As fundacións literarias piden ao Goberno de España a entrada de Galicia na Unesco

Última Conferencia Xeral da Unesco, en Samarcanda © Unesco

Tras o anuncio de Sánchez para que Calunya e Euskadi sexan membros asociados e a aceptación pola Xunta de que Galicia quede fóra, 17 fundacións e entidades literarias consideran "inaceptable" a "discriminación"

"A ausencia de Galicia como aspirante a membro asociado constitúe unha inaceptable discriminación". Así veñen de pronunciarse, nunha declaración pública conxunta, 17 das principais fundacións e entidades literarias galegas sobre a proposta do Goberno de España de que Euskadi e Catalunya, pero non Galicia, formen parte da Unesco como membros asociados. Unha ausencia de Galicia que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avala persoalmente porque considera que o Goberno de Sánchez xa está a representar adecuadamente os intereses do país.

Tras o anuncio de Sánchez de que promoverá a incorporación de Catalunya e Euskadi como membros asociados da Unesco, Praza.gal preguntou pola postura do Consello da Cultura Galega (CCG) e da Real Academia Galega (RAG), que amosaron o seu desexo de que Galicia entre na organización internacional ao mesmo nivel que as outras dúas nacionalidades históricas. Sobre esa postura das dúas principais institucións culturais de Galicia, a primeira delas de carácter estatutario, preguntou á súa vez Praza.gal ao presidente da Xunta, que se distanciou delas asegurando que non é prioritario.

As entidades apelan "á cidadanía e as institucións galegas pertinentes a que demanden igualmente para Galicia a condición de membro asociado da Unesco"

Agora as principais fundacións literarias do país defenden que "Galicia, ao igual que Cataluña e Euskadi, é unha comunidade autónoma coa consideración constitucional de nacionalidade histórica e non existe causa ningunha para que non se beneficie desa probable incorporación". As entidades consideran que a ausencia de Galicia sería "unha inaceptable discriminación" e entenden que o país, "como comunidade cultural e lingüística singular e diferenciada, debe ter presenza específica na Unesco, exactamente igual e polos mesmos motivos que Cataluña e Euskadi", xa que "a Unesco constitúe un espazo privilexiado para o recoñecemento, a cooperación e a visibilidade das culturas no mundo".

A declaración pública emitida polas entidades, aberta a máis incorporacións, remata apelando "á cidadanía e as institucións galegas pertinentes a que demanden igualmente para Galicia a condición de membro asociado da Unesco". 

O presidente Rueda e o conselleiro de Cultura a pasada semana no primeiro pleno do ano do Consello da Cultura Galega CC-BY-SA Xunta de Galicia

Tras as declaracións de Rueda o 29 de decembro aceptando que Sánchez só aposte por Catalunya e Euskadi, unha semana máis tarde, o 8 de xaneiro, o Consello da Cultura celebrou o seu primeiro pleno do ano, ao que asistiu o presidente da Xunta. Segundo fontes coñecedoras do encontro, ningún dos asistentes ao pleno formulou a Rueda ningunha apreciación ao respecto.

As entidades asinantes da declaración son:

  • Asociación Évame Oroza
  • Casa-Museo Emilia Pardo Bazán
  • Casa-Museo Xosé Manuel Pazos
  • Casa Natal de Otero Pedrayo e Vicente Risco
  • Fundación Antón Losada Diéguez
  • Fundación Alexandre Bóveda
  • Fundación Eduardo Blanco Amor
  • Fundación Eduardo Pondal
  • Fundación Insua dos Poetas
  • Fundación Isla Couto
  • Fundación Manuel María
  • Fundación Margarita Ledo Andión. Casa da Galería
  • Fundación Novoneyra
  • Fundación Penzol
  • Fundación Rosalía de Castro
  • Fundación Xosé Neira Vilas
  • Hotel Literario Bela Fisterra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.