A Xunta desentendeuse da denuncia doutra empresa afectada e mesmo argumentou que a competencia era do Estado, pero nun interrogatorio do tribunal admitiu "certos incumprimentos" da conserveira
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ditar unha sentenza, con data do 5 de febreiro, que condena a Consellería de Medio Ambiente a abrir un expediente sancionador que comprobe se a conserveira Jealsa cumpre na súa planta central de Boiro coas condicións impostas na súa Autorización Ambiental Integrada (AAI), emitida pola propia consellería. O TSXG non prexulga o resultado dese expediente, pero na sentenza sinala que hai "indicios" de incumprimento e revela que a propia consellería, nun interrogatorio realizado polo tribunal, recoñece "certos incumprimentos" que poderían supoñer a revogación da autorización ambiental da planta.
Jealsa, fundada por Jesús Alonso, ex-alcalde de Boiro polo PP, e socia da Xunta na empresa para explotar recursos naturais galegos, vén recibindo diversas denuncias e inspeccións do Seprona da Garda Civil por vertidos e contaminación. Neste caso foi outra empresa da zona propietaria dun criadeiro de marisco quen, ante a caída da súa produción, instou a Consellería de Medio Ambiente a revisar a autorización ambiental coa que conta a conserveira. A Xunta gardou silencio e non contestou nin esa petición inicial nin o posterior recurso de alzada, o que levou á empresa afectada a recorrer á sala do Contencioso-Administrativo do TSXG.
Xunta e Jealsa tentaron primeiro deslexitimar á empresa denunciante, pero o TSXG confirma que como posible prexudicada si estaba capacitada para instar a apertura dun procedemento de revisión da autorización ambiental da conserveira.
Na causa xudicial Jealsa chegou a argumentar que este proceso contencioso-administrativo non podía continuar porque xa se abrira outro proceso penal previo nun xulgado de Ribeira por posible delito contra o medio ambiente. Pero ao tempo a propia conserveira salientaba que aquela causa penal fora arquivada en xuño do pasado ano. Así que o TSXG desbota tamén esa argumentación e conclúe que "non se aprecia obstáculo para a tramitación do procedemento sancionador".
Jealsa tentou pechar o proceso xudicial argumentando que xa se lle abrira outro penal por delito ambiental, pero ao mesmo tempo salientou que xa fora arquivado, polo que o TSXG dita que a Xunta abra o expediente sancionador
E sobre o fondo da cuestión, o Tribunal Superior considera que hai "indicios" para para que Medio Ambiente abra un procedemento administrativo sancionador que revise se a conserveira está a cumprir as condicións da súa autorización ambiental. A consellería tentou desviar responsabilidades tanto a outros departamentos da Xunta como Augas de Galicia, como a Costas do Estado. Pero o TSXG ratifica que "é competencia da Administración autonómica" supervisar a instalación de Jealsa xa que "é a que aprobou a Autorización Ambiental Integrada" outorgada en 2013 e revisada en 2022.
A sentenza agora emitida polo TSXG sinala que o propio tribunal remitiu un "interrogatorio" á consellería no que "existe un recoñecemento de certos incumprimentos que puideran conlevar esa revogación" da autorización.
Nas respostas ofrecidas polo Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación da Consellería de Medio Ambiente sinálase, "entre outras cuestións", que "a existencia dun aliviadeiro [despois selado], que vertía augas residuais directamente ao emisario submarino sen pasar pola depuradora industrial, non estaba contemplada na Autorización Ambiental Integrada". Tamén se sinala que a autorización contempla "10 difusores" polo que "a existencia de 17 difusores" detectada nunha inspección hai agora un ano "podería implicar unha maior dispersión do vertido no medio". E admítese que en diversas inspeccións da propia Xunta ou do Seprona atopáronse verteduras de todo tipo relacionadas coa conserveira nas súas inmediacións.
"En conclusión, e á vista de tales respostas, ha de considerarse a procedencia da incoación e tramitación do correspondente procedemento sancionador", di o TSXG, que en todo caso limítase a ordenar a apertura do expediente sen prexulgar o seu resultado final. Faino ademais nunha sentenza que pode ser recorrida en casación ante o Tribunal Supremo.