Menos de dez anos para "comezar a perder praias" galegas e nova alerta pola contaminación litoral

Edificios na costa de Foz, unha das áreas que Greenpeace sinala como de maior risco pola suba das augas a causa da crise climática © Greenpeace/Pedro Armestre

Greenpeace presenta a edición 2024 do seu informe 'Crise a toda costa' cunha advertencia sobre os riscos de perder "a función de barreira protectora" que supoñen as praias ameazadas pola suba do nivel do mar

"Comezaremos a perder praias nos vindeiros dez anos". É unha das alertas máis rechamantes, pero se cadra non a principal, entre as moitas que atinxen a Galicia na edición 2024 do informe Crise a toda costa, no que Greenpeace analiza "a situación do litoral perante os riscos da emerxencia climática" e que, no caso galego, combina advertencias polas proxeccións de subas do nivel do mar xa cara á fin desta década con outras máis específicas vinculadas, sobre todo, á contaminación.

"Exceso de urbanización, construción de barreiras artificiais como diques, espigóns, paseos ou portos deportivos", a "dilapidación de recursos naturais" e as verteduras incontroladas, explica a organización ecoloxista, "provocaron desequilibrios que se traducen no retroceso e a perda de praias". Unha situación que vai alén do turismo ou da contemplación da paisaxe: perder praias implica perder "a súa función de barreira protectora, o que supón un risco para milleiros de persoas residentes no litoral".

Proxeccións de zonas atinxidas pola suba do nivel do mar en 2030 na ría e Arousa, unha das áreas máis afectadas en Galicia

Greenpeace achégase ás proxeccións da NASA plasmadas sobre o mapa por Climate Central, a organización científica internacional centrada en estudar e divulgar os efectos da crise climática que xa advertira dos riscos para a costa galega cara a 2050, pero que os reflicte tamén para o horizonte de 2030. Para daquela, resalta Greenpeace, "xa se esperan impactos moi graves nas costas de Vigo, A Coruña e Vilagarcía".

Vigo e A Coruña, a ría de Arousa ou puntos da Mariña destacan nas proxeccións de risco de asolagamentos costeiros no horizonte de 2030

Pero non son os únicos puntos. Tamén é destacable, subliñan, o risco de "retroceso" da costa e erosión en contornas como "Foz, Viveiro, Ortigueira, Ferrol, Betanzos, Ponteceso, Carnota, a ría de Muros-Noia, a ría de Arousa, Pontevedra e A Guarda". Contra finais do século, abondan, "en cidades como Vigo, o mar levará comidos máis de 40 metros de costa".

"Durante décadas deformamos a costa á vontade e isto xa non funciona", ata o punto de que "xa non chegamos a anticiparnos ao problema" que "xa esta aquí", resalta María José Caballero, responsable de Costas de Greenpeace España. É por iso que "as solucións teñen que poñerse en marcha con urxencia" porque "todo atraso comportará maiores custos económicos e humanos" nun contexto no que a organización tamén vén sinalando como mostras de malas prácticas a urbanización desordenada e masiva en áreas como a ría de Foz ou Barreiros.

Zonas con risco de asolagamento por suba do nivel do mar en 2030 na cidade da Coruña e a súa contorna

De Ence ou Jealsa a Altri e as verteduras urbanas

Xunto a este diagnóstico e as advertencias dos riscos, Greenpeace enumera no seu informe algúns dos que considera principais puntos de contaminación presentes ou pasados na costa do noso país. Dende a planta de Ence na ría de Pontevedra, conta cuxa permanencia segue litigando no Tribunal Constitucional, aos riscos que identifica para a ría de Arousa no proxecto de factoría de Altri en Palas de Rei, ás beiras do río Ulla. Ence, en resposta ao informe, emitiu un comunicado no que subliña que está "plenamente comprometida coa minimización do seu consumo de recursos naturais" e agrega que a súa fábrica de Pontevedra foi recoñecida pola consultora Aenor "por vinte anos de coidado ambiental".

A organización ecoloxista reitera a esixencia de saneamento integral das rías e pon o foco no impacto do quecemento da auga do Atlántico para a pesca artesanal e o marisqueo

A Mina de San Finx, a balsa de lodos de Alcoa en San Cibrao ou a planta de Jealsa en Boiro son outros exemplos citados por Greenpeace para advertir da "combinación perigosa" que na costa galega son "o cambio climático e a contaminación". "Diversos estudos -advirten- amosan como a contaminación presente nas rías vai pór en perigo a súa biodiversidade", coas de Arousa, Vigo, Muros e Noia, Pontevedra ou Ferrol como as "máis castigadas".

"O saneamento integral das rías é, sen dúbida, unha das grandes materias pendentes do ambiente galego" nun contexto no que, subliñan, xa "afecta directamente á pesca artesanal e á produción marisqueira, en grave risco nos últimos anos". Máis aínda, agrega, polo "quecemento da auga do océano Atlántico", con "grande impacto sobre o mexillón".

Proxeccións de subas do nivel do mar para a ría de Foz e a costa de Barreiros

Decálogo de "solucións para a costa"

"É urxente facer fronte" a todos estes riscos, sintetiza o informe de Greenpeace. "Cunha redución moderada das emisións de efecto invernadoiro sería posible evitar o 40% do retroceso das praias de todo o mundo" e "protexelas e conservalas suporía un beneficio 150 veces superior a deixar que sigan a deteriorarse". "A costa protéxenos dos eventos meteorolóxicos extremos e da suba do nivel do mar, pero seguimos a maltratala", lamenta Caballero.

Frear a contaminación, pero tamén "poñer couto á turistificación masiva" e "introducir o cambio climático na planificación urbanística", entre as solucións formuladas por Greenpeace

E, cales son as solucións? Greenpeace resúmeas nun decálogo encabezado pola devandita redución de gases e que continúa coa reclamación e "devolver a calidade ambiental aos espazos costeiros" ou actuar sobre as fontes de contaminación.

Pero tamén, advirten, é preciso "poñer couto á turistificación masiva" ou "introducir as previsións sobre o cambio climático na planificación urbanística". Neste sentido, ven clave "impedir a construción de infraestruturas e a urbanización que xeren barreiras artificiais" e "impiden que a area se deposite nas praias", contribuíndo a "aumentar a virulencia dos temporais".

Zonas afectadas pola suba do nivel do mar cara a 2030 na ría de Vigo, segundo as proxeccións de Climate Central

"Conservar e facilitar a expansión cara ao interior das marismas e zonas húmidas" ou "revisar a delimitación" das zonas de dominio público máritimo-terrestre -o espazo público á beira do mar, de 100 metros en áreas non urbanizables de 20 metros nas que si o son" son outras medidas dun decálogo que, pide, asemade, "recuperar as zonas inundables" liberándoas de construcións e "promover a investigación científica das afeccións provocadas tanto polas barreiras artificiais coma polo cambio climático nos ecosistemas, as especies mariñas e a saúde das persoas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.