"Cada día aprendo máis cousas sobre a función da música na nosa cultura, da súa utilidade e os beneficios que trae para cada persoa que a escoita e a goza", confesa o músico Richi Casás, neto e sobriño das cantareiras de Cerceda, Rosa e Adolfina Casás
A ledicia de Richi Casás (A Coruña, 1977) neste ano das Letras Galegas é inmensa, non só polo recoñemento á súa avoa Rosa Casás e á súa tía-avoa e madriña Adolfina Casás, as cantareiras de Cerceda, senón polo que significa que como pobo poñamos en valor os cantares que nos permiten saber de onde vimos. O músico, con ampla formación no jazz e integrante de grupos como Los Satélites ou a banda Xangai, foise interesando cada vez máis pola música tradicional a medida que tiña coñecemento. Chegou a contactar con Dorothé Schubarth para que a súa familia tivera acceso ás gravacións do Cancioneiro Popular Galego, que desenvolvera xunto ao académico Antón Santamarina, e reflectiu a súa experiencia coa súa avoa e a súa madriña no libro-disco Fuliada na Vila (2020, aCentral Folque).
Co espectáculo 586 cantos, iniciativa do Museo do Pobo Galego, percorre o país homenaxeando ese gran traballo de recollida da nosa música tradicional que é o Cancioneiro Popular Galego xunto a outros músicos. E agora ultima a actuación para o Concerto das Letras, que promove cada ano o Consello da Cultura Galega, xunto á formación Do Bertau, integrada por once artistas de distintos eidos musicais e creada expresamente para a ocasión. Unha actuación que terá lugar o 16 de maio no Pazo da Cultura de Carballo e que se poderá seguir en directo no sitio web do CCG e ao día seguinte na CRTVG.
Cando era neno sabía que Dorothé Schubarth fora grabar a súa avoa e a súa madriña cantar?
Non tiña nin idea. A primera noticia que tiven foi cando de casualidade chegou á casa, nos anos noventa, un deses novos tomos do cancioneiro, incomprensible para min nese momento, nos que aparecía o nome deRosa e Adolfina. Isto foi dez anos despois de que Dorothé as grabara e foi a primeira vez que tiven noticia de que alguén se fixara no cantar delas.

Cando cre que foi plenamente consciente do valor de Rosa e Adolfina para a cultura galega? Porquecolectivamente tardamos demasiado tempo en recoñecer a súa aportación, pero probablemente elas tampouco falaban de que alguén demostrara interese polo que cantaban.
Pois plenamente consciente creo que aínda non son, e penso que aínda non somos tampouco plenamente conscientes como pobo desa enorme trascendencia que ten a música tradicional a nivel interno, en Galicia, e a nivel da humanidade. A nosa cultura pertence a unha gran familia e está situada no mundo a través do seu idioma, da súa música, da súa cultura, da súa gastronomía, da súa historia, do seu territorio... Eu cada día aprendo máis cousas sobre a función da música na nosa cultura, da súa utilidade e os beneficios que trae para cada persoa que a escoita e a goza: o primeiro son eu, que todos os días bebo desa música para facer o meu traballo.
"Se seguimos cantando é porque esa canción, esa música e ese baile nos seguen sendo útiles"
Diría que é grazas a esas coplas que se foi transmitindo como somos como pobo, con ese carácter galego tan característico?
Non exclusivamente a través desas coplas e desa música, pero si que esas coplas e esa música son parte da herdanza que, como pobo, fomos capaces de crear entre centos e miles de anos, e que nos axudou a vivir. E iso é a cultura. A cultura é a produción humana, de comunidades humanas, que ten a función de repetir esa propia comunidade. A nosa cultura fíxonos sobrevivir como pobo ante as dificultades deste clima e desta xeografía, deste entorno humano, durante miles de anos. Pérdese no tempo a orixe da nosa música, das nosas letras. Pérdese no tempo a súa vitalidade e a súa riqueza. Hai letras que nos falan dos temas dos que falan tamén os contos populares. Son letras que realmente veñen do paleolítico e que seguimos cantando nós hoxe en día.
Esas letras son parte da nosa cultura, e temos moita sorte de que sigan sendo parte da nosa cultura, porque moitas outras culturas perderon a súa voz, o seu canto. Dorothé Schubarth veu aquí buscando a orixe da música europea porque só se conservaba na periferia, en Galicia e en Bulgaria, pero no centro de Europa xa non había cantantes tradicionais. Así que temos moita sorte de seguir cantando. E se seguimos cantando é porque esa canción, esa música e ese baile nos seguen sendo útiles, doutra forma, deixaríamos de facelo.
Visto dende agora, o estraño é que durante tantas xeracións se vivise de costas a todo este saber popular.
Non se lle prestou atención como a tantos feitos culturais como, por exemplo, a receita do caldo. A receita do caldo é milenaria, xa se facía caldo nos castros hai 2.500 anos, sabémolo polos restos arqueolóxicos que se atoparon. Esa receita permitiu vivir a milleiros de xeracións, permitiu sobrevivir e repoñerse da fame, evitar a enfermidade. Seguimos facendo caldo porque nos segue sendo útil. Temos moitas más alternativas, hoxe en día podemos comer pizza ou case calquera cousa, pero seguimos facendo caldo porque vitalmente nosresulta útil e, ademais, nos é útil culturalmente para transmitir a nosa propia identidade. Por suposto que o caldo mudou cando chegou a pataca, cambiamos un pouco a receita e adaptámonos.
Pois do mesmo xeito pasa co noso canto. Os cantares serven para moitas cousas, pero basicamente son –e seguen sendo– para o encontro das persoas. Os cantos de encontro cando hai algunha festa, os cantos do traballo... Hoxe temos moitas alternativas, podemos ir a unha verbena ou a unha discoteca, pero non sei porque non nos echen o corazón igual. Xa non son imprescindibles, pero seguimos manténdoos como unha forma de identidade. Como unha maneira de ser quen somos neste punto do planeta. Seguen sendo útiles en dimensións que descoñecemos, non podemos ser pretenciosos e pensar que sabemos todas as razóns de por que seguimos cantando, sabemos moitas, pero non as sabemos todas. E eu cada día aprendo máiscousas sobre as razóns polas que aquí seguimos cantando e tocando.
"Ese é o reto hoxe en día, que a xente nova cree letras que eles entendan plenamente"
Foi unha sorte que para cando comezou a ter idea desa lírica popular, aínda tivese a Rosa e Adolfina ao seu carón.
Foi unha lotería porque miña avoa criounos nun piso da Coruña e ata que tiña doce ou trece anos nunca a escoitara cantar música tradicional. Foi cando ela arreglou a súa casiña de Cerceda, no ano 1989, e fixo a primeira festa alí no verán cando se puxo a cantar. Estaba no seu entorno, no seu escenario favorito, e empezou a cantar dunha maneira que eu non lle escoitara a ninguén. Pensemos que daquela na televisión non había pandeireteiras, había gaiteiros. Lembro que me preguntei se iso era algo que só facía a miña avoa ou o faría máis xente, e que folclore era ese porque non era o folclore español. Así descubrín por primeira vez o Cancioneiro Popular Galego, indescifrable para min naquel momento, e empecei a comprender o que significaba todo isto. O cancioneiro fala dunha Galicia rural que non coñecía e cunhas claves que non comprendía, sobre as que fun aprendendo pouco a pouco, porque hai un subtexto profundísimo nesas letras. Hai que estar dentro da cultura tradicional para saber o que significa muiñar ou que cando falan dun pino verde refírense a un home novo. Son arquetipos da cultura tradicional que a xeración da miña avoa comprendía perfectamente, pero que a miña e as posteriores precisamos dunhas claves para entender ben. Ese é o reto hoxe en día, que a xente nova cree letras que eles entendan plenamente. Letras que falen do WhatsApp, da cobertura do móbil ou dun apagamento. Por suposto que hai que reproducir as letras antigas, que son fermosas, e entendelas no seu contexto. Pero creo que o reto agora é crear sobre as músicas tradicionais unhas letras que para nós teñan sentido.
Sempre se destaca que Rosa e Adolfina eran fillas de solteira e nais solteiras, como as marcou iso?
Determinaron unha tendencia na súa a vida porque o feito de que elas fosen solteiras, que non tivesen marido, fosen nais ou non, posibilitou que cantasen moito máis que se fosen casadas. Sabemos por experiencia das informantes que eran casadas, que moitas veces o marido ou o propio o entorno as limitaban.Despois dun traballo duro como era a malla, que acababan cando se poñía o sol, a moitas casadas collíaas omarido do brazo e marchaban para casa, pero as solteiras tiñan a oportunidade de quedar máis e de seguir coa festa. Iso fixo que Rosa e Adolfina foran moi activas na contorna de Cerceda, eran coñecidas por ser habituais nas foliadas.
Podemos dicir que chegou a este ano das Letras cos deberes feitos, pois xa en 2020 publicou Fuliada na vila, que é unha homenaxe ao que estas mulleres nos legaron como pobo.
Si, nese libro fago unha foto do que eu sei sobre música e poño nun libro-disco. Pero a partir de aí foi todo empezar porque accedo a un montón de información da que non dispoñía, hai arquivos que se me abren, persoas que confían en min para proxectos musicais diferentes, entro en contacto con proxectos arredor do folclore máis alá do galego... E ese libro foi o comezo. Para min era o final da miña carreira como músico no conservatorio, pero en realidade foi o inicio doutra experiencia.

"É unha rareza porque aínda que eu lle escoitei a miña avoa cantalo algunhas veces, non fun capaz de aprendelo en vida de Rosa. Aprendino grazas á recollida que fixo Dorothé e chegou a min polo arquivo do APOI do Museo do Pobo"
Que nos pode contar do Concerto das Letras?
Como este ano é un pouco especial porque as cantereiras crearon literatura que xa tiña unha música incorporada, o reto é poñer en escena todo iso. Para o que contamos coas cantareiras e pandeireteiras que conforman o grupo Bouba: Carme da Pontragha, Maca do Pinheiro e Uxía da Pontragha, xunto con Tanea, que é unha pandeireteira da coruña con orixe na Costa da Morte tamén; a contrabaixista Yudit Almeida; o baterista Álvaro Trillo; o pianista Fran Trashorras; o trompetista Javier Pereiro; o saxo tenor e soprano Marcos Cives; o trombón José Luis Miranda e eu mesmo, que estarei acompañando co saxo alto. Faremos unha posta en escena da música tradicional tal e como se recolleu e poñemos de acompañamento o jazz, que é unha música que sabe respectar moi ben todas as tradicións.
Cantarán unha cantiga de Nadal que lle escoitou a súa avoa, non si?
Si, o Canto de Nadal da Vila da Igrexa, que xa aparecía no disco Fuliada na Vila. É unha rareza porque aínda que eu lle escoitei a miña avoa cantalo algunhas veces, non fun capaz de aprendelo en vida de Rosa. Aprendino grazas á recollida que fixo Dorothé e chegou a min polo arquivo do APOI do Museo do Pobo. Hai poucos cantos de Nadal en galego e é unha melodía relixiosa que nos acompaña dende hai milleiros de anos. Dorothé cando a escoitou recoñeceu nesta melodía un canto gregoriano, un canto de trovador e un canto que xa estaba presente nas cantigas de Alfonso X.