Cando se celebran eleccións europeas, un dos argumentos que é habitual escoitar para animar o electorado a participar nelas é que moito do que se decide nas institucións da Unión Europea nos afecta directamente no noso día a día a través das leis comunitarias. Unha das patas deses procesos que acaban converténdose en leis europeas é o Parlamento Europeo. Nel aspira a seguir estando Nicolás González Casares, referente do PSdeG na candidatura do PSOE para as eleccións do 9X
Nos últimos cinco anos, vostede foi un dos protagonistas na elaboración dalgunhas das normas no Parlamento Europeo que acaban sendo leis...
"Galegos e galegas hoxe están menos preocupados pola factura da luz que hai dous ou tres anos, algo fariamos ben"
Foi unha lexislatura marcada por crises. A primeira, a da COVID. Despois veu unha crise de recuperación inflacionaria marcada por unha disrupción enerxética. E tiven a oportunidade de traballar en ambos ámbitos. Na primeira, como enfermeiro ocupeime da xestión do día a día cando estabamos tratando de conseguir vacinas, revisando contratos, reclamando celeridade á Comisión. Despois, reformando a Axencia Europea do Medicamento para facela máis forte e revisar as cadeas de subministro de fármacos. E no momento máis enerxético, tivemos a directiva das renovables, onde Galicia foi unha inspiración e eu fun o que se chama relator na sombra. E despois fun o relator na reforma do mercado eléctrico europeo. Creo que é un fito que un galego reforme dende o Parlamento Europeo un mercado que afecta a 450 millóns de persoas. Eu teño a Galicia na mente cando facemos esas normas, porque un vive nun territorio no que pasan cousas e sente o que pasa a xente cando non pode pagar as súas facturas ou a desconectan da luz. Galegos e galegas hoxe están menos preocupados pola factura da luz que hai dous ou tres anos, algo fariamos ben.
O primeiro que estamos a preguntar, tamén a preguntarnos en Praza sempre que falamos das eleccións europeas do nove de xuño é se a primeira pugna, máis alá de que loxicamente cada partido tenta conseguir os votos para si mesmo… É facer ver á cidadanía que hai eleccións e a importancia de ir votar…
É transcendental, son cruciais. Tentamos que a xente vaia votar e é complicado, tamén porque temos certa fatiga. Pero hai que ir votar porque nos xogamos dous modelos: o dunha Europa construída entre consensos, con máis paz, democracia e respecto aos dereitos humanos ou a Europa que pretenden dende a ultradereita as forzas populistas reaccionarias con menos dereitos, máis levantar fronteiras e ideas que criamos esquecidas no pasado e están volvendo agromar. E con eles unha dereita, singularmente a española, que xa mercadea alianzas con eles. A nós dános medo porque é unha ameaza para as nosas sociedades; cando o PP lle fai as beiras á ultradereita ou goberna con ela, como xa goberna en España en comunidades autónomas, dá unha idea do que pode pasar en Europa. Por iso hai que ir votar. Nós, os socialistas, fomos capaces de paralos en España, coa colaboración doutras moitas forzas e da xente que foi votar. Por iso pedimos esa colaboración de novo; vainos a vida, para o proxecto europeo e para os nosos dereitos e liberdades.
A ata agora presidenta Von der Leyen xa se abriu a un pacto coa extrema dereita. Feijóo dixo nos últimos días que Giorgia Meloni, a primeira ministra italiana, non é exactamente o mesmo que outra extrema dereita… Podemos espertar o 10 de xuño cun Parlamento Europeo gobernado pola dereita tradicional xunto coa extrema dereita, rompendo así a liña de pactos entre populares e socialdemócratas?
"Estráñame esa Von der Leyen que quere facer amizade con Meloni. De Feijóo non me estraña tanto que queira ter alianzas con quen permite marchas fascistas"
Populares, socialdemócratas, liberais, verdes… Foi o gran tronco desta última lexislatura. Por iso estraña tanto esa Von der Leyen que quere facer amizade con Meloni. De Feijóo xa non me estraña tanto que queira ter alianzas con alguén que permite marchas fascistas por Roma. Nós non queremos ver iso de novo en Europa, esa realidade de Fratelli d'Italia, aos que hai que ver actuar no Parlamento Europeo: están moi á ultradereita. Partindo xa de que Italia non avanzou socialmente como España, por exemplo en igualdade ou nos dereitos LGBTI. En certa medida, esta internacional ultra ten a España no albo porque representa todo o que eles odian: diversidade, igualdade de oportunidades, máis emprego e mellores salarios. Iso non lles gusta, por iso disparan.
Comentaba antes que na reforma do mercado eléctrico tivo moi en conta as características de Galicia nese ámbito. Por que o electorado galego pode confiar en que votar PSOE nestas eleccións é tamén defender os intereses galegos?
"Non só pretendemos ser a voz de Galicia en Europa, tamén temos influencia real: lexislei máis nunha lexislatura que todo o resto de eurodeputados galegos xuntos nos últimos quince anos"
Non só pretendemos ser a voz de Galicia en Europa e facer máis Europa dende Galicia. Queremos ser a voz e a influencia, porque temos influencia real nas decisións do Parlamento Europeo. Eu mesmo lexislei máis nunha lexislatura que todo o resto de eurodeputados galegos xuntos nos últimos quince anos. Teño influencia no meu grupo, que é o segundo da Cámara; lexislei como relator en industria, enerxía, saúde, cuestións de pesca, renovables… Estiven como galego nas grandes decisións, inspirado tamén no meu territorio para tomar decisións europeas. E onde eu non chego, teño unha delegación socialista española en todas as comisións que me transmiten cando hai un problema que afecta a Galicia. Entre todos tentamos tomar decisións e cando non estou de acordo, por exemplo na pesca ou en cuestións agrarias, voto diferente aos meus compañeiros e compañeiras. Polo tanto, garantimos a defensa de Galicia con voz máis influencia.
Ata que punto pode callar o discurso, a tentación de facer do 9 de xuño un plebiscito en clave estatal? Que non se vote sobre europa ou sobre política europea senón sobre Pedro Sánchez, Alberto Núñez Feijóo, a amnistía…
Non somos os socialistas os que estamos introducindo eses temas na axenda. Para nós as eleccións europeas son importantes porque son eleccións europeas. E o Partido Socialista cre en Europa. E por iso temos de candidata nada máis e nada menos que á vicepresidenta Teresa Ribera, unha persoa coñecida e recoñecida en Bruxelas, valiosa no Goberno e que vai ser valiosa en Bruxelas. Mentres, o PP fai un mitin das que na campaña catalá non falaba e a primeira á que oculta é a candidata catalá que teñen. Nós falamos de Europa, da transición ecolóxica, da transición dixital, da necesidade de máis fondos. E non negar, por exemplo, a realidade dos fondos de recuperación que están traendo futuro tamén a Galicia.
Menciona á candidata do PSOE, a actual vicepresidenta e ministra para a Transición Ecolóxica… A crise climática está no centro da preocupación e tamén da política europea nestes últimos anos. Pódese seguir avanzando en obxectivos como a descarbonización ou o impulso ás renovables cunha Unión controlada politicamente polas dereitas?
"Non podo aceptar que Galicia sexa retardista climática"
Ese é un dos riscos que temos. O retardismo e o negacionismo climático estase apoderando non tanto da ultradereita, que xa estaba neses termos, senón tamén da dereita máis moderada. Pero non é tempo de dar pasos atrás cando temos unha emerxencia climática e vemos cada día os seus efectos. Temos un desafío global e unha responsabilidade coas vindeiras xeracións para avanzar, non podemos deternos. Temos que avanzar na descarbonización da nosa economía, nesa transición que é unha oportunidade para unha Europa que importa masivamente combustibles fósiles. Con máis renovables dependeremos menos de inimigos coma Rusia ou de tiranías do Golfo. E, ademais, Galicia pode ser unha gran beneficiada desa transición. Témolo que facer dun xeito ordenado, pero temos que facelo. Despois non vale laiarse das oportunidades perdidas. Vemos como outros territorios reciben grandes investimentos por enerxía limpa e asequible e as súas boas conexións dixitais, temos oportunidades pero estamos nun parón. E non podo aceptar que Galicia sexa retardista climática cando importamos practicamente o 80% dos combustibles que consumimos.
É posible compatibilizar a imprescindible transición ecolóxica co noso modelo territorial e produtivo? Fálase de que hai que avanzar, pero tamén houbo un parón eólico sobre todo na década pasada e ademais hai protestas a nivel local contra proxectos de renovables, todo un mosaico de malestares ao respecto…
"Onde se instalen renovables ten que quedar riqueza"
Eu podo entender o malestar dos cidadáns, sobre todo cando non se planifica axeitadamente. A Xunta ten un fracaso brutal; primeiro parou o plan eólico do bipartito, que foi o que máis enerxía eólica instalou, e agora temos un parón absoluto pola ineficacia na planificación. Na Directiva de Renovables tentamos que primeiro haxa unha boa planificación, vai ser obrigatoria e canto máis nos adiantemos, menos problemas imos ter. Ese despregue renovable ordenado ten que ter garantías de beneficios no territorio e así o puxemos tamén na directiva. Onde se instalen renovables ten que quedar riqueza; ben sexa por enerxía asequible ás industrias existentes, por traer outras novas ou por colaborar social e economicamente neses lugares. Así si que faremos unha transición xusta. E tamén no mar; eu non me nego ao desenvolvemento eólico no mar, pero ordenado, modulando os riscos e apoiando a quen se poida sentir prexudicado. Galicia ten que ser tractora, porque senón vai pasar o tren e ímolo perder.
Falando tamén de industria e de malestar veciñal e ambientalista: vimos de asistir a unha manifestación moi concorrida contra o proxecto de Altri na Ulloa. Ata onde vostede o coñece, cre que pode recibir fondos europeos de recuperación?
"Non vexo fondos europeos para unha celulosa, si podo velos para unha fábrica de fibras téxtiles sostibles"
O tema de Altri é absolutamente complexo. E eu entendo a preocupación na Ulloa e da toda a xente que se manifestou. A min tamén me preocupa: non queriamos unha celulosa na ría de Pontevedra e unha macrocelulosa na cabeceira do río Ulla é complexa de aceptar. Pero claro, temos unha Xunta de Galicia que un día di unha cousa e ao día seguinte, outra. A empresa ía traer 2.500 empregos e agora 500; ía estar na Mariña, ía fabricar só fibras téxtiles e agora é unha celulosa… Imos ver que di a Xunta, que ten que facer unha avaliación ambiental, pero os fondos europeos do plan de recuperación ao que quere optar esta empresa é tremendamente escrupuloso coa sostibilidade ambiental. Eu confío totalmente nas institucións. Non tanto na galega, porque a dirección política influíu, por exemplo, para que estivese en Palas, nunha cunca de xestión da Xunta e non noutra de xestión da Confederación Hidrográfica e do Goberno de España. Pero confío en que as institucións van ir vendo cales son os riscos e se non, estaremos para verificar escrupulosamente que o que se fai é sostible. Eu non vexo fondos europeos para unha celulosa, si podo velos para unha fábrica de fibras téxtiles sostibles. E iso é o que nos ten que trasladar a Xunta. E tamén diría unha cousa: Galicia necesita industria. Industria sostible. E ter un modelo industrial que a Xunta non ten. Cando unha iniciativa chega hai que avaliala con todo o rigor e non poñernos os partidos nun xogo de dicir que si ou non. Queremos máis industria en Galicia e probablemente este non sexa o modelo que precisamos, pero si temos que atraer máis industria ao noso país.
Nesta campaña, tamén nos últimos anos, escoitáronse voces que din que tras os fondos europeos de recuperación pola COVID volverá a austeridade de hai década e media. Existe ese risco de volta dos homes de negro?
Podemos acabar substituíndo os homes de negro de hai dez anos polos que se paseaban por Roma ou Milán se caemos nas redes da ultradereita, como pretende por exemplo Feijóo, que di que o fondo de recuperación é débeda. Chámalle débeda a uns investimentos que en Galicia van xa máis de 2.500 millóns e 39.000 beneficiarios entre persoas, PEMES e grandes empresas, que poden facilitar a transición ecolóxica. Eu non entendo como o PP se pon en contra dos fondos de recuperación: España e Galicia empezabamos a poñer máis cartos dos que recibiamos e o fondo de recuperación crea unha débeda europea, que imos pagar todos solidariamente pero do que recibimos moito mís ca o resto. O de Feijóo é pura ineficacia e miopía política. A resposta é moi simple: os fondos funcionan, España crea máis emprego e a Feijóo moléstalle porque Pedro Sánchez está facendo que España lidere Europa.
Vostede mesmo e tamén o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pediron apoio ao PP e ao resto de forzas para impulsar a oficialidade do galego nas institucións europeas. Alén dun desexo, pode virar en realidade na lexislatura que comeza?
"No Parlamento Europeo, se o PP quere, xusto despois das eleccións o galego poderase falar como lingua oficial"
O primeiro: no Parlamento Europeo, se o PP quere, xusto despois das eleccións o galego poderase falar como lingua oficial. Porque hai vontade das outras forzas. Isto podemos dicilo xa, sería moi rápido. Nas outras institucións pode ser máis complexo porque se necesita unanimidade no Consello. Pero xa sería moi simbólico no Parlamento, como xa foi no Congreso, onde Besteiro foi o primeiro en falar galego. Se o PP quere consenso en torno ao galego, consenso do que saíron, é o momento de volver a el amosando boa vontade nas institucións europeas. Non só por falar galego no Parlamento Europeo, senón polo que supón para a nosa cultura, para unha lingua en retroceso nas últimas décadas que necesita espazos para darse a ver e ser valorada polo resto de Europa e polos propios cidadáns do noso país.
Vivimos, en xeral, tempos un tanto desacougantes nos que ao mesmo tempo o internacional reflíctese moi rapidamente no que sucede na casa… Dende a invasión e guerra en Ucraína ao que sucede agora mesmo en Gaza. É inevitable que a Unión Europea fale máis de defensa, de exércitos, de armamento? Pode virar a Unión máis cara a esas coordenadas?
"Putin é un inimigo do noso modelo de democracia, dereitos e liberdades (...) O mesmo que queremos paz para Gaza, querémola para Ucraína"
A min non me gustaría nada ter que falar de defensa. A ninguén, sobre todo na esquerda, nos gusta. É algo no que non nos sentimos 100% cómodos, pero non podemos ser inxenuos sobre o mundo no que estamos vivindo. Europa, ese espazo creado despois das guerras como espazo de paz e democracia, cunha paz duradeira dentro das nosas fronteiras, ve como a brutal agresión da Rusia de Putin ao pobo ucraíno pon en risco o modelo europeo. Putin é un inimigo do noso estilo de vida, do noso modelo de democracia, dereitos civís e liberdades. Eu non quero esquecer a Ucraína, que tamén responde á necesidade de construción do modelo europeo. Eu quero a Ucraína na Unión Europea. Parece ser que hai outras forzas no arco parlamentario europeo que nin mencionan Ucraína no seu programa e eu non podo entendelo. O mesmo que queremos paz para Gaza, querémola para Ucraína. En Gaza o que está acontecendo é deleznable; o primeiro en alzar a voz a nivel europeo foi un socialista, Borrell, e agora o Estado español recoñece o Estado palestino. É de lei, non hai outra solución que ir aos dous Estados. E a paz ou se constrúe con iso ou non se vai construír. Iso tamén é un reflexo da vontade dos galegos e galegas, dos españois que sentimos que está ocorrendo un xenocidio en Gaza, que se está aniquilando persoas non só por vinganza, senón tamén co obxectivo declarado de quedar cun territorio. Onde máis de 15.000 nenas e nenos xa morreron, o cal é execrable. O Tribunal Penal Internacional pon en busca e captura os líderes israelís, España fai o correcto e o PP dubida e non segue a realidade dos tempos. Porque estar contra o que está facendo Israel non é estar contra o pobo israelí ou contra os xudeus, senón contra o masacre de persoas inocentes.
Non sería a primeira vez que un asunto doméstico controvertido acaba resolvéndose pola intervención europea. Cre que pode ser o caso da concesión da AP9, tendo en conta ese procedemento de infracción que a Comisión Europea ten aberto contra España pola prórroga do Goberno de Aznar no ano 2000. Hai unha porta aberta para que nesta lexislatura europea poidan vir novidades nese sentido?
Temos que falar máis diso, de que na AP-9 temos unha condena por máis décadas porque un Goberno do PP decidiu estendela. E facelo sen ningunha concorrencia, fixo unha prórroga sen abrila á competencia. E iso é o que está dicindo a Comisión Europea, que o prioritario é que todo o mundo poida participar, porque senón parece que estás favorecendo a alguén. Ábrese unha vía, pero se cadra ao final pagan xustos por pecadores: a vía ábrese contra o Reino de España, non contra José María Aznar, que foi o culpable diso e doutras moitas cousas. E probablemente teremos que pagalo todas e todos. Pero si, ábrese unha vía máis para dicirlle ao Goberno de España que temos que ir por esa senda porque a Comisión Europea ve que non se fixeron as cousas como se deberían facer. Pero o PP non pode marchar de rosiñas, porque eles son os culpables de a AP-9 siga tendo peaxe e se, por exemplo, na prórroga houbese certa competencia, se cadra viñan outras empresas que ofertasen unha peaxe máis barata.
E tamén en clave galega, vostede expresouse en varias ocasións a prol das reivindicacións do colectivo Defende a Galega… Cre que a nova lei europea de liberdade dos medios de comunicación, que acaba de entrar en vigor, pode forzar cambios na CRTVG?
"A manipulación do PP en Galicia non ten nada que envexar á Polonia do PIS ou á Hungría de Orban. Os informativos teñen momentos de fachosfera"
Podería ser, pero estamos ante unha Xunta que non cumpre nin a súa propia lei do Parlamento galego. A lei de medios de comunicación de Galicia está incumprida. A lei europea camiña cara a unha información veraz, contra a desinformación, pola trazabilidade de a quen pertencen os medios. Pero estamos ante unha Xunta que incumpre as leis polas que ten que velar. E por iso son moi escéptico; a manipulación do PP en Galicia non ten nada que envexar á Polonia do PIS ou á Hungría de Orban; están nas mesmas dinámicas, como vemos en moitos deses dixitais de Madrid. Non digo todos os programas da TVG, pero os informativos teñen momentos de fachosfera.