A poboación de gaivotas está a sufrir un importante descenso en Galicia nos últimos anos. Son moitos os investigadores que levan tempo advertindo deste fenómeno e, por exemplo, hai dous anos a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) alertaba dun "espectacular descenso", medido en varias zonas de Galicia, dende as Illas Cíes ata o concello de Oleiros. Agora é o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), con sede precisamente en Oleiros, quen alerta do "importante declive poboacional" da gaivota patiamarela, que cifra nun 70% na última década, cando menos na costa occidental da Coruña.
Nas Sisargas chegaron a acadarse as 13.000 parellas nos anos noventa, fronte ás menos de 3.000 da actualidade, unha diminución semellante á rexistrada no Parque Nacional das Illas Atlánticas
O CEIDA bota man dos datos do censo do proxecto ARTABRO2, realizado co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica, centrado na liña de costa desde as Illas Sisargas ata o límite con Lugo. O resultado do censo foi de 2.674 parellas, das que a inmensa maioría se localiza nas Illas Sisargas, con 2.306, cunha diminución do 70% nos últimos dez anos. No caso das Sisargas chegaron a acadarse as 13.000 parellas nos anos noventa, fronte ás menos de 3.000 da actualidade, unha diminución semellante á rexistrada no Parque Nacional das Illas Atlánticas.
A eliminación de vertedoiros e a diminución dos descartes pesqueiros poden ser as causas, pero tamén a aparición de enfermidades
O CEIDA destaca que de momento aínda se descoñecen as causas exactas deste descenso, pero apuntan como posibles hipóteses a desaparición de fontes de alimentación facilitadas polo ser humano, como poden ser a vinculada á eliminación de vertedoiros, e unha menor dispoñibilidade de alimento en forma de descartes pesqueiros, poden ser responsables dunha parte do devalo detectado.
"A gaivota ten mala fama nas contornas urbanas, polo que estes datos pódense tomar á lixeira. Mais temos que ter en conta que falamos dunha especie propia de Galicia, e de poboacións naturais presentes en áreas de gran valor natural e con alimentación e hábitos naturais"
Pola súa banda, Sergio París, investigador do CEIDA, fai fincapé na gravidade deste problema e pide unha maior concienciación da sociedade, que en ocasións pode mesmo ver como positivo a diminución na poboación de individuos desta especie. “A gaivota ten mala fama nas contornas urbanas, polo que estes datos pódense tomar á lixeira. Mais temos que ter en conta que falamos dunha especie propia de Galicia, e de poboacións naturais presentes en áreas de gran valor natural e con alimentación e hábitos naturais, moi distintos desa imaxe das gaivotas urbanas, que tamén semellan presentar un declive d as súas poboacións nos úlitmos anos”, destaca.
Dende o CEIDA tamén se apunta que nos últimos anos se produciron algúns "eventos esporádicos" de mortandade de gaivotas tanto en Galicia como noutros territorios, nos que as gaivotas "son afectadas por algún tipo de enfermidade ou síndrome descoñecidos que as paraliza ata chegar a provocar o seu falecemento”, explica Sergio París.
Hai dous anos a SGO apuntaba, ao igual que París, que a presenza de gaivotas en vilas e cidades, coas molestias que ocasionan, "é un motivo polo que moitas persoas senten xenreira cara estas aves" e que por este motivo "a súa diminución podería ser recibida como unha boa nova, ou como o froito dunha boa xestión". Porén, sinala que o feito de que se deba, cando menos en parte, a un proceso de mortandade por causa dunha enfermidade descoñecida "debería disparar todas as alarmas" pois "as gaivotas comparten con nós moitos espazos, e o que lles suceda pode ser sintomático do estado no que se atopan aqueles lugares nos que vivimos".
Para a SGO, o feito de que o descenso se deba, cando menos en parte, a un proceso de mortandade por causa dunha enfermidade descoñecida "debería disparar todas as alarmas" pois "as gaivotas comparten con nós moitos espazos"
Por este motivo a entidade esixía "unha urxente actuación" da Xunta de Galicia e demais administracións con competencias na materia para determinar con claridade as causas deste descenso. A SGO "carece dos medios materiais para coñecer as causas deste síndrome", polo que pedía a actuación dos Gobernos galego e central, especialmente no Parque Nacional das Illas Atlánticas, denunciando como "especialmente grave e inescusable" que non se actuara neste lugar "para saber que mal está afectando tan drasticamente a unha parte importante das súas poboacións de aves mariñas que son, por certo, un dos motivos fundamentais da súa existencia como tal".