A directora executiva do comité español de apoio á axencia da ONU para refuxiados palestinos teme que Israel poida levar a cabo unha operación terrestre como a que houbo en 2014
En só tres días, a cifra de mortos superou o milleiro e as vítimas cóntanse por centos tanto en Gaza como en Israel. Alí, o ministro de Seguridade Nacional, Itamar Ben Gvir, anunciou a activación dunha orde "de emerxencia" para permitir que os civís se armen e merquen ata un cento de balas. Ata o de agora, o límite estaba en 50. A medida é excepcional. O que está a ocorrer, tamén. O Consello de Seguridade de Israel activou este domingo, oficialmente, o estado de guerra en todo o país. E advertiu: "Será longa e difícil. Gañaremos". Este luns anunciaron o "completo asedio" de Gaza: nin electricidade, nin alimentos, nin combustible. "Estamos a loitar contra animais", chegou a dicir o ministro de Defensa israelí, Yoav Gallant.
Todo comezou o sábado, cando o Movemento de Resistencia Islámica (Hamas) lanzou un dos maiores ataques que se lembran desde que asumiron en 2006 o control da Franxa. Fixérono coincidir co trixésimo aniversario dos Acordos de Oslo, teórico marco para unha paz que nunca se acadou. Despois da constitución do Estado de Israel en 1948, e tras a Guerra dos Seis Días, en 1967, este país ocupou os territorios de Cisxordania –incluíndo Xerusalén Leste– e Gaza, o territorio no que se concentran agora os ataques e no que, antes de que comezase o conflito, xa había unha "crise humanitaria cronificada" que agora pode alcanzar unha dimensión imprevisible, como explica Raquel Martí, directora executiva do comité español de apoio á axencia da ONU para refuxiados palestinos.
Como era a vida en Gaza antes de que o sábado estourase esta guerra?
Nós advertimos de que a Franxa de Gaza sería un lugar inhabitable en 2021 e equivocámonos totalmente na data. Xa antes era un lugar inhabitable. Cada ano a situación foi a peor, se cabe. Non hai auga potable. O 95% dos acuíferos de Gaza están contaminados, polo que só se pode comprar auga embotellada e non todas as persoas poden afrontar eses prezos, o que fai que as enfermidades, sobre todo en menores de 5 anos, sexan elevadísimas.
Doutra banda, ao estar bloqueada por terra, mar e aire, é Israel quen controla todas as subministracións e mercadorías que saen e entran de Gaza, polo que nunca hai nin todo o necesario nin nas cantidades que fan falta. Só a Nacións Unidas permíteselle introducir o que se considera axuda humanitaria. Hai que imaxinar o que significa para unha poboación levar desde o ano 2007 recibindo só garavanzos, arroz, latas de atún ou de carne... Antes do bloqueo había 60.000 persoas recibindo axuda humanitaria, hoxe son 1.200.000 persoas. Creo que é un indicador moi gráfico do que significou o bloqueo: 1.200.000 persoas necesitan axuda humanitaria para sobrevivir. Pero a axuda non cobre as necesidades da poboación. Nin UNRWA, que é quen atende á poboación refuxiada de Palestina, nin o Programa Mundial de Alimentos, que é quen atende ao resto da poboación que non é refuxiada, teñen fondos para continuar distribuíndo alimentos ou outro tipo de axuda.
Esta crise cronificada provocou o cansazo dos doantes. Ademais, cada vez hai máis crise e catástrofes e emerxencias no mundo, para o que cada vez hai menos cartos para UNRWA. Non temos capacidade para continuar e veunos enriba esta catástrofe sen precedentes.
Por que sen precedentes?
Aínda que houbo outras ofensivas militares sobre a Franxa de Gaza, e algunhas con resultados moi cruentos e cun número elevadísimo de fogares destruídos, a rapidez coa que se están sucedendo agora todos os acontecementos provocou que en dous días e medio de bombardeos xa haxa máis de 500 mortos e case 3.000 feridos en Gaza. E nada parece indicar que isto vaia a acabar nun curto prazo. Israel xa está a advertir de que esta operación vai levar semanas e que podería levar a cabo unha operación terrestre. Isto xa pasou en 2014, cando xa entraron en Gaza. Para facelo, o que fixeron foi arrasar toda a zona pola que ían pasar. Hai que entender que Gaza é unha zona densamente poboada onde hai sitios, como os campos de refuxiados, que son verdadeiros labirintos de rúas estreitísimas sen apenas espazo, por onde é moi difícil avanzar. Israel obrigou daquela á poboación a desprazarse dun lado da Franxa ao outro, deixándoa totalmente exposta aos bombardeos e ao fogo de artillería. Que se volva repetir isto é o que máis temos nestes momentos.
O primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, dixo á poboación de Gaza que debía saír do territorio para non sufrir os ataques. Poden realmente escapar?
Non hai ningún sitio ao que ir, da Franxa de Gaza non se pode saír. O que se vai a repetir é o que xa vimos en 2014: xente desprazándose dun lugar a outro sen estar a salvo en ningún sitio. Non entendo este chamamento que fixo Netanyahu porque Gaza está pechada a cal e canto por Israel. Non se pode escapar. Non hai refuxios antiaéreos. O único que pode dar un pouco de seguridade ás persoas é aloxarse nun edificio de Nacións Unidas, que se supón que son zonas neutrais porque a lexislación internacional prohibe atacalas. Con todo, o domingo caeu un proxectil nunha das nosas escolas con 225 persoas. Afortunadamente non pasou nada, pero noutra ocasión pode ser diferente. Agora mesmo temos abertas máis de 60 escolas. O luns xa tiñamos a 65.000 persoas aloxadas e polos acontecementos que estamos a vivir agora mesmo seguro que están a chegar máis. Outro dos nosos grandes temores é que as ataquen.
Netanyahu xa ameazou con que a guerra será “difícil e longa” e que non parará ata que consigan os seus obxectivos. Canto podería alongarse e que consecuencias pode ter para a situación de Gaza un alongamento do conflito?
"Non hai medicamentos esenciais para atender a avalancha de feridos que están a chegar. Tampouco hai electricidade porque Israel cortou tamén a subministración eléctrica"
Canto podería alongarse é algo que só pode dicir Israel. Dependerá das decisións militares que tome o Goberno israelí e das que tome Hamas, ademais da negociación que probablemente encabece Exipto. O problema é que Israel xa pechou todos os cruces de Gaza, o que significa que agora mesmo non está a entrar axuda humanitaria. Nós temos un stock humanitario que podemos utilizar para un par de días, pero se isto se prolonga non imos poder distribuír alimentos ás persoas que están agora mesmo aloxadas nas nosas escolas. Xa están a facer chamamentos os hospitais porque non hai medicamentos esenciais para atender a avalancha de feridos que están a chegar. Tampouco hai electricidade porque Israel cortou tamén a subministración eléctrica. Só permite ata o de agora dous ou tres horas ao día, pero se isto se prolonga non vai haber absolutamente nada de electricidade en Gaza, coas consecuencias que iso podería ter nun hospital ou nun quirófano.
O luns xa había 400.000 persoas sen acceso a auga porque bombardearon as tubaxes, igual que outras moitas infraestruturas civís como comercios, mesquitas, estradas... Bombardearon varios campos de refuxiados, como o de Jabalia, no que houbo 50 mortos tras un ataque ao mercado central no que había moitas persoas abastecéndose de alimentos. Foi un masacre. Tamén se están bombardeando edificios residenciais e o Ministerio de Saúde palestino di que hai moitísimas persoas baixo os entullos que aínda non puideron ser rescatadas. É moi probable que isto continúe ao longo dos días porque repito: vivímolo outras veces, xa se masacrou a poboación civil e agora está a volver a ocorrer.
Poderiamos falar de crimes de guerra?
"Poderíase falar de moitísimas violacións dos dereitos humanos, pero para iso faría falta levar a cabo unha investigación cando todo isto pase, se Israel o permite"
Iso terá que ser determinado por unha investigación, se a hai. Aínda así, bombardear zonas densamente poboadas pódese considerar un crime de guerra. Cortar a subministración eléctrica e a entrada de materiais e bens a Gaza é un castigo colectivo que está prohibido polo dereito humanitario internacional. Poderíase falar de moitísimas violacións dos dereitos humanos, pero para iso faría falta levar a cabo unha investigación cando todo isto pase. Haberá que constatar todos estes datos, pero Israel non o permite. Nas anteriores ofensivas militares prohibiu a entrada aos investigadores designados por Nacións Unidas.
Este conflito vai marcar un antes e un despois para a situación na Franxa de Gaza?
"Nada xustifica a matanza de civís por parte de Hamas e nada xustifica os bombardeos sobre a poboación civil en Gaza"
No que non había precedentes ata o de agora é no masacre que realizaron os grupos armados de Hamas en Israel. Nunca ata o de agora o número de vítimas fora maior en Israel que en Gaza durante os primeiros días de conflito. As cifras de israelís mortos son horribles e nada xustifica a matanza de civís por parte de Hamas, é absolutamente condenable. Nada xustifica o secuestro de familias, de anciáns ou de nenos por parte de Hamas. Estes feitos, absolutamente reprobables, tampouco xustifican os bombardeos sobre a poboación civil en Gaza.
Volvendo á axuda humanitaria, está comprometido o apoio internacional que podería estar a chegar ata o de agora? A Comisión Europea anunciou o luns que "suspende todos os pagos" relativos á axuda ao desenvolvemento a Palestina.
A semana pasada comparecemos na Asemblea Xeral de Nacións Unidas para facer un chamamento internacional a todos os países membros porque UNRWA queda sen financiamento este mes de outubro. Isto significa que os 30.000 traballadores de UNRWA non van cobrar os seus soldos, e falamos non de persoal internacional, que practicamente non ten, senón persoas refuxiadas de Palestina que traballan na axencia e que son persoal sanitario, loxístico, profesorado, administrativos... Non temos diñeiro tampouco para comprar máis medicamentos nas clínicas de saúde ou para pagar a luz e a auga das escolas. Tras esta comparecencia na Asemblea houbo resposta dalgúns países, pero non foi suficiente para manter as operacións máis aló de outubro.
Este é o primeiro ano no que hai dúas grandes escaladas sobre a Franxa de Gaza: unha foi en maio e a outro é o que estamos a vivir agora. Nós estabamos aínda tentando cubrir as necesidades xeradas pola ofensiva do mes de maio e non recibimos case fondos para distribuír axuda a esas persoas que perderon os seus fogares ou estiveron desprazadas e agora imos ter que abrir outro chamamento. A ofensiva está a destruír un número elevadísimo de residencias, de clínicas de saúde, de escolas... Imos necesitar moitísimo máis financiamento. Non sei que pensa facer a comunidade internacional coa situación dos refuxiados de Palestina en xeral e cos de Gaza en particular, pero isto é absolutamente insostible.
Como foi o papel que xogou España neste tema?
España é un doante de UNRWA e nos últimos anos aumentou as súas contribucións, pero lamentablemente antes era un dos países que estaban no top 10 e agora non chega aos niveis nos que estaba antes. O que realmente espero é que, ante esta situación, o Goberno de España e as comunidades autónomas destinen máis fondos para paliar todo este desastre e que nos vindeiros anos se aumente o financiamento. Espero tamén que a comunidade internacional afonde nas raíces do conflito e que busque unha solución política para acabar con esta situación, que se repite cada ano. É insostible, o único que estamos a facer é aumentar o número de vítimas de ambos os lados. Non hai visos de avance nin de que isto vaia a mellorarse. Ata cando vai estar a comunidade internacional impasible ante o que está a ocorrer? Nunca vimos nada igual ao que está a pasar agora.