O 10 de xullo de 1937 as autoridades franquistas asaltaron varias das casas-refuxio que nos meses anteriores viñeran acollendo á resistencia antifascista na cidade da Coruña, nomeadamente no barrio de Monte Alto e das Atochas. Esta rede de casas-refuxio existía grazas a un grupo de mulleres anarquistas, fundamentais na loita contra a ditadura nos barrios obreiros.
O 10 de xullo de 1937 a Garda Civil asaltou varias das casas-refuxio que viñeran acollendo á resistencia antifascista
Na madrugada dese 10 de xullo a Garda Civil comezou a rexistrar as vivendas (situadas nas rúas Atocha Alta, Rúa do Carme, Travesía de Atocha ou Matadoiro) e nos asaltos morreron ao redor de 8 dos e das militantes libertarias, sendo detidos e detidas un número aínda maior, como relata con detalle a crónica publicada na web de Refuxios da Memoria.
Este venres o colectivo Refuxios da Memoria, en coordinación coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), organizan a terceira edición do Memorial Libertario ‘O barrio non esquece’, que quere lembrar e homenaxear a rede de loitadoras e loitadoras antifascistas do barrio das Atochas-Monte Alto, no 83 aniversario da caída da rede de casas de apoio.
O roteiro comezará ás 19 horas do Campo da Rata e rematará ao redor das 21.30 na praza Cántigas da Terra
O termo de casas-refuxio foi creado pola escritora Carmen Blanco García na súa publicación Casas Anarquistas de Mulleres Libertarias (2007), pero xa en agosto de 1937 houbo referencias na prensa libertaria ao sucedido con esta rede. No xornal Cartagena Nueva o estibador cenetista do porto coruñés Luis Chamorro, que fuxira da Coruña en xaneiro de 1937, escribe un artigo titulado Nuevas víctimas del fascismo en Galicia no que homenaxea estas mulleres. E, posteriormente, o propio Chamorro dedicoulles outro texto no que as alcumou como "mapoulas libertarias", enxalzando o seu papel na resistencia ao franquismo.
A iniciativa de Refuxios da Memoria declara o 10 de xullo, de feito, como 'Día das Mapoulas Libertarias' e a CRMH destaca que "as mapoulas son flores que, pese á súa vida efémera, teñen a capacidade de espallar milleiros de sementes, moitas das cales permanecen dormentes durante anos ata que finalmente xerminan", engadindo que "no contexto actual, coa volta do nacionalcatolicismo e a proliferación dos seus símbolos, pensamos que é tempo xa de facer aflorar aquelas sementes de liberdade e xustiza social".
A iniciativa de Refuxios da Memoria declara o 10 de xullo como 'Día das Mapoulas Libertarias', alcume dado a estas mulleres
O roteiro comezará ás 19 horas do Campo da Rata e rematará ao redor das 21.30 na praza Cántigas da Terra, onde continuará unha festa ata a noitiña. Polo camiño pasará polo Club do Mar, o monumento Xérmolos de Paz de Liberdade (avenida de Navarra), a rúa Marconi (onde se realizará unha pequena homenaxe á recentemente falecida Mariquiña Villaverde), a biblioteca veciñal de Monte Alto, rúa Disciplina e o Campo de Artillería. Nesta andaina participarán poetas como Laura Rey, Antía Yáñez ou Teresa Ramiro; activistas como Fernando Souto, dramaturgas como Carmen Cotelo, familiares de represaliados como Chema Palacios, e referentes do barrio como Manuel Lugrís ou Camilo, da asociación veciñal de Atochas - Monte Alto. No evento final participarán as poetas Carmen Blanco e Claudio Rodríguez, e están previstas as actuacións musicais de Astrogirl, Fernando Ceide, Moncho do Orzán e As Pandereiteiras do Fiandón.
A infiltración da Garda Civil
As mulleres anarquistas asumiron un gran protagonismo no movemento de resistencia ao golpe, loitando en primeira liña pero tamén acollendo e dando refuxio
Refuxios da Memoria explica que "as mulleres anarquistas asumiron un gran protagonismo no movemento de resistencia ao golpe", loitando en primeira liña pero tamén acollendo, dando refuxio e construíndo "un entorno de seguridade onde agochar aos seus compañeiros, dado o menor grao de acoso ao que estaban sometidas por parte dunhas autoridades que subestimaban o seu papel como axentes políticos". O centro de todas as actividades protagonizadas polas mulleres libertarias foron as casas-refuxio, "cuxa función desbordou a esfera dos coidados para converterse en verdadeiros núcleos de organización da resistencia antifascista", destacan.
A rede caeu debido á infiltración na FAI coruñesa dun topo da Garda Civil
A rede caeu debido á infiltración na FAI coruñesa dun topo da Garda Civil, que contactou con militantes anarquistas facéndose pasar por un enlace da CNT barcelonesa, que supostamente quería promover unha insurrección na Coruña, introducindo armas a través dun submarino. O infiltrado obtivo toda a información que necesitaba, e a Garda Civil asaltou as catro casas-refuxio das que tiña constancia, aínda que é posible que seguisen funcionando outras nos meses e anos seguintes.
Unha parte destas casas foron derrubadas nos últimos anos, nun proceso de substitución de inmobles tradicionais no barrio por edificios de nova construción.