A marcha denunciou os efectos negativos da turistificación no territorio: degradación do territorio, homoxeneización cultural, estrés e ansiedade, desaparición da vivenda anual e suba desproporcionada dos prezos, traballo precario e temporal, contaminación ou atascos
A denuncia dos efectos negativos derivados da masificación turística vén incrementándose nos últimos meses en varias cidades e vilas galegas e nomeadamente nas Rías Baixas. Este sábado unha manifestación convocada pola Plataforma de Afectadas polo Turismo do Morrazo convocou varios centos de persoas en Cangas baixo o lema "Morrazo ten un límite".
A marcha partiu da Casa da Cultura e rematou na Lonxa, onde un voceiro da Plataforma leu o manifesto da convocatoria. No texto enumeráronse varios dos efectos negativos "da turistificación no territorio": vehículos aparcados en dunas, cadeas de propiedades privadas abertas pola forza para aparcar preto da praia, ou a presenza de auto-caravanas en paseos peonís.

“Cada tempada vacacional que superamos somos máis conscientes das consecuencias que isto supón para as nosas vidas", destaca a entidade
Ademais, denunciouse "o colapso que a rede de saneamento sofre no verán" e alertouse sobre o impacto da turistificación no acceso á vivenda, presente en moitos dos lemas, que se escoitaron na marcha. No transcurso da manifestación berraronse consignas como “O Morrazo non se vende”, “De maio a setembro non temos teito”, “Aluguer de temporada: unha boa cacicada” ou “Estamos fartas de atascos nas estradas”.
“Cada tempada vacacional que superamos somos máis conscientes das consecuencias que isto supón para as nosas vidas: degradación do territorio, homoxeneización cultural, estrés e ansiedade, desaparición da vivenda anual e suba desproporcionada dos prezos, traballo precario e temporal, contaminación, atascos...", denunciou o manifesto.
Na manifestación berraronse consignas como “O Morrazo non se vende”, “De maio a setembro non temos teito”, “Aluguer de temporada: unha boa cacicada” ou “Estamos fartas de atascos nas estradas”
O manifesto rematou apelando á "organización popular da comarca" e sinalando que a poboación morracense vai facer "a nosa parte do traballo". "Imos debater, investigar e buscar alternativas, propoñer solucións e imos berrar con forza un discurso alternativo ao que agora mesmo predomina”, sinalouse.
O grupo de folc Mediarea fechou o acto interpretando o seu tema ‘Pasodobre da Confederasión’, no que se critica o impacto da chegada descontrolada de turistas na parroquia do Hío durante o verán. O seu retrouso foi coreado polo público: “xa non ha dereito / isto non se aghuanta / non podo vivir / no vrán na miña casa”.

"Queremos favorecer a xeración de alternativas de desenvolvemento que despracen ao turismo como monocultivo económico no Morrazo", di a Plataforma
A Plataforma de Afectadas polo Turismo do Morrazo é "un grupo de veciñas preocupadas polo aumento descontrolado do proceso de turistificación da nosa comarca". A entidade denuncia que o turismo capitalista é un aproveitamento consumista do acto de viaxar. É unha actividade que depreda os espazos, a cultura, os dereitos e a convivencia das comunidades". "Queremos favorecer a xeración de alternativas de desenvolvemento que despracen ao turismo como monocultivo económico no Morrazo", engaden.