Unha folga e un monopolio outorgado pola Xunta dificultan as ITV de vehículos en toda Galicia

Estación da ITV de SYC en Ribeira pechada pola folga © CIG

Con paros convocados de momento os sábados pero que "van endurecerse" xa é difícil atopar cita para as próximas semanas nas estacións de SYC, única empresa que presta o servizo e á que a Xunta prorrogou a concesión ata 2027

Os catro principais sindicatos, CIG, CCOO, UGT e CSIF, teñen en marcha desde o pasado día 10 unha folga todos os sábados deste mes de agosto nas estacións de Inspección Técnica de Vehículos (ITV) da única empresa que presta ese servizo en Galicia, Supervisión y Control (SYC), do grupo Applus+. Os paros, unidos ao feito de que Galicia é unha das tres únicas comunidades con monopolio nas ITV, fan que resulte difícil obter unha cita para a revisión periódica dos vehículos durante as próximas semanas. SYC recibiu da Xunta a concesión en exclusiva das ITV a finais da década dos anos 80 do pasado século e hai dous anos foille prorrogada ata 2027.

Concentración ás portas da estación de ITV de Ourense © CIG

A folga convocada en SYC para os sábados días 10,17, 24 e 31 de agosto saldouse na primeira xornada cun seguimento segundo a CIG do 95%, pero na segunda xornada, esta pasada fin de semana, o seguimento xa foi elevado ao 100%, o que na práctica supuxo o peche de todas as estacións de inspección. Os paros, convocados tras outras protestas e concentracións previas, buscan que a empresa mellore os salarios eliminando diferenzas entre empregados de ata 500 euros ao mes e que se reduza a xornada laboral, actualmente de seis días á semana.

SYC é desde hai catro décadas a única empresa que pode facer as ITV en Galicia, situación que só se dá, con matices, noutras dúas comunidades

A folga fai que nas principais estacións de inspección, as das cidades, resulte difícil atopar cita para a revisión periódica dun turismo ata o mes de setembro. En estacións de vilas máis pequenas aínda era posible este luns atopar algunha antes: en Bueu ou Lalín, por exemplo, para o vindeiro luns 26. Pero incluso nas estacións nas que aínda queda algunha cita antes de setembro, non as hai para ningún dos dous sábados vindeiros, os días 24 e 31, nos que seguirá a folga. Cando menos, porque desde a CIG avanzan que "se a empresa non reacciona, amplificaremos as protestas en setembro".

Concentración do persoal das ITV ás portas do Parlamento o pasado 31 de xullo © CSIF

Iso mesmo avanzan desde CSIF, que a folga "probablemente se intensifique", tras unha nova reunión sen acordo coa empresa mantida na mañá deste luns. Desde este sindicato sinalan que se está a valorar a posibilidade de ampliar os paros tamén aos venres e que se endurezan aínda máis na segunda quincena de setembro se para daquela non hai acordo.

A CIG tamén lembra, para pedir unha maior implicación da administración no problema, que as ITV "son un servizo público dependente da Xunta". Porén, o Goberno galego hai anos que privatizou ese servizo en réxime de concesión exclusiva, o que impide que, ante unha folga como a actual nunha empresa, a cidadanía poida acudir a outra firma igualmente autorizada. 

Porque en Galicia, desde hai catro décadas, a ITV só se pode pasar en instalacións de SYC, con 26 estacións fixas por todo o país e outras 10 móbiles. A empresa era propiedade ata 2017 dun grupo controlado polos empresarios Amador de Castro e Epifanio Campo. Hai sete anos foi adquirida por Applus+, pero o monopolio continuou.

Concentración ás portas da estación de ITV de Xinzo de Limia © CIG

Un monopolio que segundo un estudo de hai un par de anos de Facua-Consumidores en Acción só se rexistra no resto do Estado en Asturias e Cantabria. E con matices, xa que en Asturias o monopolio está en mans dunha empresa pública e en Cantabria aínda que a maioría das estacións están controladas por unha empresa privada, tamén hai unha xestionada polo propio goberno autonómico. No resto de comunidades as opcións para pasar a ITV son maiores.

En 2022 a Xunta publicitou que rebaixaría as taxas da ITV un 1,5%, pero ocultou que o faría prorrogando a concesión en réxime de monopolio ata 2027

Pero ademais do monopolio, Facua tamén salientou no caso de Galicia o prezo elevado das inspeccións, por riba da media estatal. Un prezo que a Xunta publicitou en 2022 que pretendía moderar aquel ano nun 1,5%. Nada dixo naquela nota de prensa de como ía conseguir esa rebaixa, ocultando así que o lograría cunha prórroga da concesión, que ía rematar a finais de 2023 pero que foi ampliada ata 2027.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.