A gaivota patiamarela, a propia de Galicia, está morrendo e ninguén sabe as causas a ciencia certa. A caída poboacional no noso país achégase ao 10% anual, que é o límite oficial para declarar unha especie como ameazada
As ratas do aire. As gaivotas non teñen moi boa prensa, sobre todo entre os habitantes das cidades que as sofren nas terrazas ou cando ameazan o bocata dos máis pequenos de excursión polas illas. Mais conviven connosco, son as nosas veciñas e están a morrer de fame e sede por causas descoñecidas. Cómpre saber axiña os motivos para atopar solucións.
“Máis alá de consideracións morais, que lle pase algo ás gaivotas é un sinal de que algo pode non ir ben no ecosistema onde vivimos”. O biólogo Ignacio Munilla coordina o seguimento da poboación e o estudo da enfermidade das gaivotas patiamarelas no Parque Nacional Illas Atlánticas. Alí, na illa de Sálvora, habilitaron un centro de primeiros auxilios para estas aves, que acaban morrendo de fame ou sede tras varios días afectadas por unha síndrome paralizante de orixe descoñecida.
De 30.000 a 6.000 no Parque Nacional
Os datos oficiais alertan de que entre 2006 e 2022 se rexistrou unha diminución do 79% na poboación nidificante de gaivota patiamarela (Larus michahellis) no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. A poboación reprodutora desta especie en 2006 era de 30.430 exemplares, fronte aos 16.837 de 2011 e aos 6.360 do ano pasado (último censo realizado), cifra similar á estimada en 2020.
A nivel galego, o último censo da Xunta de Galicia indica que a poboación desta ave roza as 20.000 parellas reprodutoras, segundo informa Munilla, cun descenso anual próximo ao 10%, límite marcado pola Unión Internacional de Conservación da Natureza para declarar unha especie como ameazada. “De continuar esta tendencia a poboación da gaivota patiamarela en Galicia pasaría a estar considerada como ameazada”, explica o biólogo.
O último censo reparte a poboación a partes iguais entre o Parque Nacional, o resto da costa e os hábitats urbanos. A gaivota nidifica principalmente nas illas. Desde Coelleira ou Ansarón, pasando Sisargas ou a costa de Dexo. Todos son refuxios históricos das gaivotas e en todos o descenso da poboación é similar, no entorno do 70 ou 80% nos últimos 20 anos.
Avances nas investigacións
Ignacio Munilla determina algunhas certezas respecto ao que está a suceder: o declive da poboación de entre un 70% e un 80% nos últimos 20 anos; un empeoramento da reprodución, con cada vez menos polos; a aparición de individuos reprodutores mortos cunha síndrome paralizante, que os fai morrer de fame ou sede por non poderen moverse, máis que pola enfermidade; e trátase dunha doenza que afecta a toda a Península, o Mediterráneo e as costas atlánticas europeas.
O responsable do seguimento da especie destaca que non hai resultados concluíntes, mais hai algúns avances nas investigacións.
As investigacións descartan que a síndrome proveña das toxinas de microalgas e estudan a hipótese do botulismo ou dunha falta de vitaminas
Descartouse, segundo explica, que a síndrome proveña das toxinas de microalgas que ás veces afectan as aves mariñas. Fixéronse analíticas e deron negativo.
Agora mesmo habería varias hipóteses abertas: podería ser botulismo, xa que houbo algunhas probas que deron positivo, mais outras non, polo que non se pode asegurar que sexa esa a causa. Podería incluso ser unha avitaminose derivada de cambios na dieta. Munilla informa de que están estudando a posibilidade dunha carencia de tiamina (vitamina B1).
Os distintos expertos consultados apuntan que o máis probable é que o problema estea relacionado cunha acumulación de factores, nos que tamén habería que incluír o peche dos vertedoiros ao aire libre das cidades ou as políticas de descartes cero para os barcos pesqueiros, que afectan directamente a dieta das gaivotas.
A situación levou ao Parque Nacional a habilitar unha especie de PAC na illa de Sálvora, onde está a maior colonia de gaivotas patiamarelas de Galicia. Alí, durante a temporada de verán (os meses de cría) hidratábanas e dábanlles de comer e observaban que arredor da metade conseguían recuperarse. Ademais, os biólogos tomaban mostras e enviábanllas a especialistas en patoloxía aviar. Concretamente, segundo informan desde o Parque Nacional, están colaborando co IREC (Instituto de Recuperación de Recursos Cinexéticos), organismo dependente do CSIC, onde están analizando as mostras co obxectivo de esclarecer as causas das numerosas mortes.
A gaivota patiamarela ten un papel moi importante nos ecosistemas litorais como especie depredadora e reguladora doutras especies, sanea o medio no que vive e contribúe á fertilidade dos nosos mares
“É unha especie maldita, moi abondosa e común. Non é o lince ibérico, para entendernos, e nunca se lle prestou moita atención”. Sergio París, técnico do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), incide no interese xeral de saber por que está descendendo tanto a poboación da gaivota. “É importante avanzar no coñecemento das causas porque é veciña nosa e se lle pasa algo é porque sucede algo no noso ambiente”, explica París; e asegura que noutros países como Portugal tamén se están facendo análises mais sen conclusións polo momento.
A gaivota patiamarela ten un papel moi importante nos ecosistemas litorais como especie depredadora e reguladora doutras especies; é saneadora dos medios litorais e a gran responsable da fertilidade dos nosos mares. “Mobiliza nutrientes do medio terrestre ao mariño a través das súas execcións, que caen no mar, achegando nitróxeno e outros elementos que achegan riqueza ás nosas augas”, detalla Sergio París.
“O problema é o que non sabemos. Estamos actuando sobre os efectos, pero faltan as causas”, subliña desde Amigas da Terra Antón Lois
“O problema é o que non sabemos. Estamos actuando sobre os efectos, pero faltan as causas”, subliña desde Amigas da Terra Antón Lois. “De seguir a este ritmo en tres ou cinco anos podemos dicir que a gaivota pase a ser unha especie vulnerable en perigo de extinción”, engade o responsable de educación ambiental e comunicación da ONG.
Antón Lois apunta directamente a Xunta como responsable da situación. “Se pasa isto na xoia da coroa, no único parque nacional que temos e con maior rango de protección, que non pasará noutros sitios”, indica.
Preocupación en Portosín
A última voz de alarma chegou desde o porto de Portosín, onde están recollendo ducias de exemplares mortos cada día desde comezos do mes de outubro. A Confraría de Pescadores San Andrés de Portosín mostraba a súa preocupación polo achado constante de exemplares moribundos no molle. “O primeiro día pensamos que era vandalismo, pero non teñen signos de violencia e agora estamos recollendo como 50 ou 60 cada semana”, explica Isaac Gaciño, patrón maior da confraría.
“Aparecen co peteiro aberto, botando líquido pola boca ou andando sen rumbo ata que caen sen forzas”, detalla o patrón maior da Confraría de Pescadores de Portosín
Gaciño asegura que na Confraría están moi preocupados porque non saben que pode estar pasando coas aves que tradicionalmente acompañan os seus barcos. “Aparecen co peteiro aberto, botando líquido pola boca ou andando sen rumbo ata que caen sen forzas”, lamenta.
Os pescadores avisaron as autoridades medioambientais do suceso e nestes momentos están analizando exemplares aparecidos para tratar de esclarecer as causas das mortes porque neste caso presentan unha sintomatoloxía distinta á das aves que están morrendo nas illas.
Pola súa banda, desde a Xunta informan de que o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e a Universidade de Vigo “deron un paso adiante para colaborar no desenvolvemento dun sistema de seguimento de gaivotas patiamarelas afectadas pola chamada síndrome parética, que se atopan en proceso de recuperación”. En concreto, trátase dun prototipo de transmisor que permitirá seguir os movementos das gaivotas que saian do posto de socorro. Está aínda en fase experimental, co obxectivo de poñelo en marcha na próxima temporada.
A Consellería de Medio Ambiente explica que “tendo en conta que o declive poboacional da gaivota patiamarela é algo común ao conxunto de Europa, a proposta de Galicia e para solicitar a implicación de todas as administracións, España vai propor na próxima reunión Ospar –que será este ano- que se investigue a nivel comunitario o declive da gaivota patiamarela no marco do Plan de acción para a recuperación das aves mariñas no horizonte 2030”.
Desde o organismo autonómico tamén lembran que no caso de atopar algún animal silvestre ferido hai que comunicalo á Administración para que se poidan facer cargo e levalo, se procede, a un dos Centros de Recuperación de Fauna existentes nas catro provincias galegas.