Na semana das Letras Galegas e ás portas da campaña das eleccións europeas, José Ramón Gómez Besteiro recupera a súa proposta de "acordo de país sobre o idioma" e concrétaa en varias iniciativas. Entre elas, a proposta coa que o PSdeG procurará o apoio político do Parlamento á oficialidade do galego na Unión Europea, obxectivo que o Goberno de España se comprometeu a impulsar canda o resto de idiomas oficiais do Estado.
"Quen di promover o uso da lingua e se opón a que sexa oficial no Congreso ou no Parlamento Europeo carece de credibilidade; iso foi o que fixo o PP de Rueda e Feijóo", reprocha Besteiro
Xunto a Nicolás González Casares, referente do PSdeG na candidatura do PSOE para os comicios do 9 de xuño, Besteiro sinalou que esta iniciativa nace da convicción de que "o primeiro" na defensa do galego é "dar exemplo dende as institucións". E, neste sentido, "quen di promover o uso da lingua e se opón a que sexa oficial no Congreso ou no Parlamento Europeo carece de credibilidade". "E iso -engade- foi o que fixo o PP de Rueda e Feijóo".
Neste contexto, as iniciativas rexistradas polo PSdeG provocarán que os catro grupos da cámara -o PP, o BNG, o deputado de DO e os propios socialistas- teñan que fixar posición sobre se "apoian" as iniciativas a prol da oficialidade "que o Goberno de España despregou tanto no Parlamento Europeo como no Consello Europeo". Plans que, di, "deben ter continuidade nos próximos meses".
González Casares admite o "complexo" camiño para a oficialidade do galego na UE, por iso ve "básico que dende o noso país se traslade ás institucións europeas o pulo e o interese de que o sexa"
"É fundamental acadar un consenso entre todos os grupos nesta dirección", sinala o secretario xeral do PSdeG, pero "tamén para modificar o Regulamento do Senado" e que nesa Cámara, "se recoñeza o uso do galego ao mesmo nivel que se fixo no Congreso". Ao seu xuízo, a comparecencia prevista para este martes no Parlamento do novo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, "sería unha magnífica oportunidade para comprobar se Rueda eo PP apoian o uso do galego nas institucións, en todas".
González Casares apoia a presentación desta iniciativa no ámbito parlamentario galego porque, di, nas institucións comunitarias os populares están "bloqueando ou tratando de matar esta iniciativa". Quer no Parlamento, "pendente dun informe da Presidencia que non chega polo bloqueo" do PP Europeo, quer no Consello, porque "son os gobernos do PP os que tratan de que non se debata".
Os socialistas, pola súa banda, resalta, apoian a iniciativa con argumentos como que o galego "ten máis falantes que cinco das 24 linguas oficiais da UE" ou que algúns dos Estados membros, caso de Irlanda, "teñen máis dun idioma oficial" recoñecido na Unión. Así e todo, admite, ese recoñecemento é "complexo" e por iso "é básico que dende o noso país se traslade ás institucións europeas o pulo e o interese de que a nosa lingua sexa oficial".