verdade imbatible. É o caso de VerificaRTVE, que dirixe Borja Díaz-Merry. A grandes liñas, este equipo traballa a tempo real para que todos os vídeos que as distintas edicións do telexornal e as 24 Horas emiten estean verificados, para que estea garantida a trazabilidade das imaxes, máxime nun medio público de referencia en castelán. Basicamente, explica ao teléfono Díaz-Merry, cando un redactor ve un vídeo, unha imaxe de relevancia informativa pide a este equipo que verifique a súa procedencia a través de xeolocalizadores, satélites, fontes oficiais e un proceloso traballo de comprobación de fontes.

Seis profesionais no equipo, máis os apoios específicos das seccións implicadas na noticia nas redaccións do ente público, máis os ollos e as imaxes sobre o terreo que teñen no caso de episodios como este de o conflito palestino-israelí, son o músculo necesario para garantir que a RTVE non a enganen e, polo tanto, a nós.

Queda a nosa responsabilidade individual como cidadáns: como queremos informarnos, decidir ler e escoitar medios que teñen xornalistas sobre o terreo, que inclúen análise politolóxicas e contexto nas súas informacións, contrastar distintas cabeceiras e profesionais acreditados

Non, claro, non todos os medios teñen a oportunidade de facer este percorrido cando a urxencia aprema. Pero si está na decisión dos editores, dos directores, dos responsables últimos que deciden que se publica e que non, e isto vai desde unha noticia impresa a un chío desde a conta do medio. Verificación digital para periodistas. Manual contra bulos y desinformación internacional (UOC, 2018) de Myriam Redondo é unha guía extraordinaria para decidir, ao fin, non participar do ruído, non nadar na lameira da desinformación de maneira irresponsable.

Esta mensaxe podería aplicarse tamén aos dirixentes políticos, cuxo eco en redes é maior. Quen contamina máis: un exército de bots ou un dirixente con nomes e apelidos? Para Clara Jiménez, “é difícil de cuantificar porque os impactos son distintos. O exército de bots viraliza rápido e o portavoz condiciona ou alimenta rumbos”.

Queda, por último, a nosa responsabilidade individual como cidadáns: como queremos informarnos, decidir ler e escoitar medios que teñen xornalistas sobre o terreo, que inclúen análise politolóxicas e contexto nas súas informacións, contrastar distintas cabeceiras e profesionais acreditados. Queda, ao fin, servir de altofalantes da miseria en que se converteu o debate público ou frear esa cadea.

Habitantes de Gaza inspeccionan os restos dunha vivenda destruída por Israel © Palestinian News & Information Agency (Wafa)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.