A decisión anunciouna a concesionaria, que o pasado ano ingresou 53 millóns, mentres a Xunta salienta que o acordo evita só este ano unha suba pola inflación do 6,5%, pero non explica por que non convoca un novo concurso á busca de mellores ofertas
Desde finais dos anos 80 a inspección técnica de vehículos (ITV) está en Galicia en mans da empresa Supervisión y Control (SYC), propiedade ata 2017 dun grupo controlado polos empresarios Amador de Castro e Epifanio Campo, este último falecido en 2016. Adquirida hai catro anos por Applus+, a empresa, que o pasado ano tivo uns ingresos de 53 millóns de euros, vén de obter unha nova prórroga da súa concesión por parte da Xunta ata 2027.
O Goberno galego asegura que o acordo para a prórroga permitirá rebaixar as taxas “este ano” un 1,42%, o que supón menos dun euro na gran maioría de categorías de vehículos, pero non explica por que non convoca un novo concurso público en busca de mellores ofertas.
A prórroga da concesión das ITV, que remataba a finais de 2023, foi desvelada este luns pola propia concesionaria nunha comunicación á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). O documento fala dunha “modificación contractual do contrato de concesión para a prestación do servizo público de ITV subscrito por Supervisión y Control, SAU, filial de Applus e concesionaria do servizo na Comunidade Autónoma de Galicia”.
A empresa di compracerse en anunciar que “a Xunta de Galicia notificou a continuidade da concesión para realizar inspección técnica de vehículos (ITV) na Comunidade Autónoma ata o final do ano 2027”. Applus+ di que investirá en novas liñas de inspección e que “por outro lado, os clientes beneficiaranse dunha redución neta de tarifas lixeiramente inferior ao 1,5% comparadas cos prezos de 2021”. E engade que “o contrato de concesión xa contemplaba, desde o seu inicio, posibles prórrogas adicionais máis alá de 2027”, tras as prórrogas que xa foi recibindo durante os gobernos de Fraga e de PSdeG e BNG.
O comunicado da empresa ante a CNMV, das oito da mañá, foi seguido hora e media despois por unha nota de prensa da vicepresidencia económica da Xunta que omite por completo calquera información a respecto da prórroga da concesión. O Goberno galego informa só de que “a Xunta acordou coa empresa concesionaria”, sen indicar a cambio de que, “a redución das tarifas para este ano nun 1,42%”.
Segundo a Xunta, “con esta medida os consumidores non terán que asumir o incremento do IPC, do 6,5% en 2021”, que segundo di aumentaría o prezo do servizo “entre 2 e 3 euros” segundo o vehículo. Porén, a rebaixa conseguida só se aplicará “este ano”, polo que a inflación seguiría aumentando as taxas nos próximos anos.
A rebaixa que se aplica este ano reduce a ITV dos turismos diésel de 47,36 a 46,75 euros, e das motos de 34,97 a 34,54 euros
A Xunta só desvelou este luns os importes concretos das tarifas de inspección para dúas categorías de vehículos, os turismos diésel e as motocicletas. Os primeiros, di a Xunta, terán un custo de 46,75 euros, mentres que ata agora custaban 47,36 euros, e as segundas pasan de 34,97 a 34,54 euros.
O Goberno galego argumenta que “con esta nova planificación se está dando continuidade ao traballo realizado nos últimos anos, a través da concesionaria, en materia de innovación para mellorar a seguridade viaria e permitir que os vehículos contribúan á sustentabilidade do medio ambiente”. Nada di o comunicado da Xunta de por que optou por unha nova prórroga do contrato en lugar de convocar un novo concurso con tempo antes de que rematase a prórroga vixente dentro dun ano, novo proceso no que a libre competencia podería facilitar mellores ofertas desta ou doutras empresas.
A Xunta vén prorrogando contratos de todo tipo sen convocar novos concursos públicos, o que dificulta a entrada no mercado de novas empresas. O Consello de Contas e a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia veñen advertindo contra unha práctica contraria ao libre mercado e habitual do Goberno galego en contratos e concesións de servizos de todo tipo pero especialmente reiterada na xestión de vehículos.