Medio Ambiente ve "previsibles efectos adversos" nun recheo con parking e amarres deportivos que Portos tramita en Corcubión

Actual porto de Corcubión e plano do proxecto de ampliación que impulsa Portos de Galicia e no que Medio Ambiente ve "previsibles efectos adversos significativos" CC-BY-NC-SA Imaxe: Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia | Montaxe: Praza Pública

Na vila hai 23 embarcacións pesqueiras en precario e a Xunta quere crear 24 prazas para elas pero engadindo 170 deportivas e gañando ao mar 6.000 metros cadrados nos que incluír 65 prazas de aparcamento, ademais dun dique de 283 metros

O pasado 30 de marzo o PPdeG acusou o Goberno de España de "ecoloxismo radical" por manter no regulamento que vai desenvolver a Lei de Costas a idea xeral, avalada polo Tribunal Constitucional, de que hai que evitar a ocupación artificial do litoral. Dez días despois este mércores a Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia unha resolución que evidencia que a visión do que supón a ocupación da costa non é uniforme en todos os seus departamentos. 

Porque Portos de Galicia está a impulsar unha ampliación portuaria en Corcubión cun recheo sobre o mar con prazas de aparcamento e amarres deportivos e son varios os departamentos do Goberno galego que ven ameazas nesa actuación, o que levou a Medio Ambiente a sinalar que "son previsibles efectos adversos significativos" e esixir unha avaliación ambiental máis completa do proxecto.

Zona na que Portos quere facer un recheo de 6.000 metros cadrados, á esquerda (sur) do actual porto de Corcubión CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

En Corcubión, segundo a documentación oficial da Xunta, hai rexistradas 23 embarcacións pesqueiras de artes menores que non dispoñen de instalacións portuarias suficientes para atracar, cun pantalán para 20 embarcacións que obriga a moitas a quedar fondeadas nas inmediacións do actual peirao. Pero o proxecto de ampliación portuaria que impulsa Portos de Galicia non se limita a mellorar as instalacións pesqueiras senón que vai moito máis alá. 

O proxecto de Portos inclúe, ademais de 24 amarres pesqueiros, 170 amarres deportivos, un dique de 283 metros de lonxitude e 8 metros de altura e un recheo sobre o mar duns 6.000 metros cadrados no que se emprazará un varadoiro e distintos servizos, entre eles 64 prazas de aparcamento (24 para as persoas usuarias das embarcacións pesqueiras e 40 para as deportivas)

Varios departamentos da Xunta advirten de impactos sobre o patrimonio, a paisaxe e os recursos marisqueiros, e o Estado de posibles efectos sobre especies protexidas

Ante este proxecto, diversos departamentos da Xunta e outras administracións emitiron xa uns primeiros informes que alertan dos posibles riscos e efectos. Segundo o Instituto de Estudos do Territorio da Xunta, a ampliación portuaria vaise realizar nunha "paisaxe litoral de alta calidade, propia das paisaxes identitarias das rías galegas, con presenza de elementos de alto interese cultural e etnográfico na costa". Ese departamento sinala que "o principal impacto do proxecto vén derivado da creación de novas plataformas artificiais gañadas ao mar e do dique de abrigo".

Para a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, as actuacións previstas "afectan ao contorno de protección do conxunto histórico de Corcubión" e no mar "poderían xerar impactos sobre bens do patrimonio arqueolóxico subacuático".

Resolución de Medio Ambiente que sinala "previsibles efectos adversos significativos" na ampliación do porto de Corcubión CC-BY-SA Praza Pública

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, da que depende Portos de Galicia, sinala que o proxecto reduce a superficie dun banco de marisqueo de navalla nun 16% e pode afectar "indirectamente a curto, medio e longo prazo" a outros bancos das proximidades "por fenómenos de turbidez, abrasión, colmatación gradual e cambios nas correntes", o que "suporía un gran impacto biolóxico para o recurso e económico para os colectivos de persoas mariscadoras afectadas". Ese departamento pesqueiro advirte que no proxecto só se tivo en conta á confraría de Corcubión pero non ás de Fisterra e Lira, tamén afectadas, e sinala como único efecto positivo a "recolocación das embarcación pesqueiras que actualmente fondean sobre o banco marisqueiro da praia de Corcubión".

Ante os informes sectoriais, Medio Ambiente conclúe que "son previsibles efectos adversos significativos sobre o medio ambiente"

A Dirección Xeral de Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica indica que o proxecto non tivo en conta a recente extensión por parte do Estado da Rede Natura a todo o litoral galego co denominado Corredor migratorio galaico-cantábrico occidental. Nese eido considérase que "o proxecto xerará molestias significativas para as especies de aves que utilicen as augas internas da ría" e que "é probable que o corvo mariño cristado eluda a zona de actuación ata que conclúan as operacións, o que podería interromper os seus ciclos biolóxicos ou levalo a abandonar áreas críticas de alimentación, descanso e/ou reprodución". O proxecto tamén "coincide coa área crítica" da toniña, "en perigo de extinción" e afectada especialmente polo ruído submarino. 

Outros departamentos como Sanidade ou Urbanismo advertiron tamén de que no proxecto falta información ou trámites preceptivos para poderen darlle o seu visto e prace.

Plano da ampliación do porto de Corcubión que impulsa Portos de Galicia CC-BY-SA Praza Pública

Ante todas estas advertencias, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático conclúe que "son previsibles efectos adversos significativos sobre o medio ambiente" polo que esixe someter o proxecto a unha avaliación de impacto ambiental máis fonda. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.