Este luns conmemórase o Día Internacional das Vítimas do Holocausto, que lembra a liberación a cargo das tropas da URSS, hai 80 anos, do campo de concentración e exterminio nazi de Auschwitz-Birkenau
Este luns 27 de xaneiro conmemórase o Día Internacional das Vítimas do Holocausto, que lembra a liberación a cargo das tropas da URSS en 1945, hai hoxe 80 anos, do campo de concentración e exterminio nazi de Auschwitz-Birkenau. A celebración chega tamén a Galicia, onde diversos actos honran a memoria de todas as víticas dos campos e, en especial, dos case que 200 galegos que pasaron por eles, dos que 106 morreron.
Hai dous anos A Coruña foi o escenario da colocación, por primeira vez en Galicia, dunha Stolperstein ("pedra que fai tropezar"), unha iniciativa artística impulsada en 1990 polo artista alemán Gunter Demnig materializada en pequenas pezas de bronce que lembran persoas deportadas polo nazismo e que se adoitan situar diante das casas natais ou da infancia das vítimas, con información básica sobre elas.
Nesa primeira acción foron sete as pedras instaladas, rendendo homenaxe a Julio Martínez Arias, Leopoldo López Criado, Luis Rafales Lamarca, Eduardo Sánchez García, Adrián del Castillo, Arturo García Lagares e Juan González del Valle, asasinados en campos de concentración como Hartheim ou Gusen nos anos da II Guerra Mundial. Tamén Nigrán e Ribadeo contan con estas "pedras da memoria" nas súas rúas.
O Concello da Coruña e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) van colocar dez novos stolpersteine en distintos puntos da cidade
Esta semana, entre o luns e o venres, no marco da conmemoración do Día Internacional das Vítimas do Holocausto, o Concello da Coruña e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) van colocar dez novos stolpersteine en distintos puntos da cidade. Desta volta os homenaxeados son Víctor San Miguel Prado, Víctor Manuel Conde Núñez, Martín Ferreiro Álvarez, Adolfo Bregua Mouriño, Clemente Juan de la Cruz García, José Albedro Villaverde, Manuel Fernández Tarragó, Francisco Tallón Charlón, Enrique Tallón Charlón e José Martínez Cacheiro.
Os actos na Coruña complétanse coa presentación do libro sobre o deportado Julio Martínez Arias (Elexía. Julio Martínez Arias, da porta de Aires ao aire de Mauthausen, obra de Francisco X. Fernández Naval; terá lugar o martes 28 ás 19.30 na Casa Museo Casares Quiroga. Ademais, o xoves 30 ás 12.30 terá lugar no IES Eusebio da Guarda un faladoiro sobre o deportado Juan González del Valle e o seu libro Un sol incoloro a cargo de Carmen Rodeja e Luís Pérez.
Actos en Narón e Ourense
Narón acolle dende este luns actividades que buscan honrar a memoria das vítimas galegas nos campos nazis, especialmente as da comarca de Ferrolterra
Ademais, Narón acolle dende este luns varias actividades que buscan honrar a memoria das vítimas galegas nos campos nazis, especialmente as da comarca de Ferrolterra. Así, dende este luns pode verse na Biblioteca Pública Municipal de Narón a exposición fotográfica Galegos en Mauthausen, organizada por Memoria Histórica Democrática. Ademais, a asociación impartirá una charla-coloquio para o alumnado do CPR Santiago Apóstol de Narón.
De igual xeito, a agrupación local do PSdeG en Ourense organiza este venres 31 un acto que contará coa intervención do historiador Carlos Lozano. A actividade busca "render tributo á memoria destas vítimas para ratificar o compromiso social de loitar contra o antisemitismo, o racismo e calquera outra forma de intolerancia que poida conducir a actos violentos contra determinados grupos humanos".
No ano 2018 o Parlamento de Galicia acolleu un acto de homenaxe ás vítimas do Holocausto e aos galegos recluídos nos campos de concentración
No ano 2018 o Parlamento de Galicia acolleu un acto de homenaxe ás vítimas do Holocausto e aos galegos recluídos nos campos de concentración. Os seus 193 nomes foron lidos, un por un, por parte de alumnas e alumnos do IES Xosé Neira Vilas de Perillo (Oleiros). Ademais, colocouse unha rosa branca en honor de cada un.
Os catro grupos parlamentarios, incluído o PP, aprobaron unha declaración institucional que subliñaba que o Holocausto tivera a súa orixe "no intento de eliminación da disidencia política e ideolóxica e derivou nun xenocidio que contou coa colaboración da Ditadura franquista e que perseguiu miles de homes e mulleres que fuxiron do Estado español despois da derrota da República en 1939 e tras a instauración dun réxime fascista".