Galicia é unha das tres únicas autonomías con monopolio nas ITV, cun custo por riba da media

Cargos da Xunta visitando unha estación da ITV nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Xunta decidiu prorrogar a concesión de hai 35 anos de todas as estacións de inspección a SYC malia que na maioría das comunidades varias empresas se reparten o servizo, mesmo nalgún caso de xestión pública

A Xunta vén de prorrogar ata finais de 2027 a concesión das estacións da inspección técnica de vehículos (ITV) a Supervisión y Control (SYC), a empresa que as xestiona desde hai 35 anos, a cambio de que este ano rebaixe un 1,42% as taxas, o que supón menos dun euro para a maioría dos vehículos. 

A medida chega tras varios intentos infrutuosos por parte do Estado -e peticións nese sentido da Comisión da Competencia- de introducir maior competencia nun sector que depende das comunidades autónomas e no que Galicia é, xunto con Asturias e Cantabria, a única con monopolio, ou case, dunha soa empresa, aínda que no caso galego privada, no asturiano pública e no cántabro coa gran maioría de estacións en mans dunha mesma empresa privada pero cunha xestionada polo propio goberno, segundo datos da asociación de empresas de ITV. Ademais, Galicia é unha das que ten prezos por riba da media estatal, segundo un estudo recente de Facua-Consumidores en Acción.

Prazos legais da ITV © AECA-ITV

A inspección técnica de vehículos periódica e obrigatoria foi aprobada en España nos anos 80 e diversos estudos coinciden en que contribuíu a mellor a sinistralidade, pero non é algo obrigatorio nin a nivel da UE nin en boa parte dos seus estados membros máis alá de situacións como o cambio de características dun vehículo ou revisións tras accidentes. É o Estado o que establece que hai que revisar nos vehículos, pero a competencia sobre as entidades revisoras é de cada comunidade.

En Galicia a Xunta outorgou ese servizo en concesión exclusiva a finais dos 80 a unha única empresa, SYC, que o pasado ano ingresou 53 millóns de euros por xestionar todas as 26 estacións fixas e 10 móbiles do país cun total de 87 liñas de inspección. Porén, noutras comunidades son varias as empresas, facéndose cargo cada unha dunha estación de revisión distinta. Así o reflicte na súa web a Asociación Española de Entidades Colaboradoras da Administración na Inspección Técnica de Vehículos (AECA-ITV).

Por outra banda, o pasado xullo Facua-Consumidores en Acción fixo público un estudo comparativo dos prezos da ITV nas distintas comunidades autónomas. Elaborado coas tarifas previas á rebaixa que agora vén de anunciar a Xunta para este ano -que non impide aumentos nos próximos anos-, e sen ter en conta o importe fixo para todo o Estado dunha taxa de tráfico de pouco máis de 4 euros, o resultado é que as ITV de Galicia están por riba da media nos principais tipos de vehículos.

O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, nunha visita a instalacións de SYC CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Xunta salienta que "a diferenza doutras comunidades, en Galicia a segunda revisión -tras corrixir incidencias- é gratis", pero só catro autonomías cobran algo por ese concepto

Se a nivel estatal o estudo sinala que o custo medio da ITV para un turismo de gasolina con catalizador é de 34,69 euros (co IVE incluído pero non a taxa estatal de tráfico), en Galicia era case un euro máis, de 35,51 euros. Se a media da ITV para un diésel era de 41,68 euros, en Galicia o custo aumentaba ata 43,18 euros. E se a medida para unha motocicleta estaba en 20,13 euros, en Galicia ascendía a 30,79 euros.

Na nota de prensa coa que a Xunta publicitou este luns a rebaixa do 1,42 das taxas para este ano a cambio da prórroga da concesión sinálase que “a diferenza do que ocorre noutras comunidades autónomas, en Galicia a segunda revisión do vehículo -cando é necesaria pasala para comprobar que se corrixiron as incidencias detectadas nun primeiro control- é gratis”. Porén, o informe de Facua reflicte que só catro comunidades cobran algo por esa segunda revisión.

Facua apunta que nos casos de comunidades con estacións de inspección públicas "por tratarse de taxas e non prezo, non se lle aplica o IVE”

Por outra banda, o informe de Facua apunta tamén a incidencia do modelo de xestión elixido por cada comunidade sobre o prezo final do servizo. Madrid, única comunidade cos prezos liberalizados, ten as tarifas máis caras para motos e turismos diésel e a segunda máis cara para gasolina. O resto de comunidades fixan os prezos, pero na maioría hai competencia entre diversas empresas dentro do mesmo territorio, sexan privadas -baixo o réxime de concesión ou só de autorización e libre establecemento- ou públicas -con xestión directa por parte da administración ou a través de empresas públicas, como sinala Facua que ocorre en Andalucía, Asturias ou a Comunidade Valenciana-. 

“Na Rexión de Murcia e en Extremadura conviven algunhas estacións de carácter público, explotadas directamente pola administración, con outras privadas, que funcionan en réxime de concesión ou autorización”, di o estudo, que engade que “en ambos casos existen diferenzas notables nos prezos das inspeccións, pois á cantidade que se cobra nas estacións de carácter público, por tratarse de taxas e non prezo, non se lle aplica o IVE”.

Portada do estudo comparativo de Facua sobre as tarifas das ITV feito público o pasado xullo © Facua

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.