O recheo a carón da lonxa do Berbés e a ampliación do segundo porto deportivo de Baiona, con 12.000 metros cadrados, inclúen entre os seus principais usos o estacionamento
Os dous últimos recheos da ría de Vigo, que sumarán máis de 12.000 metros cadrados gañados ao mar, un rematado hai máis de dous anos ao que agora se quere dar uso e o outro coas obras a piques de comezar, incluirán entre os seus principais obxectivos o estacionamento de vehículos. Un modelo de ocupación do océano que distintas administracións seguen a permitir, en Vigo ou Baiona, para empresas ou particulares, malia o rexeitamento social e a aposta da Unión Europea pola recuperación para a natureza de espazos transformados polo home.
8.000 metros cadrados que afastan do mar o Auditorio Mar de Vigo
En Vigo, tras renunciar a súa Autoridade Portuaria a novos recheos de máis de 200.000 metros cadrados planificados por anteriores xestores do PP, seguintes presidentes designados igualmente pola Xunta si acabaron sacando adiante hai tres anos, co visto bo ambiental do Goberno de Pedro Sánchez e malia as críticas do alcalde, Abel Caballero, un recheo de máis de 8.000 metros cadrados a carón da lonxa do Berbés. Executouse xusto enfronte da gran cristaleira do Auditorio Mar de Vigo, levantado por Xunta e Concello e que co novo recheo quedou algo máis afastado do mar.

O Porto, durante a presidencia do popular Enrique López Veiga, chegou a xustificar ese recheo pola COVID-19, para "salvagardar a integridade do Berbés, garantindo, así, que o pescado e o marisco que consumimos nos nosos respectivos fogares ten todas as garantías sanitarias necesarias".
O recheo de 8.000 metros cadrados fronte o Auditorio Mar de Vigo facilitará manobras de camións e furgonetas ligados á lonxa do Berbés
O recheo rematouse pasada a pandemia, a comezos de 2023, e leva desde aquela sen uso, en principio para que asentase o terreo. Pero así segue máis de dous anos e medio despois. Aínda agora vai encargar a Autoridade Portuaria os traballos pendentes para poñelo en uso, cuns fins que, segundo avanzou en febreiro Atlántico Diario e amplía agora Faro de Vigo, estarán ligados á loxística e o transporte por estrada.
Ese espazo gañado ao mar facilitará as manobras dos camións que empregan a lonxa do Berbés e nel habilitaranse espazos de estacionamento e traballo con marquesiñas para furgonetas de minoristas. Unha proba de que o uso dese recheo non estará ligado directamente ao acceso ao mar é que contará cun paseo perimetral público polo que poderá circular calquera persoa.

4.000 metros cadrados para maior comodidade dun porto deportivo privado
Tras o do Berbés, o seguinte recheo na ría de Vigo comeza agora en Baiona e está a mobilizar, cunha concentración este venres 16 de maio, a toda a oposición municipal e grupos ecoloxistas fronte ao goberno local do PP e a Xunta. Serán máis de 4.000 metros cadrados gañados ao mar no centro da vila, en pleno paseo marítimo, para ampliar o segundo porto deportivo que Portos de Galicia outorgou en concesión hai máis de dúas décadas nesa localidade turística.
O recheo de 4.000 metros cadrados no paseo marítimo de Baiona, cun aparcamento público, dará máis comodidades aos usuarios do segundo porto deportivo privado da vila
Cando se construíu o porto deportivo, cun recheo duns 5.000 metros cadrados, quedou pendente de aprobarse a súa ordenación urbanística en terra, de xeito que durante todo este tempo esas instalacións veñen funcionando en casetas prefabricadas de obra. A ordenación urbanística non foi aprobada por Concello e Portos de Galicia ata 2015, sendo alcalde Jesús Vázquez Almuiña, que despois sería conselleiro de Sanidade e presidente da Autoridade Portuaria de Vigo para retornar en 2023 á alcaldía. Agora vaise executar parte do que prevía aquela ordenación, que contemplaba a posibilidade de ampliar o recheo nuns 50 metros de xeito lonxitudinal a carón do paseo marítimo cara ao sueste e ata 90 metros transversais desde o paseo cara ao interior da baía.

Así que aos 5.000 metros cadrados de mar xa ocupados polo porto deportivo desde comezos de século vanse engadir agora máis de 4.000 para construír unha sede social con restaurante e un aparcamento público que darán máis comodidades aos usuarios do peirao deportivo privado.
As actuacións xa realizadas nesa zona veñen provocando unha alteración das correntes con importantes cambios morfolóxicos na veciña praia de Santa Marta que obrigan a realizar nela movementos de area de xeito periódico. Unhas alteracións que os contrarios á ampliación consideran que se poden ver agravadas por esta.