O 21 de xullo de 1939, hai 80 anos, un grupo de 27 persoas saíu do porto de Ares no bou Ramón, un pesqueiro que viñan de secuestrar. Tentaban fuxir do réxime franquista e conseguírono a medias. Despois de horas de navegación e xa á deriva, foron rescatados por un barco francés, que os trasladou ao porto da Rochelle. Dende alí foron enviados ao campo de concentración de Barcarès, onde xa se atopaban miles de exiliados republicanos. Nos anos seguintes, os 27 seguiron rumbos moi diversos, pero algúns foron recluídos en campos nazis, morrendo en Mauthausen e outros foron detidos pola Gestapo e entregados ás autoridades franquistas.
O 21 de xullo de 1939, hai 80 anos, un grupo de 27 persoas saíu do porto de Ares no bou Ramón, un pesqueiro que viñan de secuestrar
Nos últimos anos o libro A fuxida do bou Ramón, de Eliseo Fernández e Enrique Barrera, afondou neste episodio, unhas das moitas fuxidas por mar que se produciron na costa galega despois do Golpe de Estado de xullo do 36. A partir deste venres o Concello de Mugardos acolle unha exposición fotográfica sobre os feitos, que se poderá visitar ata o 14 de setembro e que se abre coa presentación do propio libro.
Unha das cousas que máis chama atención sobre a fuga é o momento no que se produce, tres anos despois da sublevación militar, tres anos nos que unha boa parte dos fugados tivo que permanecer agachado, contando coa colaboración de familiares e veciñanza. Entre os ocupantes do barco había un pouco de todo. Dende militantes de esquerda que sobreviviran ao golpe militar ata persoas un pouco máis anónimas, sen unha traxectoria moi coñecida, pero que por algún motivo querían marchar, "porque as súas familias estaban marcadas e eran perseguidas ou porque non querían facer a guerra co bando nacional ou simplemente porque non querían vivir nese réxime", explica o historiador Eliseo Fernández.
Boa parte dos fugados tiveran que permanecer agachados durante tres anos, contando coa colaboración de familiares e veciñanza
Os máis destacados eran sen dúbida o alcalde de Ares, Benito Feijóo, e o alcalde de Ferrol, Antonio Santamaría, que fora condenado a morte e conseguira escapar do cárcere. Evitaron así incrementar a longa lista de alcaldes e concelleiros asasinados polos franquistas, 88 tan só na provincia da Coruña. A represión foi especialmente forte nas as comarcas de Eume e Ferrol. De feito suman, 6 alcaldes asasinados e 39 concelleiros mortos, unha cifra que crece ata os 56 se se suman as comarcas da Coruña e Betanzos. "O feito de que en Ferrol funcionase a industria naval facía que na cidade e en toda a comarca houbese un movemento sindical moi forte e moi organizado e moita militancia en partidos de esquerda. Iso fixo que moitos concellos estivesen gobernados pola esquerda", explica Fernández.
Non foi a única fuga que se produciu nese momento. De Ferrol partiron por exemplo os pesqueiros Carmiña e Teresita e é moi lembrada igualmente a do bou Eva en Vigo
Non foi a única fuga que se produciu nese momento. De Ferrol partiron por exemplo os pesqueiros Carmiña e Teresita e é moi lembrada igualmente a do bou Eva en Vigo, que finalizou co suicidio colectivo dos seus nove ocupantes. "Moitas déronse dende o inicio da guerra en portos nos que había un sindicato moi forte da CNT, que organizou bastantes fuxidas, coma na Coruña, Vigo ou Malpica", relata Eliseo Fernández, que subliña que en Ferrol, Ares ou Mugardos "as fuxidas prodúcense sobre todo ao remate da guerra", o que amosa que na comarca de Ferrolterra "había unha organización de apoio aos fuxidos bastante forte, que lles permitía manterse agochados durante tres anos". Nesta organización xogaban un papel moi importante as mulleres, por suposto, engade.
"Hai algunhas fuxidas das que temos noticias non tanto porque foran coñecidas polas autoridades, senón porque hai rexistros da súa chegada ás zonas republicanas. Por exemplo o barco La Libertaria, que saíu da Coruña en xaneiro de 1937 e que chegou a Asturias; foi un barco mercado a escote por varios dos fuxidos e polo tanto non deixou o rastro que si deixaron o Carmiña, o Teresita ou o bou Ramón, buques que eran secuestrados para a fuxida", relata.
A fuxida
O plan foi facerse pasar por un grupo de prisioneiros custodiados por axentes da Garda Civil, un engano para o que fixeron falla disfraces e armas de madeira
A fuxida dependía do éxito dun plan moi elaborado, que pasaba pola coordinación entre moitas persoas que dende distintos puntos da comarca debían confluír no porto de Ares. "Había un contacto previo cun tripulante do barco, Juan Sánchez Fernández, que mantivera correspondencia cos irmáns Leira de Ares a través das mulleres", explica Eliseo Fernández, que destaca que "a loxística debeu ser moi complicada".
O plan foi facerse pasar por un grupo de prisioneiros custodiados por axentes da Garda Civil, un engano para o que fixeron falla disfraces e armas de madeira. Así, na noite do 20 ao 21 de xullo un oficial do Exército, tres gardas civís e un falanxista apareceron no porto escoltando un gran grupo de prisioneiros, unha imaxe habitual nesas datas. Subiron ao pesqueiro e ameazaron aos membros da tripulación, afirmando que querían inspeccionar a embarcación "porque no seu interior podía haber rojos escondidos que trataban de escapar a Francia".
"Escaparon de aquí, pero metéronse de cheo na Segunda Guerra Mundial. Ao final moitos sufriron a represión da que estaban fuxindo"
O buque tiña algo de combustible, pero insuficiente para chegar a un porto seguro, polo que tiveron que comezar a queimar partes do barco. Estaban xa a salvo da ditadura, pero o futuro que lles agardaba non era doado. "Escaparon de aquí, pero metéronse de cheo na Segunda Guerra Mundial", explica Fernández, que comenta que dende o campo de concentración de Barcarès "cada un fuxiu para onde puido e hai historias de todo tipo", dende Manuel Fernández Olmedo, que morreu en Mauthausen, ata outros que pasaron por outros campos de concentración e varios que loitaron en Francia contra os nazis, pasando por algúns que foron capturados pola Gestapo e devoltos a España, onde foron xulgados polo Goberno franquista. "Ao final moitos sufriron a represión da que estaban fuxindo", conclúe.
Tamén foron procesadas as súas familias, sobre todo mulleres, e igualmente a xente que era sospeitosa de telos axudado. Estas persoas foron detidas, interrogados pola Garda Civil, torturadas e pasaron pola cadea, algunhas durante varios anos. O mariñeiro Juan Sánchez Fernández, que colaborara con eles, morreu no cárcere.
"Cada vez que morre unha persoa maior é coma un libro que arde, que se destrúe. E cada vez temos menos tempo, porque as fontes escritas sempre van estar aí, pero non así as fontes orais"
Eliseo Fernández lamenta o descoñecemento que aínda existe sobre estes feitos e, en xeral, sobre o vivido na Segunda República, a Guerra Civil e a postguerra. "Tardouse moito en afondar nestas cuestións. Eu comecei a investigar estes temas nos anos 90 e nese momento aínda vivía moita xente que vivira estes feitos ou que fora testemuña directa, que agora xa non están. Estes relatos de primeira man permitirían contar con información máis fidedigna, evitando algúns erros que ás veces se cometen por facer suposicións", di.
"É moi importante sacar á luza estas testemuñas. Parece mentira, pero aínda hai xente que ten medo de falar. Cada vez que morre un señor maior é coma un libro que arde, que se destrúe. E cada vez temos menos tempo, porque as fontes escritas sempre van estar aí, pero non así as fontes orais", destacaba hai uns anos Enrique Barrera en conversa con Praza.