A vila homenaxea tres veciños que fuxindo do franquismo acabaron no campo de exterminio alemán
Antonio Suárez Blanco “Coruña”, Luís Rodriguez Villar “Luis de Rogita” e Antonio Fariña Chouciño “Antonio da Rosa”. Son os tres mariñeiros de Malpica que acabaron no campo de exterminio alemán de Mauthausen tras fuxir do franquismo con outros moitos veciños. Os tres son lembrados este venres na vila coa descuberta dunha placa na súa memoria e a presentación dun libro sobre as súas vidas, Aquela xente digna, de Héctor Pose. A Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica lembra o que pasaron aqueles homes.
Antonio Suárez, nacido en 1907, fuxiu de Malpica tras o golpe de estado xunto con outros moitos veciños a bordo de tres embarcacións, Rocío, San Adrián e Ciudad de Montevideo, con 66 persoas a bordo. En Francia foron recluídos nun campo de refuxiados e coa ocupación nazi el é enviado ao campo de Mauthausen e posteriormente ao de Gusen. Foi liberado o 5 de maio de 1945 e tras residir en Francia, Venezuela e Nova York volveu a España, onde en 1949 foi condenado á cadea e en 1951 indultado podendo así regresar a Malpica.
Luis Rodríguez era membro da CNT. En febreiro de 1939 chega a Francia, onde pasa por varios campos de refuxiados. Co inicio da Segunda Guerra Mundial intenta cruzar a Suíza pero é detido e enviado primeiro a Mauthausen e despois a outro campo de prisioneiros de guerra. Tras ser liberado en 1945 quedou en Francia. Volveu a Malpica en 1978 “pero non como un heroe”, lembra a súa familia.
Antonio Fariña fuxe na embarcación San Adrián e tras pasar por varios campos de refuxiados en Francia acaba en Mauthausen en 1940. De alí sería trasladado ao campo de Gusen, onde morrería o 6 de maio de 1941.
A partir deste venres unha placa lembraraos aos tres: “Na honra de Antonio Fariña Chouciño, Antonio Suárez Blanco, Luis Rodríguez Villar. Fuxiron por mar xunto con sesenta e tres veciños na procura da liberdade. Vítimas no campo de concentración de Mauthausen. Sempre na nosa memoria”.