A Plataforma Fronte a Masificación Turística busca "denunciar os impactos negativos do turismo de masas como o acceso a vivenda, a precariedade laboral e a alteración dos espazos naturais"
Durante o pasado ano 2023 os e as turistas que visitaron Vigo e o Baixo Miño sumaron case dous millóns de pernoctacións (1.891.000 noites de estadía), unha cifra en constante crecemento (en 2019 foran 1,6 millóns). Un incremento da presión turística que se deixa ver tamén na escalada no número de vivendas de uso turístico rexistrada legalmente nos concellos de Vigo e a súa contorna e tamén no Morrazo. Así, en Vigo pasou de haber 277 pisos turísticos no ano 2019 a preto de dous mil na actualidade.
Asociacións sociais, veciñais, sindicais e ecoloxistas de Vigo e o Morrazo presentaron esta semana na cidade olívica a Plataforma Fronte a Masificación Turística, que busca "denunciar os impactos negativos do turismo de masas como o acceso a vivenda, a precariedade laboral e a alteración dos espazos naturais". A plataforma, integrada por 17 organizacións, reclama "un modelo de turismo máis sostible", o control dos alugueiros turísticos e das condicións de traballo na hostalaría, a garantía dos servizos públicos e uso razoable dos recursos e os espazos naturais.
"Non estamos en contra do turismo nin de que a xente visite e goce do que ofrece a nosa terra. O que rexeitamos é un modelo turístico insostible que lonxe de contribuír ó benestar social ten un alto impacto na vida das persoas e do territorio”, destaca a súa voceira, Ana Freiría
Segundo indica a súa voceira Ana Freiría, de Ecoloxistas en Acción, "non estamos en contra do turismo nin de que a xente visite e goce do que ofrece a nosa terra. O que rexeitamos é un modelo turístico insostible que lonxe de contribuír ó benestar social ten un alto impacto na vida das persoas e do territorio”.
Na plataforma participan, entre outras entidades, ADEGA, Asociación de Vecinos Zona Centro de Vigo, Asociación de Veciños Terra da Laxe de Pinténs, CIG, CUT, Ecoloxistas en Acción, Federación Veciñal Eduardo Chao (FAVEC), Plataforma de afectados polo turismo do Morrazo, Sindicato de Inquilinas Vigo-Tui-BM ou Verdegaia
A nova entidade anuncia unha mobilización a primeiros de decembro para denunciar "os prexuízos que sofre a veciñanza do centro de Vigo ante a masificación da cidade que causa un prendido de luces de Nadal totalmente desmesurado".
A nova entidade anuncia unha mobilización a primeiros de decembro para denunciar "os prexuízos que sofre a veciñanza do centro de Vigo ante a masificación da cidade que causa un prendido de luces de Nadal totalmente desmesurado"
Un dos puntos nos que a Plataforma fai fincapé é na dificultade de acceso á vivenda. Neste senso alertan de que en Vigo e no Morrazo hai 2.094 e 1.783 vivendas de uso turístico rexistradas, respectivamente, fronte as 450 e 70 vivendas de uso habitual ofertadas segundo os principais portais inmobiliarios. Denuncian que "esta escaseza de oferta" é un dos principais factores que disparou os prezos do alugueiro nun 45% dende o 2015 e máis dun 11% só no último ano.
Alertan ademais contra a precariedade laboral, sobre todo no sector servizos (hostalería, limpeza, comercio), o baleiramento dos barrios coa destrución do comercio local, a sobrecarga das infrastruturas e servizos públicos (recollida de lixo, saneamento, etc), a alteración de zonas de alto valor ecolóxico e paisaxístico, a polución atmoférica e o esgotamento dos recursos naturais.
Demandas e propostas de acción
A plataforma pide "limitar e regular estritamente as vivendas de uso turístico" e propón aplicar unha taxa turística
A Plataforma Fronte a Masificación Turística Vigo - Morrazo reclama "un espazo para todos, turistas e veciñanza". Entre as súas demandas están a de "limitar e regular estritamente as vivendas de uso turístico" e aumentar a oferta pública de alugueiro social ata acadar a media da Unión Europea, o 15% do parque de vivenda, o que en Vigo suporía ter dispoñibles 23.000 vivendas para alugueiro social das 154.000 existentes.
Tamén se aposta por "canalizar recursos para garantir o bo funcionamento dos servizos públicos" e desenvolver unha estratexia de mobilidade pública e sostible, así como a mellora das condicións laborais na hostalaría.
Para evitar os impactos no medio ambiente a Plataforma esixe o establecemento de límites ao fluxo de visitantes en zonas naturais sensibles
Outras das propostas da Plataforma é a aplicación dunha taxa turística para o desenvolvemento de proxectos sociais, culturais e ambientais a nivel local e "o impulso da diversificación da economía alén do sector turístico". Para evitar os impactos no medio ambiente a Plataforma esixe o establecemento de límites ao fluxo de visitantes en zonas naturais sensibles, ampliar as zonas protexidas e limitar os cruceiros que chegan o peirao de Transatlánticos, por mor das emisións contaminantes que producen.