No momento en que un dos campos de concentración nazis foi descuberto polas tropas aliadas, un dos oficiais do exército liberador dixo "fotografiádeo todo; no futuro haberá quen poña en dúbida que isto sucedeu". Hoxe as imaxes dos campos de exterminio da Segunda Guerra Mundial permítenos ser conscientes do horror alí practicado. No caso do campo de Mauthausen, a maior parte desas fotografías foron tiradas por un dos prisioneiros, o catalán Francesc Boix, que chegou alí con 20 anos.
O Vello Cárcere de Lugo acolle a exposición Boix, Fotógrafo de Mauthausen
Dende este xoves o Vello Cárcere de Lugo acolle a exposición Boix, Fotógrafo de Mauthausen, organizada pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) en colaboración co Concello de Lugo e que se poderá ver ata o remate de xaneiro. Na inauguración, este xoves ás 20 horas, participaron a alcaldesa Lara Méndez, a historiadora Carmen García-Rodeja (ARMH), a investigadora Clara Bernal e dúas familiares de tres dos presos galegos que estiveron recluídos no campo de concentración, Encarna Díaz (de Aurelio e Victoriano Díaz Hortas) e Isabel de la Cruz (de Rafael Pardo Vales). A exposición completarase nas vindeiras semanas con conferencias, proxeccións de documentais e visitas guiadas.
Case 200 galegos foron deportados aos campos de exterminio nazis
Case 200 galegos foron deportados aos campos de exterminio nazis. En paralelo con esta exposición, que xa estivo na Coruña, San Sadurniño e Carral e que despois de Lugo pasará por Ferrol, Monforte, Negreira, a ARMH iniciou un proceso de investigación para afondar nas vidas dos galegos que foron presos do nazismo, entrando en contacto cos seus descendentes. Froito do traballo da ARMH, o Parlamento galego levou a cabo o pasado mes de febreiro unha homenaxe, na que se leron un por un os seus nomes, aprobando unha declaración institucional que subliñaba que o Holocausto "contou coa colaboración da Ditadura franquista" e que "perseguiu miles de homes e mulleres que fuxiron do Estado español despois da derrota da República en 1939 e tras a instauración dun réxime fascista".
Máis de nove mil españois foron deportados aos campos nazis, entre eles uns 180 galegos, dos que faleceron 106, sobre todo en Mauthausen e Gusen. 78 dos prisioneiros procedían da provincia da Coruña, 30 de Ourense, 33 de Pontevedra e 42 de Lugo, sendo a propia cidade da Coruña, con 21 persoas a localidade galega con máis presos nos campos nazis. Vigo (11), Ourense (7), A Pobra do Caramiñal (6), Pontevedra (6), Ferrol (5), Vilagarcía (5), Lugo (4) ou Mugardos (4) suman tamén grupos numerosos.
"Comezamos este traballo a raíz da preparación da exposición de Boix. A partir da listaxe inicial achegada por Benito Bermejo, imos tentando seguirlle a pista a estas persoas. Buscamos documentación, en Francia e en España, e contactamos coas súas familias", explica Carmen García-Rodeja. "En xeral, hai un gran descoñecemento sobre este tema, pero hai situacións moi distintas: familias que non sabían nada, outras que sabían, pero sabían mal, con moitas informacións erróneas", di. "Entre os superviventes hainos que volveron a Galicia ao remate da ditadura e hai tamén casos de fillos e fillas que ficaran orfos e orfas e o que fixeron foi marchar a Francia vivir co pai", engade.
"Comezamos este traballo a raíz da preparación da exposición de Boix. Buscamos documentación, en Francia e en España, e contactamos coas súas familias"
García-Rodeja destaca o valor da homenaxe que tivo lugar o pasado ano no Parlamento. "Foi unha declaración moi valente. España debe recoñecer o que o Goberno franquista fixo nese momento: Alemaña preguntoulle ao Goberno español que facer cos españois que foran detidos. E o Goberno franquista contestoulle que 'eses homes non son españois'. A partir de aí son considerados apátridas e foron enviados a campos de concentración".
Primo Levi, supervivente tamén dos campos de exterminio, escribiu "Los que vivís seguros/ En vuestras casas caldeadas/ Pensad que esto ha sucedido/ Os encomiendo estas palabras/ Grabadlas en vuestros corazones/ Repetídselas a vuestros hijos/ O que vuestra casa se derrumbe", reclamando que os crimes do nazismo nunca foran esquecidos. O mesmo reclama Carmen García-Rodeja: "Se hoxe temos democracia é polo esforzo desas persoas, deses milleiros de presos".
Rafael Pardo, Aurelio e Vitorino Díaz Hortas
Na inauguración da exposición participaron familiares de tres dos presos lucenses recluídos en Mauthausen: Rafael Pardo, Aurelio e Vitorino Díaz Hortas.
“Cando a dor é demasiado forte, xa non hai dor”, adoitaba dicir Aurelio Díaz Hortas sobre o seu paso polo campo de exterminio
Rafael Pardo Vales naceu en 1912 no Corgo. Despois de pelexar na Guerra Civil no exército republicano, marchou a Francia. Detido, estivo confinado primeiro nun stalag (campo de prisioneiros de guerra) en Rotemburgo. Chegou a Mauthausen en marzo de 1941, morrendo en xaneiro de 1942 no campo de Gusen. A súa familia soubo do sucedido grazas a unha carta que nos anos 50 lles enviou a Cruz Vermella, pero nunca falou do tema, porque na súa casa vivía un policía e eles tiñan medo de que os delatase. A maior dor da familia foi que nunca lle puideran gardar dó polo seu falecemento.
Vitorino Díaz Hortas naceu en 1910 en Outeiro de Rei. Estivo nun stalag preto de Bremen. Morreu o 6 de xaneiro de 1942, un ano despois de chegar ao campo
Aurelio Díaz Hortas naceu en 1905 en Outeiro de Rei. Estivo nun stalag en Trier. Chegou a Mauthausen en maio de 1941, permanecendo alí catro anos, ata a liberación do 5 de maio de 1945. Posteriormente viviu en Francia, tendo unha participación moi activa dentro do PCF. A súa filla, Encarna, volvera a Galicia coa súa nai, pero esta faleceu, regresando entón a Francia co seu pai. Segundo ela, Aurelio nunca falaba do tema, pois quedara moi tocado pola estadía no campo. “Cando a dor é demasiado forte, xa non hai dor”, adoitaba dicir.
Francesc Boix, o fotógrafo de Mauthausen
"Boix consegue ir agachando os negativos das fotografías que realiza, conservando 20.000 imaxes no momento en que os aliados liberan o campo"
Nacido no ano 1920 e militante das Xuventudes Comunistas, Boix únese ao exército republicano con só 17 anos. Trala vitoria franquista, foxe a Francia, onde en 1940 é capturado polos nazis, sendo trasladado a Mauthausen en xaneiro de 1941. O seu dominio da fotografía permítelle realizar traballos para o Departamento de Identificación, encargado de tirar imaxes dos prisioneiros para despois enviar a Berlín. Boix consegue ir agachando os negativos das fotografías que realiza, conservando 20.000 imaxes no momento en que os aliados liberan o campo.
Xa en París, Boix decide publicar o material fotográfico en Regards, unha revista comunista. A publicación conmociona á opinión pública mundial. Esta e outras publicacións fan considerar ás autoridades francesas a Boix como testemuña de interese para os xuízos de guerra que se estaban preparando. De feito, Boix converteuse no único español que participa no xuízo de Nüremberg, presentando as fotografías da tortura e masacre do campo de exterminio de Mauthausene nas que retrataba os seus executores.