Tras anos de reclamacións desde a UE o Goberno de España integra todo o mar galego nunha única Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA)
España vén recibindo desde hai anos reiterados apercibimentos por parte da Comisión Europea pola súa insuficiente protección da natureza. A superficie protexida é pouca e está mal xestionada, e hai eivas tanto no mar como na terra. No primeiro deses espazos, nas augas mariñas baixo soberanía ou xurisdición do Estado, o Goberno de España vén de ampliar unha das figuras de protección da Rede Natura 2000, as Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA), a todo o litoral galego.
Porén, en terra a Xunta ten aparcado desde 2011 un proxecto de ampliación dos espazos protexidos malia as reiteradas advertencias da UE, que considera que os actuais son non chegan para protexer a biodiversidade e ademais as súas medidas de conservación son insuficientes.
A ampliación da Rede Natura 2000 no mar galego concretouse o pasado sábado 30 de decembro no Boletín Oficial del Estado (BOE), onde o Ministerio para a Transición Ecolóxica publicou unha orde coa que amplía os espazos mariños protexidos e as zonas de protección de aves en todo o Estado. No caso galego, ata agora había varias zonas ZEPA de protección de aves, fronte ás Rías Baixas, na Costa da Morte, e outras dúas de menor tamaño en Ferrolterra e fronte a Ortegal. Pero agora o Goberno de España vén de decidir "a ampliación das ZEPA localizadas na costa galega e cantábrica occidental para constituír un único espazo ZEPA, que pasará a denominarse Corredor migratorio galaico-cantábrico occidental".
Segundo a explicación da orde ministerial, "o noroeste da península ibérica constitúe un importante corredor migratorio para as aves mariñas" xa que "máis dun millón de aves mariñas pasan por esta zona durante o verán-outono (migración post-nupcial), a maior parte das cales provén do norte de Europa e Siberia occidental, aínda que tamén hai especies mediterráneas". "A elevada produtividade da zona a converte tamén nunha área importante de alimentación, emprazándose nesta zona, ademais, importantes colonias de cría de diferentes especies", engade.
Coa ampliación cúmprese o obxectivo parcial de protección do 15% da superficie mariña do Estado antes do 31 de decembro de 2023, a medio camiño do obxectivo de "chegar ao 30% antes de 2030"
Segundo o ministerio, "a Rede Natura 2000 mariña competencia da Administración Xeral do Estado cobre, aproximadamente, un 8% da superficie mariña baixo xurisdición española" e coas novas ampliacións tanto no mar galego como no Mediterráneo, o estreito de Xibraltar ou Canarias lógrase un "aumento do 8,7%"
Ademais da ampliación das zonas ZEPA a todo o mar galego, o Estado tamén crea outras zonas protexidas no Mediterráneo, o estreito de Xibraltar ou Canarias, de xeito que a súa suma supón un "aumento do 8,7%". Cúmprese así o obxectivo parcial fixado nos plans do Goberno para a protección do 15% da superficie mariña antes do 31 de decembro de 2023, a medio camiño do obxectivo de "chegar ao 30% antes de 2030".
Fronte a estes avances no mar, en Galicia en terra a Rede Natura 2000 (un 12% do territorio fronte ao 27% no conxunto do Estado) está estancada desde 2011. Naquel ano a Xunta presentou unha proposta de ampliación da superficie, pero nunca a chegou a aprobar, e despois aprobou en 2014 un Plan Director da Rede Natura existente que, como ocorreu con documentos similares doutras comunidades autónomas, a Comisión Europea considerou insuficiente para protexer correctamente a biodiversidade, o que ten aberto un procedemento de infracción contra España.
A UE vén sinalando a insuficiencia da Rede Natura en Galicia e hai case tres anos ata o PPdeG pediu no Parlamento á Xunta "rematar os traballos para ampliación", pero o Goberno galego aínda non cumpriu nin co partido que o sustenta
En maio de 2021, o PPdeG, ante unha das reiteradas peticións de BNG e PSdeG para que se amplíe a Rede Natura, acabou votando a favor na Cámara galega. “O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a rematar os traballos para ampliación e revisión da Rede Natura 2000, así como avanzar na aprobación dos diferentes plans de xestión no prazo máis breve posible”, dicía aquela proposición non de lei. Case tres anos despois, a Xunta aínda non atendeu o que lle pediu mesmo o PPdeG. Mentres, altos cargos do Goberno galego, incluído o Conselleiro de Medio Rural, veñen criticando as restricións ambientais impostas pola UE na Rede Natura, sumándose así aos discursos da dereita europea contra as medidas para atallar o cambio climático.