Paula Carballeira recibiu do Ministerio de Cultura o Premio Nacional de Literatura Dramática 2023 por 'As alumnas', que recupera a memoria da mestra María Barbeito a partir das súas alumnas
Unha chamada a mediodía nun día de función sorprendeu a Paula Carballeira coa nova do seu Premio Nacional de Literatura Dramática 2023, outorgado polo Ministerio de Cultura. "Estaba de viaxe, en Guadalajara, porque tiña unha función á noite. Chamáronme e foi unha emoción! Eu alí chorando soa buscando a quen abrazar!", lembra. Un premio que recoñece o valor da memoria colectiva, unha cuestión fundamental na carreira da dramaturga e narradora oral.
O xurado razoa o galardón á obra As alumnas (Editorial Galaxia) "por ser un eloxio do maxisterio que ensina sobre a dúbida e o debate". Paula Carballeira recupera a figura de María Barbeito, mestra durante a II República que sufriu a represión a partir do golpe de 1936, cando foi apartada do ensino. Un símbolo do "modelo de escola laica, libre e dunha pedagoxía avanzada" que caracterizou a etapa republicana e quedou truncado pola guerra e a ditadura posterior.
"Houbo un movemento moi importante de renovación pedagóxica que quedou interrompido, pero nunca se perdeu. Sempre houbo mestras e mestres que buscaban esa maneira de transmitir o coñecemento de maneira igualitaria, sen diferenciar clases nin sexos, e potenciando a capacidade crítica e a aprendizaxe de cada alumno ou alumna segundo as súas circunstancias", reivindica Carballeira, que celebra como agora se volve valorar aquel esforzo e esa maneira de ensinar "porque potencia as habilidades de cada individuo para desenvolver o seu propio pensamento crítico".
"Cando ves a posibilidade de recuar moi real, empezas a ter medo. Porque unha cousa é unha peza de teatro, pero outra é vivilo ti"
As alumnas é unha peza de teatro que foi proposta por Fran Rei, de Culturactiva Producións, que percorre os teatros galegos baixo a dirección de Fina Calleja coas actrices Mónica Camaño e Anabell Gago como protagonistas. Interpretan a dúas alumnas de María Barbeito que se atopan no enterro da súa mestra, Elivira Fontao e Rosa Lires. A obra comeza coa personaxe de Rosa dicindo: "Imaxinemos por un momento que o pasado, ese que cremos afortunadamente enterrado, desafortunadamente resucita".
Ese pasado estivo moi presente no marco das eleccións xerais do 23X e continúa presente agora. "Moitas veces damos por suposto que xa conseguimos unha serie de avances e que non é posible recuar, cando a Historia trae un montón de exemplos nos que se ven recortados os dereitos e liberdades –razoa Carballeira–. Cando ves esa posibilidade moi real, empezas a ter medo a que suceda, polo menos eu. Porque unha cousa é unha peza de teatro, que é ficción, aínda que o teatro ten moito que ver coa realidade, pero outra cousa é vivilo ti. Estas cousas poden pasar en calquera momento, non hai que esquecer que iso xa pasou aquí. Non só é Afganistán ou outros países que nos quedan lonxe".
O exemplo máis directo está na cancelación de manifestacións culturais, comezando polo teatro, que está acontecendo nalgunhas comunidades autónomas con gobernos de PP e Vox. "O que ten precisamente o teatro é que chega a moita xente no momento da representación. Acontece sempre no presente, e o presente é moi difícil de controlar. O teatro sempre foi un espazo moi subversivo, onde se pon en escena a vida, co que nós somos, e ante iso a xente ten que adoptar unha actitude crítica, queira ou non”.
"O teatro pon en escena a vida, co que nós somos, e ante iso a xente ten que adoptar unha actitude crítica, queira ou non"
O proceso de creación de As alumnas, que xa foi merecedora do Premio Follas Novas na categoría de teatro, foi paralelo á chegada dos talibáns a Afganistán, que supuxo un forte recorte de dereitos e liberdades para as mulleres. Por iso a dramaturga, que xa coñecía a figura de María Barbeito como destacada representante desa pedagoxía renovadora da II República, optou por contar o que acontece despois, o que lles pasa ás súas alumnas.
"Na renovación pedagóxica, María Barbeito tivo un papel fundamental, tamén como formadora de futuras mestras. Para min foi toda unha descuberta todo o que ela representou, que me deu pé a falar do que veu despois. A figura dos mestres e mestras é moi próxima, están moi presentes na sociedade porque transmiten uns coñecementos que te dan a opción de aspirar a un futuro mellor. Emocióname moito que isto se poña en valor desde a literatura e o teatro", destaca.
Paula Carballeira continúa a desenvolver proxectos arredor da memoria como Mulleres que viven soas, da compañía Berrobambán, que dirixe xunto a Chiqui Pereira, e que nos vindeiros meses chegará aos escenarios tras iniciar o seu percorrido como podcast. Está xa no teatro con Hai quen escolle os camiños máis longos, unha obra da que fixo a dramaturxia a partir do seu poemario homónimo e vai comezar outro podcast no que deixa o papel da alumna para poñerse no da mestra. A partir dos contos de medo do libro Trece avisos (Xerais), que escribiu a raíz duns obradoiros de narración oral para rapazada, sairán agora esas pílulas sonoras.