Cantareiras na tele: do histórico documental de RTVE ao 'Non canto por cantare'

Imaxes dos docentais de Tereixa Navaza en TVE (1983) e de Irene Pin en Agalega.gal (2025) © RTVE / CSAG

Dous traballos audiovisuais con máis de 40 anos entre si reflicten a transmisión da música tradicional á que rende homenaxe o Día das Letras Galegas, dende as recolleitas e o privado aos públicos masivos

Un dos fíos que tece a homenaxe ás cantareiras e á poesía popular oral da que termaron no Día das Letras Galegas de 2025 é o feito de que a tradición está viva. As coplas e músicas non son un fósil, nin sequera unha peza histórica que contemplar, senón un patrimonio artístico colectivo que segue a evolucionar.

Nesta lóxica é posible conectar dous traballos audiovisuais que, con máis de 40 anos entre si, reflicten a transmisión da música tradicional en dous momentos ben diferentes. Dende o das recolleitas que lograron salvar décadas de silencio e cantos no privado ou doméstico ata o actual, cando a poesía popular oral conecta coas músicas máis contemporáneas e mesmo públicos masivos.

As pandeireteiras de Mens, no documental de Tereixa Navaza para RTVE Galicia en 1983 © RTVE

A primeira destas pezas vén de ser rescatada por Radio Televisión Española a través da súa plataforma dixital RTVE Play. Data de 1983, cando a autonomía tiña apenas dous anos de vida, aínda faltaba un para que botasen a andar os medios públicos galegos e TVE Galicia era unha fiestra televisiva para o galego e para a realidade do país a través do labor de xornalistas como Tereixa Navaza.

En 1983 Tereixa Navaza achegouse ás Pandeireteiras de Mens nunha histórica peza documental que RTVE vén de recuperar para o Día das Letras na súa plataforma dixital

Boa mostra é a peza documental na que Navaza se achega ás Pandeireteiras de Mens (Malpica), tres de cuxas cinco integrantes (Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e Manuela Lema Villar) foron elixidas pola RAG para personificaren a homenaxe deste 17 de maio xunto a Adolfina e Rosa Casás Rama de Cerceda, e Eva Castiñeira, de Muxía. Con ton de reportaxe, a gravación permite escoitar a estas grandes mantedoras da poesía popular oral nunha Galicia en gran medida desaparecida. E tamén reflicte a opinión de veciñanza malpicá sobre as súas músicas.

O traballo de Navaza nese documental a prol da difusión da música tradicional na televisión continuárono diversas profesionais do xornalismo nas décadas seguintes. Por exemplo, Pilar García Rego no programa Alalá, que a Televisión de Galicia emitiu con regularidade entre 2006 e 2013 e ata 2017 a través de varios especiais. A voz de García Rego vólvese xunguir á música tradicional neste 2025 en Non canto por cantare, unha serie documental dirixida por Irene Pin e producida pola cooperativa Aqueladas que xa pode verse na plataforma dixital dos medios públicos, Agalega.gal, tras a súa estrea na segunda canle da TVG.

Pandeireteiras de diversas idades no documental 'Non canto por cantare' © CSAG

A serie tenta "achegar ao público o efervescente mundo da música tradicional na actualidade, trazando unha posible historia da transmisión" que, advirte Pilar García Rego, "podería contarse de moitas formas diferentes". A partir do "retrato íntimo" do que para as cantareiras homenaxeadas no Día das Letras "supuña tocar, cantar e bailar", en Non canto por cantare procuran "un relato máis amplo, que fala da sociedade galega e das súas transformacións, e das miles de mulleres labregas que mantiveron viva a tradición cando parecía condenada a desaparecer".

Irene Pin dirixe neste 2025 a serie documental 'Non canto por cantare', que procura "achegar ao público o efervescente mundo da música tradicional na actualidade, trazando unha posible historia da transmisión"

"A folclorización da música e o baile" ou "o papel dos arquivos" son algúns dos aspectos que aborda tamén un documental que tenta retratar, ao cabo, "os motivos polos que cantamos, alzando o desexo, ou a necesidade, de que o sigamos facendo". Para trazar ese retrato conta con perspectivas académicas como a de Antón Santamarina, coautor do histórico Cancioneiro Popular Galego xunto a Dorothé Schubarth, ou a etnomusicóloga Beatriz Busto.  

Familiares das cantareiras homenaxeadas interveñen tamén nun documental que conta con músicas actuais. É o caso Felisa Segade, Fillas de Cassandra, De Ninghures ou a cantareira Pilar Turnes, o compilador Ales Míguez ou o proxecto Andar cos tempos que, destacan, "revisa a tradición en clave de xénero".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.