Poucos días despois de presentar o cambio climático como oportunidade turística para o país, a Consellería de Medio Ambiente divulga os datos nos que MeteoGalicia acredita que xaneiro foi "extremadamente cálido"
A Xunta decidiu presentar a crise climática como unha oportunidade turística. Así o vén sostendo dende hai tempos e así o certificou na última edición de Fitur, onde os departamentos de Turismo e Medio Ambiente foron da man xunto ao presidente Rueda para presentaren a marca Galicia refuxio climático.
Entre os argumentos para reforzar esa aposta a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático expuxo que nos últimos anos a temperatura media en Galicia sobe "0,2 graos anuais fronte aos 0,25 rexistrados" na media estatal. "Somos uns privilexiados", resumiu Ángeles Vázquez para promocionar a "benigna e amable" meteoroloxía galega.

Este pasado mércores MeteoGalicia avanzou os principais datos do seu informe climatolóxico do mes de xaneiro. Como é habitual, a propia Consellería de Medio Ambiente divulgou algunhas das conclusións máis destacadas. Entre elas, que o país viviu o terceiro xaneiro máis cálido en 60 anos, isto é, o primeiro mes de 2025 foi o que tivo as terceiras temperaturas medias máis elevadas dende que existen rexistros comparables.
A temperatura media estivo 1,8 graos por riba do normal
Durante o mes de xaneiro, informa MeteoGalicia e divulga a Consellería, a temperatura media das once estacións máis representativas da rede foi de 9,8 graos. Isto implica que "a anomalía media da temperatura" no mes estivo 1,8 graos por riba do "valor normal climatolóxico", o que fai de xaneiro de 2025 "extremadamente cálido" para o conxunto de Galicia.
Estes son os valores que o converten "no terceiro xaneiro máis cálido dende que existen rexistros" nunha serie que principia en 1961. Para atopar o precedente máis cálido non hai que ir moi atrás, xa que foi xaneiro de 2024.

Atendendo ás temperaturas mínimas, a media estivo 2,3 graos por riba do normal, o que tamén entra na escala de "extremadamente cálido". Mentres que en puntos da montaña ourensá o termómetro chegou a baixar ata 0,1 graos, no Morrazo as mínimas non descenderon alén dos 8,5 . Nas máximas a anomalía media foi de 1,3 polo que se considera "moi cálido", cos valores máis altos no Salnés, ata 15,2 graos.
As chuvias tamén estiveron "moi por riba" do normal, cunha precipitación media acumulada de 345 litros por metro cadrado
Todo isto aconteceu nun mes no que as chuvias tamén estiveron "moi por riba" do normal a causa dun tren de borrascas contra o remate de xaneiro. A precipitación media acumulada foi de 345 litros por metro cadrado, pero no suroeste da provincia da Coruña chegaron a rexistrarse ata 850 e onde menos choveu, no leste ourensán e na Mariña, non baixaron de 120 litros por metro cadrado.
Este mesmo xoves, a través dun artigo de opinión en El Correo Gallego, a conselleira Ángeles Vázquez, esgrime a súa propia xestión como proba da "convicción de estar no camiño correcto para que Galicia siga sendo un refuxio climático". Porque 2025, agrega, debe ser o "ano do medio ambiente á galega" con fitos coma o traspaso das competencias de xestión do litoral.