Feijóo dá por feito un "conflito" entre Israel e España tras minimizar en 2014 que Galicia fose declarada "inimiga"

Feijóo en Israel nunha viaxe institucional en 2018, catro anos despois de que ese estado declarase ao Parlamento de Galicia "inimigo" CC-BY-SA Xunta de Galicia

Hai unha década a embaixada de Israel cualificou de "inimigos" ao Parlamento de Galicia e o PPdeG, o que Feijóo atribuíu a unha "mala interpretación", pero agora emprega un comunicado similar para cargar contra o Goberno de Sánchez

O líder estatal do PP, Alberto Núñez Feijóo, deu por feito este martes un "conflito" e un "problema diplomático" entre España e Israel despois de que a embaixada dese país emitise na tarde do luns un comunicado no que acusa a "elementos dentro do goberno español" de "aliñarse" co terrorismo de Hamas

As súas declaracións avivando ese suposto conflito a conta do comunicado da embaixada contrastan coa súa resposta hai unha década ante outro comunicado desa mesma legación diplomática. Daquela, cando Israel cualificou de "inimigo" ao Parlamento de Galicia por unha declaración institucional aprobada grazas á maioría absoluta do PPdeG, Feijóo atribuíra a reacción a unha "mala interpretación" e tentara rebaixar as tensións.

Carta remitida en 2014 pola embaixada de Israel á presidenta do Parlamento de Galicia situándoo entre "os peores e máis extremistas inimigos de Israel" CC-BY-SA Praza Pública

Tras o comunicado deste luns da embaixada de Israel, este martes Feijóo dixo que "non é o momento de ter un conflito con Israel, e lamentablemente xa o temos". "Lamento que o meu país teña un problema diplomático con Israel", incidiu o líder popular, quen dixo que o comunicado da embaixada podía ser "máis atinado" pero que "non caben equidistancias" cando "un país é atacado por unha organización terrorista". 

Porén, hai case unha década a actitude de Feijóo noutro conflito diplomático con Israel foi ben distinta. 

En 2014 a embaixada acusaba a Galicia de que a petición de que os palestinos puideran volver ás casas das que foran expulsados suporía "a desaparición do Estado de Israel"

En maio de 2014, como xa facía desde varios anos antes, o Parlamento de Galicia lembrou cunha declaración institucional o éxodo palestino orixinado coa fundación do Estado de Israel. Pero aquel ano, a diferenza dos anteriores, a declaración provocou unha reacción irada da embaixada de Israel, que enviou unha carta de protesta á daquela presidenta da Cámara, a agora senadora do PP Pilar Rojo, así como a outros cargos políticos, entre eles o portavoz do PPdeG, sen cuxa maioría absoluta sería imposible que a declaración saíse adiante.

Na misiva a embaixada aseguraba que "o recoñecemento do dereito ao retorno das persoas e comunidades ás terras e casas das que foron expulsadas", segundo o reclamado na declaración do Parlamento en apoio dos palestinos, suporía "a desaparición do Estado de Israel". Por iso a embaixada aseguraba que "con esta esixencia, o Parlamento de Galicia únese aos peores e máis extremistas inimigos de Israel".

Comunicado da embaixada de Israel deste luns 16 de outubro © @IsraelinSpain

Ante esa reacción, a presidenta do Parlamento escribiu ao embaixador unha resposta na que lembraba que a Cámara galega lembra anualmente o Holocausto xudeu, ao tempo que o PPdeG restaba importancia ás críticas da embaixada. O propio Feijóo, desde o atril de presidente da Xunta, minimizaba as críticas do embaixador como unha "mala interpretación" da declaración institucional do Parlamento. O popular, que catro anos despois facía unha viaxe institucional a Israel, mesmo defendía que a declaración "está dentro das resolucións da ONU" a respecto do conflito entre Israel e Palestina.

Pola contra, ante este novo conflito, Feijóo di agora que quen perde é "o prestixio internacional de España e os españois".

Os bandazos en Galicia ou Madrid dos líderes populares galegos non son novos. En xaneiro de 1981, unha década antes de chegar á presidencia da Xunta, o daquela líder de Alianza Popular, Manuel Fraga, visitou Israel para reclamar o recoñecemento dese Estado por parte de España, relacións diplomáticas que non se establecerían ata 1986. Porén, unha década despois daquela viaxe, en 1994 a Xunta xa gobernada por Fraga financiaría un libro que negaba o Holocausto xudeu. A obra contou mesmo cun epílogo redactado polo propio Fraga, que posteriormente matizaría que non compartía as afirmacións do autor sobre o Holocausto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.