O Museo do Pobo Galego, o Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega da USC organizan o vindeiro 12 de xuño unha homenaxe a Dorothé Schubarth
O Museo do Pobo Galego, o Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega da USC organizan o vindeiro 12 de xuño unha homenaxe a Dorothé Schubarth, a etnomusicóloga que percorreu as aldeas galegas a finais da década de 1970 para recompilar a música popular e que finou hai uns meses. A xornada de homenaxe, que terá lugar na sede do Museo do Pobo, afondará no "papel central" que a musicóloga e compositora suíza representou para a música tradicional galega.
O acto, que mesturará música e palabra, será aberto a toda a cidadanía sen inscrición previa e contará con participación institucional e tamén cun peso importante do sector cultural galego, nomeadamente da música do país.
A xornada "será tamén unha homenaxe extensible a Antón Santamarina, xa que actuaron os dous cunha xenerosidade impresionante, que se xa nos sorprendía daquela, aínda máis coa perspectiva de hoxe"
O acto foi presentado este mércores en rolda de prensa pola presidenta do Padroado do Museo, Concha Losada; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; e a directora do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, Elisa Fernández Rei. Na rolda, Rosario Álvarez destacou que a xornada "será tamén unha homenaxe extensible a Antón Santamarina, xa que actuaron os dous cunha xenerosidade impresionante, que se xa nos sorprendía daquela, aínda máis coa perspectiva de hoxe”.
O acto, que mesturará música e palabra, será aberto a toda a cidadanía sen inscrición previa e contará con participación institucional e tamén cun peso importante do sector cultural galego, nomeadamente da música do país
A cita comezará ás 10:00 horas, coa apertura institucional do acto, que dará paso a unha actuación de música tradicional a cargo de Felisa Segade, acompañada dunha selección de músicas e fotografías do APOI do Museo do Pobo Galego recollidas por Dorothé.
A continuación celebrarase unha sesión titulada Notas biográficas: Lembranza de Dora e do seu traballo en Galicia, na que intervirán Antón Santamarina, coautor do Cancioneiro Popular Galego; e Diego Rodríguez, responsable de Patrimonio e Cultura da Fundación Barrié.
A xornada de homenaxe, que terá lugar na sede do Museo do Pobo, afondará no "papel central" que a musicóloga e compositora suíza representou para a música tradicional galega
A obra de Schubarth e Santamarina será o eixo de dúas mesas redondas sobre o Cancioneiro. Na primeira delas, moderada por Antón Santamarina, tomarán parte Sergio de la Ossa, para afondar na súa importancia musicolóxica, e J.M. Pedrosa, cun relatorio para ubicar o Cancioneiro Popular Galego no marco español e panhispánico.
Na segunda das mesas, moderada por Alejo Amoedo, intervirán Concha Losada, quen falará sobre O traballo de Dora despois do cancioneiro: os arquivos das institucións; e Rebeca Carrera e Luís Costa, que centrarán a súa conversa na actualidade, difusión e emprego da recolla musical en distintas contornas.
A xornada de mañá concluirá cunha sesión vermú (14:00 horas) cunha selección de pezas sobre material recollido por Dorothé interpretadas polo dúo Caamaño e Ameixeiras.
A xornada de homenaxe concluirá cun concerto na igrexa de Bonaval
O programa continuará pola tarde (17:00 horas) cunha mesa redonda titulada O traballo de Dora alén do cancioneiro na que participarán Lucía Cedrón, Carme Campo, Alejandro Gándara e Antonio Reigosa.
Seguidamente haberá un intermedio audiovisual, cunha selección de imaxes e voces, acompañados da música en directo de Cástor e Félix Castro.
A xornada de homenaxe concluirá cun concerto na igrexa de Bonaval, no que o cuarteto ALICERCE, Alberto Aneiros e Marcos Mato interpretarán Transformacións, unha peza clásica composta por Dorothé.