O pasado día 6 o pleno do Parlamento aprobaba unha breve declaración institucional en apoio a Palestina. "Co gallo do aniversario do comezo do éxodo do pobo palestino", todos os grupos do lexislativo galego -para saíren adiante, as declaracións institucionais precisan de unanimidade- reclamou que "a comunidade internacional" lle "esixa a Israel" varios puntos a prol dos dereitos humanos, a comezar polo "cumprimento das resolucións das Nacións Unidas". A declaración resultou especialmente molesta no Goberno hebreo, ata o punto de chegar a cualificar o Parlamento de Galicia de "inimigo".
Segundo vén de facer transcender a organización BDS Galiza apenas tres días despois da aprobación da declaración o embaixador de Israel en España, Alon Bar, remitiulle unha carta á presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, para lanzarlle duros reproches. "Diríxome a vostede para transmitirlle a miña sorpresa pola declaración", dille Bar a Rojo. Para o diplomático, que o Parlamento galego reclame "o recoñecemento do dereito ao retorno das persoas e comunidades ás terras e casas das que foron expulsadas" suporía "a desaparición do Estado de Israel". "Con esta esixencia -acusa- o Parlamento de Galicia únese aos peores e máis extremistas inimigos de Israel".
O embaixador sitúa o lexislativo galego entre "os peores e máis extremistas inimigos de Israel"
A misiva, remitida con copia aos voceiros de PP e PSdeG, Pedro Puy e José Luis Méndez Romeu, e tamén ao voceiro do PP no Congreso, Alfonso Alonso, e á secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal, acusa tamén de situarse "fóra do que é o consenso da UE sobre os parámetros do futuro acordo de paz entre palestinos e israelíes e das posicións defendidas polos sucesivos gobernos de España". Segundo as conclusións do embaixador, aprobar unha declaración "con estes contidos e enfoques só serve para favorecer as posicións máis extremistas de quen perseguen a desaparición do Estado de Israel".
O Parlamento esixiu "o recoñecemento ao retorno das persoas expulsadas" e o respecto aos dereitos humanos
Ademais dos devanditos puntos o texto acordado por PP, PSdeG, AGE e BNG pediu tamén o "respecto absoluto dos dereitos humanos de palestinas e palestinos" e o "respecto absoluto dos dereitos colectivos do pobo palestino". Ademais, os deputados e deputadas manifestaron o "máis firme compromiso cos dereitos inalienábeis da persoa, coa liberdade e co máis pleno respecto á dignidade humana" e o Parlamento no seu conxunto propúxose non "escatimar esforzos en contribuír dende Galicia a construír unha orde internacional xusta baixo o respaldo da legalidade internacional, un mundo no que a forza fique sempre sometida ao dereito".