O pleno da Coruña aprobou este xoves de maneira unánime a revisión de oficio dos acordos de 1962 que permitiron que a Casa Cornide acabase en mans da familia do ditador Francisco Franco e dá un paso máis —e fundamental— no proceso iniciado hai sete anos no Concello para a recuperación deste histórico inmoble para o patrimonio público da cidade.
PP, PSOE e BNG apoiaron a proposta de revisar de oficio os acordos de 1962, unha artimaña que permitiu a Barrié de la Maza adquirir a Casa Cornide nunha poxa para venderlla logo a Carmen Polo
PP e BNG votaron a prol da proposta do goberno local socialista en contra daqueles acordos que sacaron a Casa Cornide a poxa e a adxudicaron ao empresario Pedro Barrié de la Maza, home de prol do franquismo, financeiro das tropas fascistas e impulsor da compra do Pazo de Meirás, que logo llo vendería a Carmen Polo, muller do ditador.
Barrié de la Maza acudiu á poxa xunto a outro militante fascista, o falanxista José Luis Amor Fernández. O banqueiro impúxose e obtivo o inmoble tras pagar pouco máis de 300.000 pesetas. Foi o 2 de agosto de 1962. Era todo unha artimaña, unha poxa amañada co obxectivo de satisfacer o desexo de Franco e da súa dona, que xa certificara unha carta enviada polo secretario do xeneral fascista.
O acordo aprobado este xoves inclúe o rexeitamento das alegacións presentadas pola familia Franco e a aprobación dos informes encargados ao profesor da UDC Carlos Aymerich. "Os informes incorporados ao expediente conclúen que na operación pola que a Casa Cornide foi alleada concorreron múltiples irregularidades e infraccións legais", sinalou o Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura, Turismo e Memoria Histórica.
"Non é unha simple transmisión patrimonial"
A investigación e documentación achegada conclúe que "non estamos ante unha simple transmisión patrimonial ordinaria, senón ante unha actuación deseñada para favorecer intereses particulares alleos ao interese público que debía presidir a actuación das administracións", indicou Castro.
O aprobado hoxe non implica a nulidade daqueles acordos. Agora o Concello remitiralle o expediente completo ao Consello Consultivo de Galicia para continuar coa tramitación do proceso e poder seguir adiante, se obtén o visto e prace, coa anulación definitiva e a reclamación da propiedade.
O inicio do proceso para a recuperación da Casa Cornide foi en 2019
Foi en setembro de 2019, no inicio do primeiro mandato da alcaldesa Inés Rey, cando o pleno municipal aprobou unha moción para que se iniciasen accións legais para a recuperación da Casa Cornide. En 2020, os informes encargados avalaron a existencia de vías legais para recuperar o inmoble e o executivo municipal solicitou á Xunta a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC).
A declaración como BIC chegou finalmente no ano 2023, a instancias do goberno local, reforzando a protección do inmoble e establecendo, entre outras obrigas, a súa apertura ás visitas públicas.
Desde entón, o Concello avanzou lentamente na vía xurídica para recuperar a súa titularidade. Neste xoves, máis dun lustro despois, apróbase a revisión dos acordos municipais de 1962 que artellaron a poxa e posterior transmisión da Casa Cornide á familia Franco. Un paso fundamental que chega sete anos despois de que o pleno aprobase iniciar o proceso.