Dende que Meirás foi declarado BIC ata que retornou ao patrimonio público a familia de Franco atrancou a súa apertura por diversas vías mesmo cando a Xunta lles pagou máis de 50.000 euros para seguridade
Dende que o Pazo de Meirás foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta en virtude dun proceso iniciado polo Goberno de coalición PSdeG-BNG e ata que retornou ao patrimonio público a través da sentenza xudicial que deu a razón ao Estado, pero tamén evidenciou décadas de desleixo oficial sobre os bens acumulados polo ditador, os herdeiros de Francisco Franco practicaron a insubmisión por múltiplas vías. Dende atrancar as visitas ás torres malia estaren obrigados a abrilas a empregalas como púlpito para gabar o militar golpista.
Naqueles anos o Goberno galego que presidía Alberto Núñez Feijóo engraxou a relación coa familia Franco con operacións como destinar algo máis de 50.000 euros públicos en apenas dous anos para pagarlles os servizos de seguridade nas visitas que estaban obrigados a organizar un mínimo de catro días ao mes. Ademais, permitíralles saltar a obriga do réxime de visitas "durante os días en que a familia" se atopase "aloxada no pazo, pola imposibilidade de garantir a seguridade da mesma".
Unha década despois daqueles feitos, os Franco seguen practicando a insubmisión noutro dos bens que seguen manexando en Galicia, a casa Cornide da Coruña. O histórico edificio fora propiedade do historiador, político e ilustrado José Cornide, cuxa familia a doara ao Concello coruñés e este o traspasara ao Ministerio de Educación para funcionar como escola, se ben acabara volvendo á propiedade municipal ata que, en 1962, unha poxa controlada por destacados franquistas locais permitiu que acabase nas mans dos Franco.
Tras reclamar a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica á Valedora, a Xunta impón aos herdeiros do ditador unha multa de 3.000 euros por incumpriren a obriga de abrir ao público o histórico edificio coruñés, co que quedou o xeneral golpista tras unha poxa amañada nos anos 60
No marco do retorno ao patrimonio público do Pazo de Meirás e entre reclamacións de movementos sociais e do Concello da Coruña, en 2023 a Xunta declarou a Casa Cornide como BIC, polo que sobre a propiedade pasou a rexer a mesma obriga de apertura ao público que operara en Meirás. Dende pouco despois, a familia de Franco procurou diferentes vías para non abrila, como alegar que é a súa vivenda "temporal", buscando así acollerse a unha excepción da Lei de Patrimonio Cultural que a Consellería de Cultura non aceptou.
Ao non lográreno por esta vía, optaron por incumprir. Así o advertiu a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), que recorreu á Valedora do Pobo para que interviñese. A alta comisionada, á súa vez, dirixiuse á Xunta ao respecto e o Goberno galego, pola súa banda, requiriu á familia nun proceso que, segundo adiantou a Axencia EFE e recollía este pasado xoves La Opinión de A Coruña, deriva nunha multa de 3.000 euros por unha infracción da Lei de Patrimonio Cultural ante a que aínda hai marxe de alegacións.
Diante desta proposta de sanción, a CRMH lamenta que "as actuacións da Xunta sempre sexa consecuencias de denuncias da sociedade" e de maneira "demorada e lenta". Este xeito de proceder, censuran, "fai que os incumprimentos legais da familia Franco se manteñan no tempo ante a pasividade", neste caso, da Consellería de Cultura. "O incumprimento das obrigas dos Franco nesta materia son reiteradas e constantes" e reproducen, lembran, "o que vivimos en relación ao Pazo de Meirás", cando a familia Franco mesmo optara pola "provocación".
A CRMH lamenta que a Xunta "sempre actúe como consecuencia de denuncias da sociedade" e insta o Goberno galego mesmo a valorar a vía penal contra os Franco
A xuízo da CRMH, "con independencia da procedencia de sancións administrativas", se os Franco teiman en "incumprir as súas obrigas legais" na Casa Cornide, tamén habería lugar para proceder contra eles pola vía penal. Coidan que a súa conduta encaixaría no artigo que tipifica "destruír, inutilizar ou danar unha cousa propia de utilidade social ou cultural" ou obviase o "cumprimento dos deberes legais impostos en interese da comunidade" neste eido e castiga conduta con prisión de 3 a 5 meses ou multa de 6 a 10 meses. "A Xunta -cren- debería proceder á imposición das medidas coercitivas agravadas (e mesmo penais) que procedan en defensa da legalidade e do interese público".