A través deste acto, a ARMH quere homenaxear aos moitos "heroes galegos descoñecidos", que pasaron polos campos nazis de concentración, con traxectorias vitais paralelas ás de Avelino García, e cuxa memoria a entidade quere "rescatar"
O 27 de xaneiro de 1941 Avelino García García, nacido en Negreira, entrou no campo de concentración nazi de Mauthausen, no actual territorio de Austria, unha instalación na que máis de 10.000 presos republicanos españois, ao redor de 200 galegos, foron recluídos durante anos, morrendo alí moitos deles. El salvou a vida, pero os máis de catro anos vividos no campo ata a súa liberación marcárono para sempre, o mesmo que o número de deportado 6794 co que foi tatuado.
Este venres 16 de setembro ás 20 horas a antiga escola unitaria de Liñaio, en Negreira, acollerá unha homenaxe a Avelino García, organizado pola Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH). O acto servirá para presentar o libro 'Avelino García García: Raigames profundas', de José Manuel López Tuñas, que afonda na súa figura, froito de anos de investigación. O evento conta coa colaboración do concello de Negreira e a Asociación de Veciños “O Teleclub” e a edición do libro foi cofinanciada pola Deputación da Coruña e a ARMH.
Case 200 galegos foron deportados aos campos de exterminio nazis e 106 morreron alí. Nos últimos anos comezou a haber un recoñecemento oficial do sufrimento causado pola Alemaña nazi e a España franquista a estes prisioneiros republicanos
A través deste acto, a ARMH quere homenaxear aos moitos "heroes galegos descoñecidos", que pasaron polos campos nazis de concentración, con traxectorias vitais paralelas ás de Avelino García, e cuxa memoria a entidade quere "rescatar". Case 200 galegos foron deportados aos campos de exterminio nazis e 106 morreron alí, como foi recoñecido recentemente polo BOE, que publicou os nomes de todos os presos falecidos.
Nos últimos anos comezou a haber un recoñecemento oficial do sufrimento causado pola Alemaña nazi e a España franquista a estes prisioneiros republicanos, que recibiron homenaxes no Parlamento galego, onde ademais se aprobou unha declaración institucional (apoiada mesmo polo PP) que subliñaba a responsabilidade do Xeneral Franco na deportación dos presos aos campos de exterminio, lembrando "os máis de 10.000 republicanos españois que terminaron deportados nos campos nazis pola colaboración do ditador Francisco Franco co nazismo alemán e o fascismo italiano".
Emigrado en Francia dende os 15 anos, en 1936 regresou a España para loitar contra o fascismo. Unha vez rematada a Guerra Civil, retornou ao país galo para pelexar contra a invasión da Alemaña nazi
Avelino García, "Avelino da Xalleira", para os seus veciños, nacera en 1914 na aldea de Maio Pequeno, parroquia de Liñaio, e alí pasou a súa infancia na compaña da súa nai Isolina. Emigrou a Francia con 15 anos, aínda que retornou a España con 22 anos para participar na Guerra Civil e defender o seu país contra o fascismo. En Barcelona formou parte da 5ª Compañía do 6º Batallón, 120 Brigada da 26 División do Exército, participando nas operacións militares contra os sublevados.
Unha vez rematada a Guerra Civil, Avelino García regresou a Francia, desta volta para pelexar contra a invasión da Alemaña nazi e da Italia fascista. Formou parte da Compañía de Traballadores Estranxeiros, cavando trincheiras na fronteira. Logo da invasión do país polos nazis foi detido polas forzas alemás en maio de 1940, e xunto con outros mozos republicanos estivo recluído no stalag (campo de prisioneiros) de Fallingbostel. Foi dos primeiros deportados en chegar ao campo de Mauthausen, despois de viaxar dous días nun tren utilizado para transporte de animais.
"A ledicia dos deportados comezou a esvaecerse pouco a pouco para os españois, ao seren informados de que non serían retornados ao seu país ao seren declarados apátridas polas autoridades franquistas, polo que tiñan que ficar en Francia, onde, desta volta si, foron acollidos como loitadores pola liberdade e a democracia"
Durante dous anos, na compaña de 300 republicanos españois, saíu todos os días a traballar nunha fábrica de motores de aviación, montando a parte metálica, pois nos arredores dos campos de concentración se atopaban as máis importantes empresas alemás, que utilizaban a man de obra escrava dos deportados. Posteriormente foi trasladado ao subcampo de Güsen a traballar nun túnel con un martelo picón, e finalmente foi destinado a conducir un tren que trasladaba o material mineiro.
O 5 de maio de 1945 as primeiras patrullas da II División do Terceiro Exército do Xeneral Patton fixeron a súa entrada no campo de exterminio de Mauthausen, que dous días antes abandonaran as tropas nazis. Como destaca a ARMH, "a ledicia dos deportados comezou a esvaecerse pouco a pouco para os españois, ao seren informados de que non serían retornados ao seu país ao seren declarados apátridas polas autoridades franquistas, polo que tiñan que ficar en Francia, onde, desta volta si, foron acollidos como loitadores pola liberdade e a democracia".
As secuelas psicolóxicas e físicas dos anos pasados nos campos de traballo e exterminio acompañárono durante o resto da súa vida
Deste xeito, Avelino comezou unha nova vida Francia, onde formou unha familia na localidade de Pessac (preto de Bordeos). Alí participou na Federación Nacional dos Deportados e Internos, Resistentes e Patriotas, da que foi secretario, intervindo en numerosos actos públicos e oficiais. Porén, as secuelas psicolóxicas e físicas dos anos pasados nos campos de traballo e exterminio acompañárono durante o resto da súa vida.
O 12 de maio de 2016 finou aos 102 anos de idade en Pessac, onde gozaba de moita estima. A ARMH conclúe que "durante toda a súa vida foi un exemplo de compromiso coa Democracia e os Dereitos Humanos" e así foi recoñecido coa entrega medalla de ouro ao deportado da República Francesa.