Un estudo da UE cifra en nun 0,5% o aumento do turismo en Galicia co actual quecemento global, que debera dispararse a niveis de risco para o medio ambiente mundial (4 graos) para que o país captase un 3% máis
O pasado 23 de xaneiro a Xunta lanzou en Fitur a marca Galicia Refuxio Climático con argumentos que presentan o quecemento global como unha oportunidade para o país en comparación con outros territorios. Hai ano e medio un estudo da UE puxo cifras ao efecto do cambio climático sobre o turismo e estimou que co actual quecemento global a demanda turística en Galicia medraría apenas un 0,5%. Debera dispararse a niveis considerados de risco para o medio ambiente global, con efectos catastróficos, para que o país captase un 3% máis de turismo.
O Acordo de París de 2015 estableceu como obxectivo limitar o quecemento global a como máximo 2 graos por riba da temperatura existente na época preindustrial, considerando preferible que ese quecemento quedase en 1,5 graos. Un quecemento que os expertos veñen situando nun ritmo de 0,2 graos por década.
A partir destes obxectivos, en 2023 o Joint Research Centre, principal centro de asesoramento científico da Comisión Europea, publicou o estudo Impacto rexional do cambio climático na demanda turística europea. Un documento que "examina o impacto potencial do cambio climático na demanda turística nas rexións europeas no horizonte temporal 2100" simulando catro niveis de quecemento: 1,5º, 2º, 3º e 4º.
O estudo da Comisión Europea sinala que serían as rexións do norte do continente as que máis verían incrementar a demanda turística canto maior sexa o cambio climático
Segundo ese estudo, cun quecemento de 1,5º, o desexable polo Acordo de París, a demanda turística aumentaría en Galicia un 0,5%. No segundo escenario, cun quecemento de 2º, o límite máximo contemplado no Acordo de París, o aumento da demanda sería dun 1,2%. Habería que chegar a quecementos de 3º ou 4º para que a demanda aumentase un 2,5% ou 3,2%.
Segundo a Comisión Europea, un aumento de 2º respecto da era preindustrial está asociado a "graves efectos negativos para o medio ambiente natural e a saúde e o benestar humanos, incluído un risco moito maior de que se produzan cambios perigosos e posiblemente catastróficos no medio ambiente mundial". Con 4º de quecemento as consecuencias poderían ser "devastadoras", con riscos para a produción de alimentos ou perda irreversible de diversidade biolóxica.

O estudo do impacto do cambio climático no turismo en Europa si coincide coa Xunta en que outras rexións -case todo o resto da Península Ibérica e o sur de Europa- verían caer considerablemente a súa demanda, pero tamén sinala que serían as rexións do norte do continente as que máis verían incrementada a demanda, que en global seguiría a aumentar no conxunto da UE.

O consenso internacional fala dun quecemento de 0,2 graos por década, pero a Xunta esaxera e di que en España é de 0,25 graos cada ano para presentar como un privilexio que en Galicia sexa menor
Nesa comparación con outras rexións -"somos un privilexiados", dixo a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, en Fitur- o Goberno galego chegou a poñer por escrito que "nos últimos anos a temperatura media anual en Galicia incrementouse a un ritmo notablemente inferior ao do resto do país, cunha suba de 0,2 graos anuais fronte aos 0,25 graos rexistrados a nivel nacional".
Unhas cifras que, atendendo aos consensos internacionais que cifran en 0,2 graos de aumento por década e non por ano, estarían notablemente esaxeradas para publicitar a marca Galicia Refuxio Climático como "imaxe dun territorio verde e azul, máxico e cunha meteoroloxía benigna e amable da que desfrutar todo o ano".
En 2024 o turismo medrou en Galicia un 14%, segundo a Xunta
Canto ao que suporían os posibles aumentos de demanda turística derivados do cambio climático calculados polo estudo da UE, hai uns días a Xunta ofreceu a cifra de 8,2 millóns de visitantes en 2024, un 14% máis que en 2023. Un aumento do 0,5% desa cifra suporía uns 41.000 visitantes máis ao ano, mentres que un incremento do 3% implicaría 246.000 visitantes máis.