Cara á reconquista de Toralla: “Vivo aquí porque non entran os okupas”

Vista da illa de Toralla desde Coruxo. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/ Praza.gal

Colectivos ecoloxistas e veciñais reclaman un acceso libre á illa de Toralla mediante unha senda litoral que xa contempla a Lei de Costas. Incluso hai un proxecto concreto para a súa elaboración feito polo Ministerio en 2008, pero nunca se fixo realidade

A forte urbanización sufrida pola Illa de Toralla, en Vigo, fai un chisco decepcionante o paseo polo territorio insular, polo menos polos viais interiores que non se diferencian moito dunha urbanización en Baiona, por exemplo. Outra cousa son as vistas espectaculares desde a escandalosa torre de 70 metros ou desde as vivendas unifamilares construídas ao pé de cantís e rochas. Mais esa panorámica costeira está reservada para os propietarios e visitantes autorizados para entrar nas vivendas da illa, situadas na franxa costeira. Precisamente ese acceso ao bordo litoral contemplado na lei de Costas é o que están a reclamar distintas organizacións veciñais, ecoloxistas e políticas coa manifesta oposición de moitas das persoas propietarias.

Toralla é privada, legalmente privada desde que pasou das mans da Igrexa ao Marqués de Valadares hai case 200 anos. As cousas sempre foron así e aínda peor, porque na actualidade a cidadanía pode cruzar a ponte de 400 metros e ir ás únicas dúas praias da illa, mais houbo un tempo –entre a construción da infraestrutura viaria en 1965 ata os anos 90- que nin sequera se podía cruzar a ponte. Praza.gal percorreu o interior da illa para confirmar un aproveitamento urbanístico intensivo e un receo dos propietarios cara á posibilidade de que a poboación poida acceder á illa máis alá das praias.

Emilio Pérez, presidente da Asociación de Veciños de Coruxo, amosa unha foto antiga da illa de Toralla, sen a torre. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/ Praza.gal

Emilio Pérez, presidente da Asociación de Veciños de Coruxo, lembra que no lugar onde está o rañaceos de Toralla “había un montículo de terra cunha mesa de cemento forrada de azulexo” onde lles gustaba merendar

“De pequenos viñamos en gamela desde a praia da Calzoa, en Coruxo”. Emilio Pérez, presidente da Asociación de Veciños de Coruxo lembra perfectamente que no lugar onde está o rañaceos de Toralla “había un montículo de terra cunha mesa de cemento forrada de azulexo” onde lles gustaba merendar. Por alí quedaran tamén os restos dunha fábrica de salazón, segundo rememora, e unha figueira da que recollía os saborosos froitos. 

“Lembro a garita ao comezo da ponte. Non se podía pasar nin ás praias”, detalla Ángel Goberna, presidente da Asociación de Veciños de San Miguel de Oia. Esta entidade, xunto coa de Coruxo, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace ou o BNG protagonizaron a pasada fin de semana un acto de protesta para reclamar o acceso público á illa baixo o lema ‘Únete á reconquista de Toralla’ . “O que pedimos é a senda perimetral. O acceso á cidadanía en xeral a, como mínimo, esa senda que marca a lei. Non se trata de expropiar nada”, indica Goberna.

“Aquí non hai nada. Hai unha lenda negra en Toralla que non ten sentido”, explica María, propietaria dun chalé na illa.  María insiste na necesidade de que se respecte a propiedade privada. “Non son parcelas de ricos”, subliña

Mais os propietarios non concordan con estas reclamacións. “Aquí non hai nada. Hai unha lenda negra en Toralla que non ten sentido”, explica a Praza.gal María, propietaria dunha das vivenda máis antigas da illa, de 1974, segundo asegura. María insiste na necesidade de que se respecte a propiedade privada. “Non son parcelas de ricos”, subliña. Actualmente en portais inmobiliarios pódense atopar chalés á venda na illa, por importes en torno a  1,7 millóns ou 2,2 millóns de euros. En total hai 34 parcelas unifamiliares e 136 apartamentos na torre, que fan 170 vivendas para arredor de 800 persoas, aínda que esta cifra cambia moito segundo a época do ano.  

A propietaria asegura que a illa “xa case é pública” desde que se abriu ao acceso á ponte e ás praias e coa instalación alí da Ecimat (Estación de Ciencias Mariñas de Toralla), que pertence á Universidade de Vigo. “Xa é a illa privada de España máis habitada e usada”, detalla. “Pola ponte pasean persoas e veñen os pescadores todos os días e logo somos nós quen limpamos iso, porque aquí non veñen os servizos municipais”, acrecenta. 

Praia de Toralla, que é pública, cos chalés ao lado. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/ Praza.gal

Acceso restrinxido a través dunha ponte cunha garita e vixiante 24 horas, servizos comúns de carácter exclusivo como parque infantil e zona verde e toda a tranquilidade e beleza das vistas dunha illa levaron a María a comprar unha parcela nesta illa privada. 

“Eu vivo aquí porque non me entran os okupas. Paréceme un sitio moi seguro e a vida aí fóra está complicada”, defende María. “Eu non herdei a casa. É froito do meu esforzo persoal. Eu elixo onde quero vivir. É tan fácil como que se respecte a legalidade e a propiedade privada”, engade. 

A Lei de Costas establece que “a servidume de tránsito recaerá sobre a franxa de seis metros medidos terra adentro a partir do límite interior da ribeira do mar. Esta zona deberá deixarse permanentemente expedita para o paso público peonil”

 María confesa a súa sorpresa polo interese da xente en percorrer a illa, cando xa se pode gozar das praias e da rochas no litoral e a ría de Vigo pódese contemplar desde diversos puntos. Para ela, a execución da senda litoral, segundo consta na normativa de Costas, “non é nada ecoloxista. Paréceme inseguro e estúpido”, conclúe

A servidume de tránsito, no limbo

Á marxe de consideracións particulares e valoracións sobre se a illa debería ser ou non ser privada, o certo é que a normativa legal recolle a senda litoral reclamada. En concreto, o artigo 27.1 da Lei de Costas establece que “a servidume de tránsito recaerá sobre a franxa de seis metros medidos terra adentro a partir do límite interior da ribeira do mar. Esta zona deberá deixarse permanentemente expedita para o paso público peonil”, di o artigo.

Vista aérea da Illa de Toralla. CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia explica que mentres non se produza a transferencia dos medios materiais e persoais da xestión litoral, é o Executivo central quen ten toda a información e documentación necesarias para actuar en cuestións como esta

Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción, impulsou, xunto con Emilio Pérez a acción de protesta da pasada fin de semana na illa co obxectivo de “que se retome a construción da senda peonil e que se declare o acceso libre e gratuíto ao interior da illa”, declara. López anuncia que de cara a setembro están a preparar accións legais para denunciar á Xunta ou ao Ministerio para que se faga cumprir a lei de 2008, en referencia ao proxecto aprobado polo Ministerio de Medio Ambiente de “Recuperación do Dominio Público Marítimo-Terrestre e apertura ao tránsito na illa de Toralla”, que a día de hoxe está sen se aplicar de maneira efectiva.

A Xunta di que ten que actuar o Ministerio

En resposta a este xornal sobre a cuestión legal, a Xunta de Galicia aclara que tras a sentenza do Tribunal Constitucional que avala a Lei do litoral de Galicia, “desde a Xunta solicitamos de xeito inmediato ao Goberno central o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a nosa costa. Ata o de agora, a única comunicación que recibimos foi o 13 de xuño, cando o Ministerio de Política Territorial nos informou de que estaban valorando co Ministerio para a Transición Ecolóxica a nosa solicitude para constituír a Comisión Mixta de Transferencias, polo que este asunto está totalmente paralizado por parte do Goberno central”. Polo tanto, explican desde a Consellería de Medio Ambiente, “mentres non se produza a transferencia á Xunta de Galicia deses medios materiais e persoais, é o Executivo central quen ten toda a información e documentación necesarias para actuar en cuestións como esta.

Protesta de grupos ecoloxistas, veciñais e políticos para "reconquistar" a Illa de Toralla. CC-BY-SA Ecoloxistas en Acción

“O certo é que en pleno 2024 a veciñanza de Vigo segue sen poder percorrer a illa, que é un couto privado para uns poucos 'vips'”, subliña Xabier Pérez Igrexas, voceiro do BNG en Vigo

Segundo informan desde o BNG, a lexislación vixente recolle que calquera persoa pode chegar ata a ribeira do mar a pé. Pero a realidade é que aos visitantes só se lles permite acceder aos areais situados a ambos os dous lados da ponte. A norma contempla restricións ás leiras limítrofes co dominio público marítimo-terrestre para garantir o libre paso dos cidadáns e vehículos de vixilancia e salvamento, algo que en Toralla a día de hoxe é moi difícil de garantir polo aproveitamento das parcelas ata o límite marítimo, tal e como se pode apreciar, a golpe de clic, a través de Google Earth. O street view, pola súa banda, non ten datos da illa.

A forza nacionalista vén de rexistrar tanto no Senado como no Congreso dos Deputados iniciativas para exixir que se garanta o cumprimento da legalidade en Toralla tras telo demandado de maneira reiterada no Parlamento de Galicia e a nivel municipal. “O certo é que en pleno 2024 a veciñanza de Vigo segue sen poder percorrer a illa, que é un couto privado para uns poucos vips”, subliña Xabier Pérez Igrexas, voceiro do BNG en Vigo.

Imaxe histórica da Illa de Toralla, entre finais dos 60 e comezos dos 70, coa ponte mais sen rañaceos. CC-BY-SA Cedida

De mans da Igrexa a crear Toralla S.A.

Antonio Giráldez, membro fundador do Instituto de Estudos Vigueses explica que a Illa de Toralla debeu de pertenecer a Igrexa, probablemente ao bispado de Tui ata que en 1836 foron á poxa pública as propiedades da maioría dos mosteiros pola desamortización do liberal progresista Mendizábal. Daquela, foi adquirida por Francisco Javier Martinez Enriquez, Marqués de Valadares. En 1895, pasa a mans de Enrique Lameiro Sarachaga, que a compra a Mª Dolores Elduayen Martínez, herdeira do Marqués de Valadares.

 En 1910, Enrique Lameiro vende a illa a un indiano que volveu rico de Arxentina, Martín Echegaray Olañeta. Este home foi coñecido coma o señor de Toralla, segundo asegura Giráldez, e un dos fundadores de Tranvías de Vigo. Os seus herdeiros foron os que venderon a illa en 1965 ao matrimonio José Manuel Kowalski Fernández e Mercedes Peyrona Díez de Güemes. Nese mesmo ano, José Manuel Kowalski e os irmáns Guillermo e Ramiro Vázquez Lorenzo crean a sociedade Toralla S. A. A sociedade foi inscrita no Rexistro da Propiedade en 1966 e a día de hoxe segue a rexer na illa. 

Foi a mediados dos 60 cando se proxectou a construción dunha torre de apartamentos e as vivendas unifamiliares así como a ponte de 400 metros para comunicar a illa coa praia do Vao. O rañaceo, de 70 metros de altura, foi obra do arquitecto José Bar Boo e rematouse en 1974. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.