González Casares contrapón que o Goberno galego presente Galicia en Fitur como "refuxio climático" con "datos falsos" mentres o PP Europeo tenta frear medidas para impedir a chegada á UE de "aluminio, aceiro, cemento ou enerxía producidas por industrias contaminantes" aína que implique "poñer en perigo moitos postos de traballo" no noso país
A pasada semana o Goberno galego presentou ao máis alto nivel a súa nova aposta turística. Baixo a marca Galicia, refuxio climático, a Xunta comezou a vender en Fitur a crise climática como unha oportunidade para o turismo no noso país. "Somos uns privilexiados", asegurou no acto a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que esgrimiu argumentos como que "nos últimos anos" a temperatura media en Galicia ascendeu cinco centésimas menos que na media estatal.
A presentación da nova ferramenta da política turística da Xunta, intimamente ligada dende hai anos ás preferencias de varias das principais empresas do sector, xerou un notable rebumbio nas redes sociais e tamén deu lugar a reaccións políticas. É o caso de Nicolás González Casares, eurodeputado do PSdeG, a cuxo xuízo o Executivo galego en xeral e as súas responsables de Medio Ambiente e Industria en particular deberan "deixar de dicir estupideces climáticas" e "facer os deberes en Bruxelas" ao respecto.
Alén de considerar unha "estupidez" presentar Galicia como un "refuxio" fronte a un fenómeno global coma o cambio climático, advirte Gonzáelz Casares, a conselleira Vázquez "vendeuno" mediante "datos falsos". "Presumiu de que a temperatura subira en Galicia 0,20 graos fronte aos 0,25 do resto da Península, cando a realidade é que segundo os datos oficiais subiu 1,3 graos en 2024 e, ademais, o clima non é estanco".
Segundo MeteoGalicia, 2024 foi un ano "extremadamente cálido", cunha temperatura media 1,1 graos por riba do esperado e unha anomalía nas mínimas de 1,4 graos, a maior dende que hai rexistros
O balance climátolóxico de MeteoGalicia correspondente ao ano pasado indica que a temperatura media estivo 1,1 graos por riba do esperado. No caso das temperaturas mínimas, a alza foi de 1,4 graos máis do habitual ata acadar o nivel "máis cálido desde que hai rexistros". Valores coma estes fan que o departamento meteorolóxico do propio Goberno galego considere o 2024 como un ano "extremadamente cálido".
González Casares advirte de que estas declaracións do Goberno galego do PP se producen mentres "o Partido Popular Europeo quere adiar a entrada do axuste de carbono en fronteira dende 2026 a 2028". Isto é, atrasar medidas encamiñadas a "frear a chegada de aluminio, aceiro, cemento ou enerxía producida por industrias contaminantes de fóra da Unión Europea, o que supón "permitir a chegada de materiais máis baratos que non pagan a pegada de CO2, moitísimo maior que os producidos en Galicia".
Xunta e PP, agrega o responsable socialista, debera "reaccionar e defender de verdade as aspiracións da industria galega en Bruxelas". As manobras do PPE, advirte, "poñen en perigo moitísimos postos de traballo ao competir co aluminio producido por Alcoa, que xa é moito menos contaminante; a produción de aceiro na Coruña, a cementeira de Sarria ou a produción de hidróxeno, de importancia crecente en Galicia".