Un incendio na conserveira Jealsa en Boiro activa o Plan de Emerxencias de Galicia e mobiliza bombeiros de varias vilas

Traballos de extinción do incendio na nave de Jealsa en Boiro © @SLXE_Sanxenxo

Efectivos de salvamento do Estado e de gardacostas da Xunta tamén son mobilizados por un lume visible desde quilómetros de distancia

Un incendio declarado nas instalacións en Boiro da empresa conserveira Jealsa, que entre outras produce as marcas Escurís e Rianxeira, obrigou este sábado a activar o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) e mobilizar bombeiros de varias vilas así como efectivos de salvamento do Estado e de gardacostas da Xunta. Contra as 20.30 da tarde o lume deuse por controlado tras queimar uns 11.000 metros cadrados da fábrica de conservas, en concreto das zonas de conxelados, cocción e procesado.

A Axencia de Emerxencias de Galicia (Axega) rexistrou nos seus sistemas ás 14.26 horas un incendio de tipo industrial nas instalacións de Jealsa en Boiro e solicitou a intervención dos bombeiros de Boiro, Ribeira e Rivadumia, do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Noia, do servizo de Protección Civil de Boiro e de efectivos de Salvamento Marítimo do Estado e de Gardacostas de Galicia. Tamén alertou o grupo de apoio loxístico da propia Axega así como o Servizo Provincial de Incendios da Coruña.

Imaxe aérea do estado da conserveira Jealsa tras o incendio CC-BY-SA Xunta de Galicia

25 vivendas da zona foron desaloxadas e 60 persoas evacuadas por precación. 

Ao fío das 16.30 horas Axega informou tamén da activación do nivel 1 do Platerga correspondente á mobilización de recursos de ámbito supralocal “co fin de garantir a coordinación entre os organismos mobilizados para facer fronte a esta situación de risco”. 25 vivendas da zona foron desaloxadas e 60 persoas evacuadas por precación. E arredor das 20.30 horas, seis horas despois do seu inicio, a axencia daba por controlado o lume, o que facía que diversas unidades desprazadas se retirasen da zona mentres outras permaneceron nela para lograr a completa extinción.

Ata o lugar do incendio desprazouse o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, dixo estar "en contacto directo coa empresa".

Niveis do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) © Axega

O incendio de Jealsa rexístrase menos dun mes despois doutro incendio industrial de importancia, o que afectou a varias naves do polígono do Ceao, en Lugo, e que deixou danos millonarios. No sector conserveiro, en maio de 2016 outro incendio destruíu as instalacións de Fandicosta en Moaña.

Imaxe do incendio na conserveira Jealsa, en Borio, divulgada pola Conselleira do Mar, Rosa Quintana © @RosaQuintanaMar

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.