O Parlamento galego vén de aprobar por unanimidade unha Declaración Institucional co gallo do Día Internacional en memoria das vítimas do Holocausto. O texto, apoiado polo catro grupos parlamentarios, fai fincapé en que o nazismo "derivou nun xenocidio que contou coa colaboración da Ditadura franquista e que perseguiu miles de homes e mulleres que fuxiron do Estado español despois da derrota da República en 1939 e tras a instauración dun réxime fascista".
O texto fai fincapé en que o nazismo "derivou nun xenocidio que contou coa colaboración da Ditadura franquista"
A declaración é semellante á aprobada o pasado ano e ao igual que aquela lembra de maneira directa "os máis de 10.000 republicanos españois que terminaron deportados nos campos nazis pola colaboración do ditador Francisco Franco co nazismo alemán e o fascismo italiano". Así mesmo, incide nos ao redor de 200 galegos que foron prisioneiros nos campos de concentración nazi e que foron homenaxeados na cámara galega hai 12 meses. Subliña que "ou morreron alí ou foron liberados pero nunca puideron regresar porque a ditadura franquista, que lles retirara previamente a nacionalidade, lles negou o dereito a regresaren ao seu país de orixe".
Así mesmo, os catro grupos do Parlamento galego adhírense sen reservas á condena de "todas as manifestacións de intolerancia relixiosa, incitación, acoso ou violencia contra as persoas ou comunidades baseadas na orixe étnica ou nas crenzas relixiosas, teñan lugar onde teñan lugar". E conclúe que "o descoñecemento e o menosprezo dos dereitos humanos orixinan actos de barbarie aldraxantes para a conciencia humana".
Subliña que "ou morreron alí ou foron liberados pero nunca puideron regresar porque a ditadura franquista lles negou o dereito a regresaren ao seu país de orixe"
O Partido Popular apoiou sen reservas, polo tanto, unha declaración institucional moi crítica coa Ditadura franquista, a diferenza do sucedido noutras institucións nos últimos meses. O pasado mes de novembro, por exemplo, o PP (ao igual que Ciudadanos) abstívose no Senado nunha moción presentada polo PSOE que condenaba "rotundamente" o Franquismo e "calquera acto de exaltación do mesmo" e que pedía a ilegalización de toda asociación ou fundación que exaltase o a ditadura franquista ou o nazismo.