O Goberno central autoriza un recheo de 5.000 metros que o Porto de Vigo xustifica para dar “garantías sanitarias” fronte á COVID

Auditorio Mar de Vigo, deseñado cunha gran cristaleira sobre o mar nunha zona que agora o Porto quere ocupar cun recheo Dominio Público HombreDHojalata CC BY-SA 3.0

A Autoridade Portuaria presenta como de “necesidade imperiosa” unha obra que afastará do mar o Auditorio Mar de Vigo e que xa adxudicara antes mesmo de recibir o visto e prace do Ministerio para a Transición Ecolóxica 

A Autoridade Portuaria de Vigo leva anos planificando máis de 200.000 metros cadrados de novos recheos presentándoos como “crecemento sostible”. Entre eles, un dos proxectos máis avanzados é a ampliación en máis de 5.000 metros cadrados do peirao que dá servizo á lonxa do Berbés, que agora vén de recibir o visto e prace ambiental do Ministerio para a Transición Ecolóxica e que, malia a estar xa prevista desde anos antes, a Autoridade Portuaria xustifica agora como necesario para dar “garantías sanitarias” fronte ao coronavirus.

Recheo fronte ao Auditorio Mar de Vigo Dominio Público Praza Pública

O novo recheo, que se levantará xusto fronte á gran cristaleira central do Auditorio Mar de Vigo e afastará aínda máis ese edificio do mar que lle dá nome, xa foi adxudicado pola Autoridade Portuaria por preto de tres millóns de euros antes mesmo de obter a autorización ambiental da que agora informa. 

Sobre a obra, así é como a xustifica a entidade presidida polo ex-conselleiro Enrique López Veiga: “A actual situación sanitaria a causa da pandemia pola COVID-19 levou á Autoridade Portuaria de Vigo a establecer unha serie de medidas preventivas para salvaguardar a integridade do Berbés, garantindo, así, que o pescado e o marisco que consumimos nos nosos respectivos fogares ten todas as garantías sanitarias necesarias. Pero isto implica, ademais, a necesidade imperiosa de ampliar e adecuar as instalacións para dar servizo a esta demanda”.

O porto de Vigo vén presentando os seus plans de novos recheos que suman máis de 200.000 metros cadrados como parte da súa "estratexia azul" para o "crecemento sostible"

Ese recheo suporá modificar notablemente as vistas actuais do Auditorio Mar de Vigo, inaugurado en 2011 e deseñado por César Portela cunha gran cristaleira aberta cara ao mar e tendo presente sempre ese elemento. Se agora o mar está a uns 50 metros do auditorio, só separado del pola avenida de Beiramar e un estreito peirao paralelo, co novo recheo pasará a estar a máis de 170 metros, ao outro lado dun espazo que será empregado por vehículos pesados para as operacións de carga e descarga do peixe da lonxa. Por outra banda, o auditorio foi pensado no seu momento como peza central da sempre postergada rexeneración desa zona do litoral vigués, que debía incluír un túnel que a libere de tráfico para achegar o mar á cidade. Unha infraestrutura á que se comprometeu no seu momento a Xunta pero que a falta de entendemento co Concello mantén paralizada desde hai unha década.

O recheo que agora comezará a súa construción é un máis dos varios proxectos de ampliacións de peiraos que baralla desde hai anos a Autoridade Portuaria englobados boa parte deles dentro da súa “estratexia azul” ou “Blue Growth” (crecemento azul).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.