Dachau foi un centro de detención especial. Inaugurado a finais de marzo de 1933 –tan só dous meses despois da chegada ao poder de Adolf Hitler– resultou ser o único campo de concentración que permaneceu activo durante toda a etapa da ditadura nazi, ampliando progresivamente as súas instalacións e variando os métodos represivos no seu réxime interno. Sempre a peor
O pasado mes de agosto, aproveitando o período de descanso do verán, acudimos a Múnic, a capital do estado de Baviera levantada xunto o río Isar que, ademais, é a terceira cidade alemá por número de habitantes, tras Berlín e Hamburgo. A urbe, plana e fermosa, ten na súa praza de Santa María o seu centro neurálxico, un inmenso e coidado espazo verde –o Xardín Inglés– e un casco histórico amplo e ordenado que foi reconstruído tras a devastación provocada polos constantes bombardeos aliados durante a fin da Segunda Guerra Mundial. A saída da cidade en dirección noroeste e a escasos trinta quilómetros atópase unha pequena vila, Dachau, onde unha antiga fábrica en desuso de municións serviu para abrir o primeiro campo de concentración do réxime nacionalsocialista.
Dachau foi un centro de detención especial. Inaugurado a finais de marzo de 1933 –tan só dous meses despois da chegada ao poder de Adolf Hitler– resultou ser o único campo de concentración que permaneceu activo durante toda a etapa da ditadura nazi, ampliando progresivamente as súas instalacións e variando os métodos represivos no seu réxime interno. Sempre a peor. Cando foi liberado a finais de maio de 1945 polas tropas estadounidenses, os soldados que penetraron no recinto descubriron un horror inimaxinábel. Máis de douscentos mil inocentes pasaron por aquel centro de tortura e asasinato e preto de corenta mil persoas faleceron vítimas da fame, as enfermidades –en especial, o tifo– as malleiras, os disparos na caluga ou o gas. Tras a liberación, tal era o estado dos superviventes que durante dous meses os mortos contáronse a diario por ducias.
Os primeiros ingresados en Dachau pertencían á oposición política: socialistas e comunistas. Os máis relevantes entre eles pagaron coa súa vida a súa actividade antifascista
Os primeiros ingresados en Dachau pertencían á oposición política: socialistas e comunistas. Os máis relevantes entre eles pagaron coa súa vida a súa actividade antifascista. Logo, a poboación concentrada foi incrementándose cos chamados “asociais”, é dicir, delincuentes comúns, así como “lectores da Biblia”, ou sexa Testemuñas de Xehová, homosexuais, vagabundos, xitanos e xudeus, destes moitos procedentes de Alemaña e Austria. Tras o estoupido da Guerra Mundial en setembro de 1939 non faltaron as persoas orixinarias de Polonia, a Unión Soviética, Checoslovaquia... así até completar unha nómina de varias nacionalidades.
O día que visitamos Dachau o ceo amenceu azul e a calor resultou abafante pois a temperatura superaba os 30º. O noso guía –un valenciano chamado Óscar que leva asentado en Alemaña unha ducia de anos– reuniu ao grupo a carón da entrada principal do campo. Advertiu da imposibilidade de gravar vídeos, evitar autofotos, pois aquelo non era un parque de atraccións, e amosar respecto e consideración con aquel lugar de memoria. Óscar tamén avisou da crueza do que íamos ver. De feito, os menores de trece anos teñen prohibida a entrada no recinto que, por outra banda, é de balde.
A entrada ao campo de concentración de Dachau impresiona. Na parte superior da reixas, a torre de vixilancia da paso á enorme praza de reconto. Alí, a diario, os presos formaban dúas veces en cada xornada para o control e a asignación do traballo
Antes de traspasar a porta principal e o seu enreixado co preceptivo Arbeit macht frei, O traballo faiche libre, o guieiro considerou convinte expoñer unha breve introdución sobre a historia do nacionalsocialismo, a humillación provocada co Tratado de Versalles tras a Primeira Guerra Mundial, a crise económica de 1929 e a xenreira contra a comunidade xudía internacional, culpábel segundo a aristocracia militar alemá da derrota do país na conflagración de 1914-1918. Unha síntese perfecta de Óscar que axudou a comprender todo o que viría de seguido.
A entrada ao campo de concentración de Dachau impresiona. Na parte superior da reixas, a torre de vixilancia da paso á enorme praza de reconto. Alí, a diario, os presos formaban dúas veces en cada xornada para o control e a asignación do traballo. A dereita, varios barracóns con diferentes obxectivos: recepción, clasificación e un lugar de diminutas celas de castigo que os internados bautizaron co nome de “búnker”. Lugar de tortura e morte.
Á esquerda da Apellplatz, os barracóns dos presos. Unha trintena dividida en dúas formacións. Todos destruídos tras a liberación do campo. Na actualidade, o visitante pode acceder a dous deles, reconstruídos para non esquecer, para manter viva a memoria do horror. O resto aparece delimitado cunha base de formigón que permite entrever a magnitude do campo. Ao fondo, tres construcións modernas homenaxean ás vítimas: unha igrexa católica, outra ortodoxa e unha sinagoga xudía. O peor, o máis duro do percorrido polo campo, acontece cando enfilamos cara o crematorio.
En realidade, son dous os crematorios de Dachau. Situados na parte última do recinto e escondidos tras un arboredo, a zona da morte por excelencia causa arrepío. O espanto tras observar o Crematorio I –obsoleto para acadar o propósito final ante a magnitude da traxedia– aumenta cando pasamos ao Crematorio II, separado uns metros do anterior e construído para poder satisfacer a elevada cadencia do asasinato en masa e a necesidade de facer desaparecer os corpos.
Por lei, os alumnos do ensino público de entre 15 e 16 anos acoden a visitar Dachau e recibir unha lección de historia, para coñecer o seu traumático pasado, para saber duns feitos horrendos que permitan non volver a repetilos. Memoria e historia
O Crematorio II está conformado por varias salas: na primeira, os condenados eran espidos e os seus pixamas desinfectados para un novo uso; a continuación, as vítimas núas penetraban nunha habitación sen ventás e por uns buratos nas paredes penetraba o gas Zyklon B empurrado dende o exterior. Minutos máis tarde todos falecían. A última estancia está conformada por catro fornos onde os cadáveres eran incinerados. A visión resulta estarrecedora e o silencio dos visitantes absoluto.
Cando percorremos Dachau o número de persoas que camiñaban polo campo non era elevado, máis ben ao contrario. Chamounos a atención e preguntamos ao noso guía. Óscar respondeu que se fixeramos a viaxe en inverno, habería que agardar cola para entrar nas instalacións. Por lei, os alumnos do ensino público de entre 15 e 16 anos acoden a visitar Dachau e recibir unha lección de historia, para coñecer o seu traumático pasado, para saber duns feitos horrendos que permitan non volver a repetilos. Memoria e historia.