Un impacto material e económico devastador, pero sen danos persoais. O incendio declarado na nave de pinturas da empresa Castro Parga no polígono industrial lucense do Ceao contra as 6:40 da madrugada do domingo, 11 de abril, seguía sen ser dado por extinguido máis de vinte e catro horas despois do seu inicio. Ás oito da mañá deste luns, día 12, a Axencia Galega de Emerxencias xa dera por desactivado o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia, que activara no seu nivel 1 a causa do sinistro, o que implica a mobilización de efectivos de emerxencias alén do propio concello afectado.
A primeiras horas do luns continuaban os traballos de extinción e ao tempo, subliña a alcaldesa, as medicións de monóxido de carbono en naves da zona para determinar cando poderán retomar a súa actividade
A totalidade do persoal do parque de Bombeiros de Lugo, Bombeiros de Vilalba, persoal do servizo contra incendios de Monterroso, Becerreá e Chantada, ademais de persoal adscrito á propia Axega, actuaron nunha contorna con especial risco de propagación das lapas pola escasa distancia entre as naves industriais. A que foi orixe do lume, a de Castro Parga -a investigación segue en marcha, pero diversas informacións apuntan a un orixe eléctrico-, quedou "calcinada por completo", segundo Emerxencias, que tamén inspeccionou os danos mediante drons.
Outras dúas, as de Recambios al Volante e Recambios Frain -esta última ten no lugar un almacén de pneumáticos- tamén teñen queimadas parte das súas instalacións. Outra instalacións empresariais da zona, como a rotativa do xornal El Progreso, Frigoríficos Alfonso e Dielectro Industrial tamén se viron afectadas. Así, por exemplo, a empresa editora do xornal confirmaba este luns que parte das súas instalacións sufriron danos estruturais e o periódico non puido ser impreso na súa rotativa por esta causa.
Nunha visita á zona a primeiras horas deste luns, a alcaldesa de Lugo explicaba que, alén dos traballos para extinguir completamente as lapas, os bombeiros e outro persoal de emerxencias traballaban tamén no "control das emisións de monóxido de carbono" causadas polo propio incendio. Detalla Lara Méndez que destas medicións depende o reinicio da actividade nas "naves non afectadas directamente" polo lume. Nalgunhas delas, avanza a rexedora, será preciso agardar varios días "para que esa contaminación baixe" e así poder retomar a actividade laboral ordinaria.
Nesa visita, Méndez transmitiu tamén a algúns dos empresarios afectados polo incendio que, atendendo ás indicacións do servizo municipal de Arquitectura, "nalgúns casos" será precisa "a demolición de parte ou da totalidade" das construcións que arderon. Mentres os técnicos continúan as súas avaliacións, o goberno local mantén pechado á circulación un perímetro de seguridade en torno á zona.
O Concello apunta á "elevadísima carga térmica do foco" inicial, aos "materiais altamente inflamables" dos almacéns e á escasa distancia entre naves entre as causas que contribuíron á virulencia e extensión do incendio
A Axencia Galega de Emerxencias informa de que, nas primeiras avaliacións do acontecido, os propios equipos que interviñeron na zona conclúen que "ata cinco edificacións foron afectadas polas lapas ou polo fume desprendido durante o incendio". Ao comezo dos labores de extinción, camións da empresa Leite Río, cuxas instalacións se atopan próximas, colaboraron fornecendo auga mediante os seus propios medios aos bombeiros da zona. Ademais, foi baleirada por precaución a gasolineira de Gasóleos Ceao situada nas proximidades.
Neste sentido, o concelleiro de Medio Ambiente da cidade, Álvaro Santos, sinalaba na mañá deste luns nunha visita á zona coa alcadesa que "a envergadura do incendio e, sobre todo, as consecuencias que tivo, non gardan ningunha relación coa presión ni co caudal da auga dos hidrantes do polígono, que se abastece cun depósito propio". "Todo apunta -especifica o edil- a que a extensión da superficie que se viu afectada polas lapas obedece á elevadísima carga térmica do foco que as propiciou, que o facía incontible, axudado polas condicións meteorolóxicas. O Concello agrega que tamén resultou "determinante o tipo de materiais, altamente inflamables, que se almacenan nestes negocios" e o feito de que "apenas existe separación que actúe como cortalumes" entre as naves.
A Confederación de Empresarios de Lugo agarda que os danos "poidan resarcirse rapidamente" porque o incendio afecta a "empresas históricas que proporcionan emprego a máis dun cento de familias"
O cambio na dirección do vento durante os traballos de extinción favoreceu que o incendio non se estendese a outras instalacións e tamén evitou que o fume fose cara a zonas máis habitadas da capital lucense. Mentres os traballos de extinción conclúen e dan paso á investigación dos feitos, algunhas das empresas afectadas xa poñen cifras ás perdas.
É o caso de Recambios Frain, cuxo xerente, Francisco Dorado, estimaba o propio domingo nuns 15 millóns de euros as perdas para a compañía, indicou en declaracións que recolle La Voz de Galicia. Nun comunicado, a empresa indica que o incendio supón ademais que, durante os vindeiros días, teña "problemas para subministrar" pneumáticos con normalidade, xa que as lapas arrasaron "máis da metade das nosas existencias".
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), alén do "alivio" por que "non se producisen danos persoais", agarda que "poidan resarcirse rapidamente" os "incuantificables danos materiais". "Estamos a falar de empresas históricas de Lugo que proporcionan emprego a máis dun cento de familias", subliña a patronal lucense.